En abril, letras mil

Tiremos da retranca galega para ampliar o refraneiro popular, partindo do xa sabido porque, claro, “en abril, augas mil” prepáranos para os paraugas, pero se sumamos “en abril, letras mil”, ben acaído ao caso das dúas celebracións literarias internacionais neste mes, abriríanos a fiestra a mundos imaxinarios xusto cando os días chuviosos convidan a ficar na casa cun bo libro. É máis, coa celebración deste dous eventos que promoven a lectura, é bo subir ao palco das iniciativas esta variante nos ditos e sentenzas populares, que son os mellores slogans para anuncios publicitarios.


E é que, mentres as nubes descargan auga, os amantes da literatura prepáranse para a súa propia tormenta: unha choiva de títulos, autores e lecturas que prometen colleitas frutíferas de coñecemento e lecer. Así, mentres algunhas persoas corren a refuxiarse dos ballóns, outras buscarán abeiro entre as cubertas dun bo libro. Daquela, o refraneiro podería admitir perfectamente esta adición literaria, porque aínda que a auga nutre a terra, as letras dan vida enchendo a alma.


Velaí, o pasado dous de abril, como vén facéndose desde 1967, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés H. C. Andersen, o IBBY, organización mundial do gremio, promoveu a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre a xente máis nova. Para contribuír a iso, unha sección territorial desta entidade asume a responsabilidade de elixir un tema e seleccionar a unha autora ou autor importante do seu espazo xeográfico coa finalidade  de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a outra do ámbito das artes gráficas para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación e aínda por outros medios. Na edición deste ano, tocoulle a xaponesa que propuxo este lema: Navega polos mares coas alas da túa imaxinación.


Si, porque como nos narra Eiko Kadono, autora do texto, sendo un conto viaxeiro “vou voando a calquera sitio”. As veces, nas alas do vento. Outras, nas das ondas. Mesmo, nun gran de area. Tamén, nas das aves migratorias. Incluso, nas dos avións. Todo, para contar historias abraiantes.


Agora, está a petar xa na porta a celebración do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, efeméride de cada 23 de abril. Lembranza da morte ou nacemento de Cervantes, Shakespeare, Vladimir Nabokov e outros afamados autores. Data simbólica para a literatura universal que foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO, en 1995, como unha forma de fomentar a lectura, recoñecer a figura do autor e procurar o fortalecemento da industria editorial do libro. Con acerto, o cartel do Ministerio ilústrase con esta cita do último autor premiado no pasado “Miguel de Cervantes”: Vivo contando e conto vivindo, a ficción é unha parte imprescindible da existencia.


Agardamos tamén ao Día das Letras, con Luísa Villalta. Porque “abril e maio son as letras do ano”.

En abril, letras mil

Te puede interesar