Tilirín entre os seres da mitoloxía galega

Tilirín entre os seres da mitoloxía galega
portada da publicación “tilirín e a mitoloxía galega”

Tilirín, o personaxe infantil creado por Héitor Picallo, emprende unha nova aventura que o levará a descubrir algúns dos seres da mitoloxía galega. Este raparigo cheo de inquedanzas adéntrase nun universo lendario na oitava entrega da colección “O meu primeiro dicionario”, que ve a luz da man de Edicións Fervenza e que onte foi presentada na compostelana libraría Couceiro coa presenza do autor, ao que acompañaron a mestra Nora Pousa, o escritor Carlos Loureiro, o empresario Miguel Villar e o editor, Xosé Luna.
Páxina tras páxina, Tilirín xoga e brinca entre seres fantásticos e do imaxinario popular. “É un espectador, pero ás veces tamén actor, interactuando cos seres mitolóxicos”, comenta Héitor Picallo. Xa dende a portada, na que aparece a lombos dun cabalo acuático. Coa Santa Compaña (non podía ser doutro xeito) comeza a relación de personaxes lendarios,  con ilustracións, textos explicativos e, nalgúns casos, tamén cantigas populares.
A terra do autor, Cuntis, aparece en varias pasaxes como orixe ou zona de difusión dalgunha das lendas. É o caso da relacionada coa “Galiña e os pitos de ouro”. Contan Olimpio Arca e Mario Touceda que no xacemento de Castrolandín  hai soterrada unha porta de ouro máis grande que a da igrexa parroquial. “Cando aparece unha galiña con pitos de ouro, estes indican o lugar exacto no que está o tesouro”, relata Héitor Picallo. Tamén o “Gazafello”, que se camufla nas fragas, ten presenza na vila do Baño, incluso como protagonista de bromas a algún incauto turista. O “Home das Bubas” foi recuperado polo tamén cuntiense Xohán Xesús González en 1922. E creación doutra veciña da localidade termal, Manuela Francisco (ou Manuela de Xinzo), é a cantiga que completa o apartado adicado a “O Pero Chosco”.

textos e cantigas explican algunhas das lendas máis tradicionais
do noso paíspicallo é tamén autor dos debuxos, feitos con acuarela, tinta chinesa
e refugallos

 

Así ata un total de vintedous seres mitolóxicos. Algúns moi populares, caso das meigas, o home do saco, o lobishome, os trasnos, o dragón, os xigantes ou o apalpador. Outros menos coñecidos, propios de zonas concretas de Galicia e cuxa tradición se está a perder: o “Busgoso”, gardián dos montes; o “Codín”, do que falou Marcial Valladares xa no século XIX; o “Nubeiro”, que emula ao deus nórdico Thor provocando tronos; ou o “Urco”, un can con cornos que sae das augas máis profundas e ao que algúns dicían ter visto no Lérez.
Héitor Picallo é autor tanto dos textos coma dos debuxos, feitos con acuarela e, nalgúns casos, con tinta chinesa. “Non hai retoques informáticos, gústame facer todo a man”, introducindo materiais como teas, recortes de xornais, madeira de castiñeiro, cartolinas ou cortiza de sobreira para os fondos. Porque “os refugallos tamén poden utilizarse para facer unha obra artística”, apunta.
“Tilirín e a mitoloxía galega”, financiado fóra dos cauces das subvencións oficiais, toma o relevo de anteriores números de “O meu primeiro dicionario” nos que o protagonismo recaía sobre os paxaros, os peixes, escritores homenaxeados nas Letras ou construcións galegas, entre outros. E haberá máis, porque nos miolos de Héitor Picallo xa está a novena entrega, sobre música e cantautores da terra. 

Tilirín entre os seres da mitoloxía galega

Te puede interesar