O Auditorio Municipal da Illa de Arousa acolle este sábado durante todo o día unha xornada aberta sobre a pesca e o marisqueo en donde se falará concretamente do caso da Ría de Arousa. A iniciativa está organizada polo Bloque Nacionalista Galego, pero está aberta á cidadanía de a pé e tamén a xente do sector que poida estar interesada no tema.
A xornada arrancará ás dez e media da mañá coa benvida a cargo do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. Xusto a continuación a mariscadora cambadesa María José Cacabelos será a encargada de falar sobre “O sector marisqueiro, mulleres na pesca”.
A situación do sector bateeiro tamén contará cun oco nestas xornadas do sábado. Agustín Pose será o encargado de dirixir unha comparecencia que se presenta baixo o título de “O sector mexilloeiro en urxencias”.
Ao fío das once e cuarto a responsable do sector da conserva da agrupación sindical CIG, Rosa Abuín, será a encargada de poñer luz sobre cómo está o sector transformador e cales son os retos que lle cabe esperar nun futuro. Despois destas tres comparecencias haberá un debate aberto no que poderán participar todos aqueles que o desexen.
O programa previsto continúa ás doce coa intervención do deputado autonómico en materia de Pesca, Daniel Rodas, que fará un análise do sector e o impacto da política comunitaria no sector pesqueiro galego.
Nas xornadas de A Illa tamén estará un mariñeiro da Confraría de Muros, Primitivo Pedrosa, que falará da pesca artesanal.
Por outra parte, o responsable de CIG Mar, Xavier Aboi falará da indefensión da pesca galega de altura e gran altura e das alternativas que se plantexan como solucións.
A candidata do BNG ao Parlamento europeo, Ana Miranda, será a encargada de pechar a quenda de intervencións falando de Galicia como nación pesqueira e a súa necesidade de facerse oír en Europa.
Todos aqueles que se inscriban previamente participarán nun xantar mariñeiro na Illa de Arousa e pola tarde, ao fío das cinco, visitarán o “Centro de Interpretación da conserva” e o galeón tradicional “Rei do mar” da asociación cultural “Dorna”.
O deputado nacionalista Daniel Rodas matizou onte na presentación destas xornadas en Vilagarcía que o sector marisqueiro e pesqueiro non está pasando polo seu mellor ano debido non só ao desplome de prezos, senón tamén aos múltiples temporais concatenados. Considera ademais que dende as administracións non se presta o apoio dabondo para que este sector poida saír a flote.