As medallas de Galicia 2024 celebran e recoñecen o éxito do audiovisual na Comunidade

As medallas de Galicia 2024 celebran e recoñecen o éxito do audiovisual na Comunidade
Medallas Galicia 2024

 O actor lucense gañador de tres premios Goya, Luis Tosar; a produtora melidá de máis de 40 títulos entre cinema e televisión, Zaza Ceballos; e a Academia Galega do Audiovisual recibiron este mércores 24 de xullo as Medallas de Ouro de Galicia, un recoñecemento que este ano serve para celebrar e agradecer os éxitos cultivados polo cinema e o audiovisual na Comunidade.


Centenares de persoas acudiron á Cidade da Cultura a un acto presidido polo titular da Xunta, Alfonso Rueda, que no seu discurso comezou lembrando aos mariñeiros falecidos onte nas augas das Malvinas, tras o minuto de silencio que todo o público gardou en sinal de respecto ás vítimas do naufraxio.


"O noso corazón está cos falecidos, coas súas familias e achegados, e con todas as vítimas deste maldito naufraxio", expresou Rueda, que engadiu que "Galicia enteira abraza a estes mariñeiros" e que ante esta "traxedia" o Goberno galego "estará á altura" e "á beira das vítimas".


Lembrou tamén ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois, nun día no que se cumpren 11 anos daquel sinistro no que faleceron 80 persoas: "Todo o noso agarimo e apoio para as súas familias", declarou.


Os encargados de entregar as Medallas de Ouro de Galicia foron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; Diego Calvo; que subiron ao escenario cos galardoados.


O solemne acto estivo amenizado por gaitas e polas actuacións musicais de Luis Fercán e nel participaron autoridades como o presidente de Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o delegado do Goberno dean Galicia, Pedro Blanco; a maioría dos conselleiros que conforman o Executivo galego; o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; ou o bispo de Santiago, José Prieto; entre outras autoridades.


O primeiro en recoller a súa medalla foi o actor Luis Tosar, que se mostrou agradecido por poder compartir o premio co audiovisual galego, "que tanto talento, experiencia e bo facer demostrou nas últimas décadas".


Sinalou que ten "a fortuna" de poder dedicarse a unha das mellores profesións do mundo, xa que lle permite poñerse "na pel doutros" e "mirar en primeira persoa" realidades "alleas".


Engadiu que en "tempos broncos, violentos e intolerantes", nos que o "debate e a conversación son reliquias do pasado", poder crear "unha ficción que axude a comprender, que faga rir e que faga chorar ou soñar e provoque debate e reflexión" é "todo un privilexio".


O actor dedicou a medalla á súa muller, aos seus fillos, aos seus pais, á súa irmá e a todos os seus amigos e a todos os profesionais do sector audiovisual de Galicia.


Pola súa banda, a produtora Zaza Ceballos sinalou que todo premio vén acompañado de "responsabilidade" e asegurou que a televisión e o cinema "teñen unha gran influencia", polo que a medalla representa "un aviso para que os creadores e produtores consintan os contidos que reforzan os nosos valores como galegos".


"Espero que este galardón sirva como inspiración para novas xeracións de creadores e que xuntos sigamos elevando a nosa cultura a través do poder do audiovisual", expresou.


Dedicou a medalla á súa familia, ás compañeiras da súa empresa Zenit, aos colegas da TVG, aos seus amigos e amigas que a acompañaron durante tantos anos e a grandes mulleres que a "inspiraron" como Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán.


Por último, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, lembrou a primeira emisión que hai 40 anos realizouse na TVG e que "permitiu entreter e informar en nosa propia lingua".


Dedicou o premio a todos os profesionais da TVG, así como á asociación de actores e actrices, á dos guionistas, á de profesionais de dirección e realización, á de produtoras independentes, á Agrupación industrial Audiovisual Galego e á coordinadora galega de festivais.


"O noso traballo contribúe a facer un país mellor", expresou Pérez Becerra, sabedor "do poder terapéutico do audiovisual" cando acompaña e cando desde Galicia chega a "todos os lugares do mundo".


Pola súa banda, no seu discurso de peche do acto, Alfonso Rueda referiuse aos éxitos cultivados polo audiovisual galego, un sector "estratéxico para o presente e o futuro" da Comunidade.


En referencia a Tosar afirmou que se trata dunha das figuras "máis coñecidas e recoñecidas da escena galega, española e internacional", xa sexa como actor de teatro, cinema ou televisión, e enxalzou a súa enorme "capacidade interpretativa".
Sobre Zaza Ceballos destacou "os seus máis de tres décadas de experiencia como produtora de cinema e televisión" e sinalou que é "unha das máis respectadas profesionais do sector", debido a que a través da súa empresa, Zenit Tv, realizou "máis de 5.000 horas de televisión para distintas canles".


Por último, afirmou que a medalla para a Academia Galega do Audiovisual supón "un recoñecemento colectivo dirixido a todos os profesionais que o integran", desde guionistas, intérpretes, directores, realizadores, e un longo etcétera de persoas "moitas veces anónimas pero imprescindibles".


Ademais de referirse ao audiovisual "como fonte de riqueza e emprego" e como canle "de creatividade" na Comunidade; mencionou a crise migratoria que vive o mundo e que "apela a conciencia do primeiro mundo".


"Galicia sempre será unha terra solidaria", expresou o presidente da Xunta despois de que o PP, Vox e Junts tombase cos seus votos no Congreso a reforma da lei de Estranxeiría que permitía unha repartición vinculante de menores migrantes non acompañados entre as comunidades autónomas. 

As medallas de Galicia 2024 celebran e recoñecen o éxito do audiovisual na Comunidade

Te puede interesar