Carmela Alfonso ten 60 anos, é natural de Tremoedo e veciña das Sinas e é docente de Formación Profesional Agroforestal. Foi concelleira e a cara máis visible do BNG entre 2007 e 2015. Retirada da primeira liña entón, seguiu todo este tempo no núcleo da formación, como responsable do grupo local. Agora capitanea de novo o proxecto nacionalista na loita pola Alcaldía vilanovesa.
Como se produce este regreso á carreira pola Alcaldía?
Son avoa dende hai sete anos, por iso tamén fixen esta paréntese. Agora o de ser avoa será a tempo parcial, aínda que principal. Por que agora outra vez? Porque vexo un panorama esperpéntico. E porque tamén vexo porvir no noso grupo, con xente nova, pero que tampouco se atreve a ir encabezando.
Custa en Vilanova facer unha lista electoral?
Si, si custa. Porque, loxicamente, non fan agradable a estancia no Concello e na Corporación. Séntense amos, donos e señores. E ter maioría absoluta non significa ser o amo do Concello. Agora chámannos a todos ‘coalición de traidores’. Cando, a que está fronte a ti exerceu unha oposición completamente leal, construtiva e en positivo.
Houbo intentos de integración con xente de Gañemos?
Si. No BNG abrímoslle a porta. Xa antes dos seus círculos, aos que me convidaron e nos que participei algunha vez, eles foran tamén invitados ás asambleas do BNG. Agora ben, cando vin que, para presentar calquera iniciativa, tiñan que chegar a Madrid... Madrid está moi lonxe. (O BNG é) a única forza que só ten que ir a Santiago (para) tirarlle da chaqueta a quen corresponda, sexa Ana Pontón ou quen sexa. Ter esa proximidade en politica é moi necesario.
Pero houbo integración? Xente de Gañemos está agora no BNG?
Estiveron dispostos e estivo a punto. Houbo palabras de apoio e houbo xente que estivo para vir nas listas, pero, a última hora, por presentación de papeis... Case foi máis por falta de prazo e de tempo.
O goberno local do PP retirou o diálogo no Pleno á oposición, especialmente ao PSOE, ao considerar que non houbera unha condena rotunda contra os intentos de queimar a casa e coche do alcalde. O BNG condena eses actos incendiarios?
Por suposto. Ninguén merece ningún tipo de presión violenta.
Entende a posición de retirar o diálogo?
Non. A retirada do diálogo, en toda a miña vida só a tiven con unha persoa. Nunca lle retirei a palabra nin a Gonzalo Durán, a pesar dos momentos máis críticos ou duros. É que nin a ningún ex, que tampouco é que teña moitos. O non diálogo é a guerra. E a paz é un valor tan necesario que coido que o diálogo é a única ferramenta que temos para conservala.
Perdénrose as formas na política de Vilanova?
Si. Que non esteamos na Mancomunidade... Hai que tender pontes cos concellos veciños. Non podes ir cara Compostela por mar sen pasar por Vilagarcía.
Refírese a Mar de Santiago.
Si. É inexplicable que non pase por Vilagarcía. Hai unha ruta xacobea que nos une a todos. A unión é necesaria, útil e produtiva.
Como valora o feito neste mandato?
Foi un mandato de nervios. Por exemplo, agora, por perder a poltrona. Ven inimigos por todas partes. Como nun estado totalitario, como na obra de Valle-Inclán (“Tirano Banderas”) cando o ditador está vendo xa que lle saen inimigos e traidores por todos lados.
Se despois das eleccións non hai maioría absoluta, cabe imaxinar algún contacto para negociar posibles pactos entre BNG e PSOE. Pero podería haber algún con Renova, se é que acada representación?
Non. Que quede clariño xa. Para min é “Revella Vilanova”. Eu xa estiven na oposición con ese señor (José Juan Durán) no grupo de goberno. Se aquel executivo cometía todas as tropelías que el sinala agora, que facía el alí sendo consentidor? Cando a este señor o relegou seu irmán (o alcalde) nun posto máis abaixo na lista e manifestou que se ía ir, o cura, o señor Tucho (Sineiro), en paz descanse, sacou un artigo que dicía ‘José Juan, no te vayas, no te vayas todavía, no te vayas, por favor’. Sabes canto nos custou ese artigo aos veciños e veciñas de Vilanova? Doce mil eurazos! Este señor interviu en Pleno para pedir doce mil euros para a renovación dun altar, que xa estaba financiado e (para o que) xa se fixeran colectas na igrexa.
Entón, vincula vostede unha aportación municipal para a restauración dun altar...
...a un anterior artigo que custou doce mil euros.
Cales serían as principais liñas do seu programa?
Dado o desfondo económico deste Concello, hai que medir moito o gasto. Eu non son partidaria de paseos formigonados. Somos xente de facer sendeiros. Para o marisqueo viría moi ben non só sacar no catálogo (de zonas húmidas) de Galicia a enseada de O Esteiro, senón conseguir unha figura de protección: Desde o BNG plantexamos que sexa espazo natural de interese local. Logo, vivenda de alugueiro social, e revitalizar o rural, axilizando as concentracións parcelarias, que levan décadas sen rematar.
Ana Miranda, “dende o mundo para Galicia” |
A candidata decanta o seu referente para esta entrevista cara a eurodiputada do BNG Ana Miranda. “É un dos nosos grandes persoeiros”, “traballando dende o mundo para Galicia” e non ao revés. “É ao xeito que hai que ir”. Dela destaca ademais que “é unha persoa traballadora, entregada, honesta” e “fiel sucesora” do outro personaxe co que dubidou quedarse: Camilo Nogueira, “o meu referente desde a miña adolescencia”. Foi “a persoa que traía Europa a Galicia e non como sempre fomos, emigrantes galegos en Europa”. Preguntamos se na UE se ten suficientemente en conta a territorios como Galicia: “A Europa dos pobos está aí, hai que traballala e conseguila”, contesta. |
[... e mañá, entrevista a María José Vales, candidata do PSOE de Vilanova]