David Castro ten 51 anos, vive a cabalo entre Besomaño e Barrantes, é viticultor e responsable dunha adega e, desde 2015, alcalde de Ribadumia como independente. Primeiro, en minoría nun tripartito histórico que, xunto a Somos e PSOE, acabou con décadas de gobernos do PP. Desde 2019, en solitario, cunha cómoda maioría absoluta. Agora, ingresa no PP para ser o seu candidato, unha decisión que provocou un cataclismo político.
Hai catro anos preguntáballe con que socio do tripartito se sentira máis cómodo e contestaba que tentaba ter boas relacións con todos. Están rotas agora con Somos?
É moi importante manter as boa relacións. A política debe ser algo que nos una, porque traballamos todos para o mesmo obxectivo, o benestar dos veciños. Neste último mandato, Somos demostrou que, a través das súas mentiras, quería facer verdades. Non podo compartir ese xeito de facer política. Nós evitamos a crispación, é difícil que entremos en polémicas.
É verdade que o goberno evitou alimentalas, pero chegaron a pedirlle dimisións no goberno en, alomenos, catro ocasións: Pola “peineta” dunha concelleira, a festa durante o periodo covid, o set de manicura polo Día da Muller e a denuncia de supostas ameazas por un edil. Comparte que foron feitos graves ou cre que foron peticións esaxeradas?
Eles basean o éxito da súa política no noso fracaso. Se me parecen esaxeradas? É que non corresponden. Por certas cuestións non se pode embazar a boa vontade e bo facer dun político. O que fan estas persoas con esas críticas non é só atacar aos políticos, porque detrás deles están os traballadores. Como responsable do Concello, asumo toda esa carga, eu defendo sempre a eses traballadores.
Pero podería non facelo. Se un concelleiro comete un erro, non debería asumilo esa persoa?
Pero non é a miña forma de ser. Eticamente defendo a todos os traballadores.
Valorou algunha dimisión ou cese?
Baixo ningún concepto. O persoal merece un enorme respaldo, polo gran traballo feito. Antes, asumo eu esa carga.
Por que decide integrarse no PP?
Durante oito anos (como independentes) fixemos cousas moi importantes, pero creo que a día de hoxe non hai que perder de vista a problemática económica. Hai que pensar que Ribadumia non sube impostos. Sorpréndeme que a oposición diga con alegría que van facer isto ou aquilo... pero sen falar de diñeiro. Por que este paso en política? Como independentes coido que poderiamos gañar as eleccións, pero Ribadumia precisa un cambio de marcha. Entendo que dando este paso, estando máis preto das administracións, vai gañar Ribadumia.
Estando no PP é máis sinxelo que un Concello logre investimentos?
Pode ser máis sinxelo. Hai moitas necesidades no municipio que dependen da Xunta. O colexio, por exemplo, precisa dun investimento moi importante e depende, en gran medida, da Xunta. Creo que (así) é máis sinxelo poder chegar a acordos. Ademais, eu xa estiven no PP e entendo que pode ser unha oportunidade para Ribadumia. Creo que é un paso ben dado.
Boa parte de IR está agora no PP, pero moita xente que estaba no Partido Popular, agora está en Xuntos. Foi un fracaso a integración?
Non son eu o que o ten que dicir. Evidentemente, David Castro ten que facer un equipo no que confíe. E foi o que fixemos. Ese PP que pasa a Xuntos, que agora está negociando con Somos... non son eu quen ten que falar das súas posicións políticas. Quen é Xuntos? Quen o respalda? Quen está detrás?
Quen?
Precisamente. Que poñan nomes e apelidos sobre a mesa. Porque as persoas que están agora mesmo, ao mellor non teñen o peso político que teñen que ter e ten que haber algunhas persoas por detrás que os estean dirixindo. Pero, evidentemente, eu non vou entrar niso.
Se non logra unha maioría absoluta, falarían con algún outro grupo?
Para min é tan importante gañar as eleccións como ter capacidade de goberno. Se non hai maioría absoluta, non imos facer grandes esforzos. Todo depende como veña (o resultado). Evidentemente, con Somos nos imos negociar. Co PSOE, se se pon nesa posición, pois tampouco. Nós estaremos onde os veciños queiran colocarnos.
A oposición repróchalle que o anuncio dos trámites para legalizar o tinto foi o mesmo agora que o de hai catro anos.
Insisto, o fracaso deste equipo de goberno sería o éxito desas persoas. Podo entender que todas as cousas ás que nós damos solución, non son ben recibidas polos outros partidos. Eu presumo pouco, pero vou presumir de que fun o único alcalde que puxo a legalización do Tinto Barrantes sobre a mesa. E que ese obxectivo vaise conseguir. E fun a única persoa que comprometeu aos máximos representantes da administración para levar a cabo esta legalización da variedade.
Pode facernos un resumo dos logros do mandato e dos puntos centrais do seu programa?
En infraestruturas, actuamos en todas as parroquias. Pasamos todo a led por 700.000 euros, cun aforro de 100.000 euros para o Concello. Atendemos peticións e melloras no rural, reducindo a fenda co urbano. Hai que completar o saneamento, xa que os que quedan, son moi custosos. Logo, a reforma do entorno do colexio, que vai ser unha realidade cun gran proxecto, así como a mellora doutras rúas. En Servizos Sociais coido que fixemos un traballo importantísimo, atendendo unha media de trece persoas diarias. Damos asesoramento de urbanismo e catastro aos veciños; temos preparada unha modificación puntual para ampliar o chan industrial no polígono e somos o concello de O Salnés con máis eventos culturais e deportivos.
A súa familia e os valores, “o máis importante” |
O candidato á reeleción elixe para a fotografía desta entrevista á súa filla, para ilustrar nela a toda a súa familia. “É moi importante saber de onde vés e a onde vas”. “A familia é o máis importante” e el enténdea en sentido amplo: “Desde meus avós a meus pais, miñas irmás, miña muller, meus sogros...” Castro sinala que a el transmitíronlle na casa “a humildade e a defensa dos valores, a cultura do esforzo e do traballo”. E está convencido de que “a defensa dos valores é algo moi importante na vida”. Sobre se cre que se están a perder eses valores de familia, el percibe “que se perderon”, porque “ás veces as relacións son máis frías”. “Coido que, nese aspecto, temos que dar un paso atrás”. |
[... e mañá, entrevista a Marcos Rodríguez, candidato de Vox en Vilagarcía]