Diego Rosal | “Considérome a persoa que pode unir e baixar esta tensión política en Meaño”

Diego Rosal | “Considérome a persoa que pode unir e baixar esta tensión política en Meaño”
O candidato elixe a Gustavo Dudamel e á democratización do acceso á música | Y.P.

Diego Rosal é a aposta do BNG para volver entrar na Corporación de Meaño e optar a unha moi desputada Alcaldía, sen maiorías claras. Nacido en Xil e veciño de Simes, ten 39 anos e leva máis de media vida vencellado a toda unha institución no municipio: A música, por partida dobre.  Na Escola, onde exerce de mestre, e na banda Unión Musical, onde foi directivo e onde, curiosamente, comparte interpretacións co candidato socialista, Pablo Portas. Foi tamén un dos fundadores da asociación Árgoma Cultural e, agora, decide iniciarse en política.

 

Por que decide dar este paso?

Levo moitos anos, uns 23, ligado á asociación da Banda. E desde moi neno levo vendo todo o que pasa no Concello. Ao contrario que moitas das persoas da miña idade, que marchan para fóra, eu sempre estiven aquí. E soa sempre a romántico e semella que escapamos desde tipo de expresións, pero a min o que me motiva é o amor polo meu pobo, por todo o que me rodea: A paisaxe, as sendas, o patrimonio, a xente... Algo moi grande deste concello é todo o entramado de asociacións e persoas que adican moito tempo a facer cousas e actividades tan diferentes.  

 

E por que polo BNG?

É polo grupo polo que levo moitos anos simpatizando. Ligado ao que acabo de dicir, por ese amor polo noso, O BNG ten ese modelo co que máis me sinto identificado. E co que vexo noutras vilas, que avanzan e son lugares moi bos para vivir e asentar á xente nova.

 

Desde 2015, o BNG non ten representación na Corporación. Cal cre que foi o motivo e como sería posible darlle a volta a iso?

En Meaño hai esa estratexia de a veces camuflarse en siglas independentes. Pero penso que nos concellos ten que haber ideoloxía, ideas e maneiras de gobernar. Non é o mesmo xestionar fondos públicos sendo de esquerdas que de dereitas. Creo que o BNG agora ten un bo contexto, estas siglas xa non crean ese rexeitamento que tal vez hai anos podía haber. Debe de ser porque tamén estamos en crecemento a nivel autonómico e pola figura de Ana Pontón. Nós imos coas expectativas máis altas.

 

O achegamento do PP e do PSOE, a expulsión do alcalde do Partido Popular, dúas listas independentes... Está crispada a política en Meaño?

Algo que sempre me provocou moitísimo rexeitamento foron as formas. Pleno tras Pleno, viuse unha falta de formas que en política débense manter.  Nesta nova andaina eu quero debater, pero tamén saír dos plenos como un veciño máis, poder dirixirlle a palabra a calquera sen problema. Eu considérome esa persoa que pode unir un pouco e baixar esa tensión política.

 

Os aliados naturais do Bloque están claros. Nunca pactariamos co PP. Coido que podemos gobernar e, incluso, conseguir a Alcaldía. Imos a por todas, con altas expectativas

 

 

Que se fixo ben e que mal nestes anos en Meaño?

Fanse as cousas moi a curto prazo. Agora hai unha serie de noticias e obras moi electoralistas, xa pasou na anterior campaña. É como vender o peixe. Pero falta o proxecto de base. Se non hai servizos públicos e todos os anos se comeza o curso sen prazas na gardería e no comedor, como imos atraer novas familias? Se non temos un servizo de mobilidade, que dea autonomía á xente maior e á máis nova, como faremos que medre a economía de proximidade? Falta a base e tamén o PXOM, que está totalmente desac­tualizado. É algo fundamental para saber que concello queremos ter nun futuro e o que vai facer que a xente nova quede, poida rehabilitar ou mercar aquí.

 

Entendo que o seu programa vai ir por aí.

Si. Fixación e asentamento da xente moza. É todo parte diso, esas cousas básicas que teñen que estar. Aquí sempre se presume de ser o concello cos impostos máis baixos da comarca. Como presumes diso e despois non ofreces servizos básicos? Este concello está a quedar atrás.

 

Fíxose unha ampla reforma do palco da música e hai terreo para o auditorio. Como músico que é tamen vostede, como ve todo isto?

A asociación demandou un local de ensaio, porque medrou moito en compoñentes. Quizás non é mérito do alcalde, senón da moita forza que fixo á asociación. En canto ao auditorio, é unha demanda de hai máis de vinte anos e seguimos sen telo. Hai moitísimas dúbidas de que se vai facer e falta acordar entre todos o que queremos. O BNG vai na liña dun espazo cultural para todos. Que o auditorio se faga para a banda coido que é un erro e tampouco o quere a banda.  O deber dos políticos é implicar a todo o tecido asociativo neste proxecto.

 

Se non hai ningunha maioría. O BNG pactaría? Con quen?

Eu noto como moitos acercamentos. Ven no Bloque esa pinza que pode darlles a uns independentes ou a outros o goberno. Está claro cales son as liñas do BNG: Nunca vai pactar co PP. Está marcado pola liña ideolóxica, está clarísimo. Sabemos tamén cales son os aliados naturais do BNG en toda Galicia. Temos unhas expectativas altas: Coido que podemos gobernar e, incluso, conseguir a Alcaldía. Hai moitas posibilidades, como deixar que goberne en minoría outra opción. Non haberá maiorías claras e estamos sobre todo abertos a sentarnos con quen entenda a nosa maneira de ver o Concello. 

 

 

Gustavo Dudamel e a democratización da música

O candidato elixe a este venezolano, que é “dos mellores directores actuais de orquestra”. É batuta das filharmónicas de Nova Iorque, dos Ánxeles, tamén é titular da Ópera de París e da Sinfónica de Venezuela. “A súa filosofía é que a música é capaz de inspirar” e achégaa “á xente que non ten as mesmas facilidades de acceso a ela”. En Venezuela capitanea “un entramado de orquestras, sinfónicas, xuvenís, coros” para achegar a música “aos máis desfavorecidos”. “Practicamente todo o mundo ten a carón da casa acceso á aprendixaxe musical” grazas a isto. “Salvando a distancia”, “en Meaño a banda ten ese peso social e todas as familias teñen algún neno que pasou pola Escola, e iso fai comunidade”.

 

[... e mañá en O Salnés, entrevista a Pablo Portas, candidato do PSOE en Meaño]

Diego Rosal | “Considérome a persoa que pode unir e baixar esta tensión política en Meaño”

Te puede interesar