Javier Mougán | “Hai leas políticas en Ribadumia un pouco estrañas. Semellan fichaxes futbolísticas”

Javier Mougán | “Hai leas políticas en Ribadumia un pouco estrañas. Semellan fichaxes futbolísticas”
Javier Mougán elixe como persoeiro para esta entrevista a Manuel Azaña | Gonzalo Salgado

Javier Mougán ten 42 años, é veciño de Leiro e traballa no sector dos seguros.  No 2019 foi o número dous na lista socialista que entón encabezaba o seu veciño e amigo Pepe Lede. Agora, cambian os postos:  Mougán é o novo alcaldable socialista e Lede, o seu segundo.

 

Como se decidiu este cambio?

Foi un recambio xa falado desde 2019, ano no que, de feito, eu collín a secretaría xeral. Pepe Lede continúa na executiva local, pero foron case doce anos como portavoz e foi dúas veces candidato. Foi unha decisión acordada.

 

Como valora os anos do PSOE no tripartito?

Foi un cambio para Ribadumia e, ao principio, unha ilusión moi grande. O labor de Pepe Lede foi de cohesión e de evitar a crispación que foi saíndo, sobre todo, entre IR e Somos. Foi o que deu a tranquilidade e a normalidade ao goberno.

 

Comezou daquela esa relación tensa entre IR e Somos?

Amosaban unha imaxe de entendemento, pero si empezou ao mellor daquela (o deterioro da relación). A partir do 2019 xa se veu crispación tras crispación.

 

Pasou factura ao PSOE o tripartito?

Si. Pepe entrou no tripartito e pagou as consecuencias. Noutra situación igual teriamos (sacado) dous concelleiros no 2019. É difícil estar nun tripartito na parte máis débil, cun concelleiro só.  

 

Nun dos últimos Plenos, Lede foi moi crítico coa crispación da vida política na vila. Vostede tamén a percibe?

Eu non o percibo de primeira man, pero si como calquera veciño, porque si: Houbo vídeos de ameazas que circularon, actitudes de concelleiros que parecen fóra do ético e moral... Non sei se son conscientes diso ou non. Levouse a Pleno e esas actitudes foron rexeitadas polo anterior grupo do PP, polo PSOE e por Somos. Nós trasladamos entón a todos os que foran vítimas deste acoso o noso apoio democrático.

 

A culpa é de alguén? Que se podería facer para retomar a normalidade, se é que non a hai?

Apoiar ao PSOE, que foi o único partido que se mostrou publicamente sempre en contra destas actitudes. Lamentablemente creo que é o que se pode facer, porque deberíano facer todos, pero non o fan.

 

Se non hai maioría absoluta, con quen falaría de pactos o PSOE?

Nós somos un partido dialogante, por iso escollín tamén para esta entrevista a (Manuel) Azaña, pola apertura ao diálogo. Pero o que está claro é que con David Castro non. E co seu equipo, tampouco.

 

Pepe Lede entrou no tripartito e pagou as consecuencias. Noutra situación igual teriamos sacado dous concelleiros no 2019

 

 

E con Xuntos? Como ven a esta formación?

Eu non sei o que teñen pensado facer. Pero díxeno nun acto público de partido e insisto: Eles foron un PP moderado, demostrárono, e espero que o sigan a demostrar agora en Xuntos.

 

Ou sexa que tampouco sorprenderían posibles conversas entre PSOE, Somos, BNG e Xuntos?

O BNG terá que dar un impulso para volver ter a representación histórica que sempre tivo aquí. Igualmente, Somos terá que facer o seu traballo, tamén ten un concelleiro, pero nós consideramos que estamos nunha mellor posición. E Xuntos, xa digo, ten que seguir a demostrar que son un partido moderado. Confío niso, porque é o que se viu nestes últimos catro anos por eses concelleiros. Edís aínda do PP ata o día 28, pero que non son os candidatos do Partido Popular. Unha lea que, de feito, aínda ten moita xente en Ribadumia. Parecen como fichaxes futbolísticas, son uns cambios un pouco estraños.

 

Que valoración fai do feito en Ribadumia nestes catro anos?

A xestión foi nefasta. Quedaron atrás as actuacións, o investimento foi pouco, obras mal rematadas, con postes en medio de viais; perdas de subvencións, entre elas a maior liña de crédito da Deputación, por non saber interpretar os pregos... É lamentable. A Xunta, investimento cero. E, agora, David Castro empeza a dicir que el da o paso cara o PP porque a Xunta así vai investir... Se quere prometer inversións, que diga para que son. Pero, antes, que faga cumplir os 60.000 euros que están pendentes desde hai tres anos no Barreiro, nunha obra que a Xunta ten sen rematar.

 

Pode facernos un resumo dos principais puntos do seu programa?

Na Carballeira de Barrantes, arriba, na entrada polas Mimosas, o Concello ten un terreo de doce mil metros cadrados e a nosa proposta é facer (alí) un CPI novo. Temos un dos colexios máis vellos de Galicia. Que non se adapta ás necesidades, sen patio cuberto...

 

... pero iso semella incompatible co proxecto do goberno, que aposta por unha gran reforma do entorno actual do centro.

Por suposto. Esa non é a mellor solución, son parches. Aínda que nós non gobernásemos, Ribadumia vai ter un novo colexio nalgún momento. Nós queremos comprometelo para este vindeiro mandato. Na nosa proposta, ademais, destinariamos os terreos actuais do colexio a mellorar o entorno da gardería, aumentar as instalacións do Umia, unha mellor sede para Protección Civil e crear un espazo para asociacións. Logo, tamén queremos abrir a chamada rúa do Día e mellorar o entorno para solucionar problemas de aparcamento e dinamizar o comercio en Barrantes, que está un pouco atascado. Da man de Zona Franca, tamén queremos impulsar o polígono industrial. 

 

Manuel Azaña, a “reforma” e o “diálogo”

O candidato elixe como persoeiro para esta entrevista a Manuel Azaña, presidente da II República. A el refírese como un “importante reformista, aínda que non tivo moito tempo”, “aglutinador da esquerda” e impulsor dunha “reforma agraria en prol dos máis desfavorecidos, nunha época complicada” á saída “do feudalismo”. Un home hoxe “recoñecido pola esquerda e por certos sectores da dereita”, “dialogante e un reconciliador” que “buscou a paz” e tentou “acabar co levantamento do 36 co diálogo”, algo que “lamentablemente non conseguiu”. Preguntado sobre se a II República segue a ser hoxe tema tabú, considera que se “debería falar máis” deses anos. “Debemos recordalos. As xeracións que os viviron están desaparecendo”.

[... e mañá, entrevista a David Castro, candidato do PP á reelección en Ribadumia]

Javier Mougán | “Hai leas políticas en Ribadumia un pouco estrañas. Semellan fichaxes futbolísticas”

Te puede interesar