José Aspérez | “Boa parte da política de Meaño diríxese desde fóra do Concello”

José Aspérez | “Boa parte da política de Meaño diríxese desde fóra do Concello”
José Aspérez elixe a Basilio Álvarez como personaxe nesta serie de entrevistas a todos os candidatos | Y.P.

José Aspérez é veciño de Simes, ten 51 anos e é asesor contable e fiscal. Moi crítico cos gobernos locais destes anos, preséntase por terceira vez á Alcaldía de Meaño e volve facelo baixo as siglas de Meaño Independiente (MI). En 2019, como segunda forza e cun PP sen maioría absoluta, estivo a piques de acadar o bastón de mando, pero o entendemento co PSOE, chave de goberno, non foi posible. Elixe a Basilio Álvarez para a fotografía desta entrevista e di que hai bastante de paralelismo entre o caciquismo e o que acontece hoxe en Meaño. Por aí vai a primeira pregunta.

 

Que relación ve entre Meaño e o caciquismo?

Teño claro que temos un alcalde que non goberna el. Boa parte da política de Meaño diríxese desde fóra do Concello. Esta agrupación (MI) quere romper iso e que a política se fixe dentro do Concello e sexa de novo para os veciños, sen distinguir quen, nin por que, nin con canto.

 

Entón, quen goberna en Meaño?

Con que aos veciños se lles diga que queremos gobernar os que estemos nas listas, os que os cidadáns elixan, e que hai un partido e un alcalde que non goberna e que se fai desde fóra, estou seguro que non hai que dicirlles quen é.

 

Non o vai dicir?

Non creo que o diga. Non é cuestión de sinalar a ninguén, porque todo o mundo o sabe.

 

Hai catro anos falabamos xusto de que estaba convulsa a vida política en Meaño. E agora hai incluso un partido máis. Como le vostede este mandato, sobre todo no comezo, con todo o que pasou?

A postura do PSOE quedou nunha liña moi fina sobre o que é a ética política. Agora os socialistas teñen un candidato totalmente novo, ao cal respecto moitísimo e creo que ten un futuro político por diante. Pero non sei se vai caer nas mesmas trampas nas que o PSOE caeu nas anteriores eleccións. Os votantes deberan ter en conta o que pode pasar.

 

O único pobo de Galicia onde o PSOE fixo alcalde a un aspirante do PP foi Meaño. Agora os socialistas  levan un candidato novo, que respecto moito

 

 

O PP perdera a maioría, as matemáticas daban para a alternativa, pero non foi así. A vostede sorprendeulle que se investise ao alcalde do PP?

Sorpresa é a que levaba meu fillo cando lle daba un regalo na primeira comuñón. Aquí é difícil calificar o que pasou. A min si me consta que moitos simpatizantes do PSOE están desgustadísimos. O único pobo de Galicia onde o PSOE fixo alcalde a un candidato do PP foi Meaño. Ao mellor ten que ver moito esa xente que manda e que non se presenta nas listas. Pero que a xente votara cambio, era evidente. E iso foi abortado por un PSOE que se escudaba en que non apoiaba a ninguén.

 

PP, MI e Veciños de Meaño (VEDM). Que forza pode capitalizar máis ese determinado espectro de votos?

Eu reitero que non temos un espectro de votos de dereita, senón de xente que busca outro xeito de facer política en Meaño. Nos anos de Lourdes Ucha buscamos o oco dos veciños que non tiñan afinidade coa súa alcaldesa. E, agora, somos a alternativa a un mandato no que o rexedor xa leva a man levantada no coche e que non trata aos veciños por igual, nin as necesidades se atenden como deben. Imos recoller votos dese descontento. Na nosa agrupación hai simpatizantes, membros do equipo, que son militantes, con carné, do BNG, do PSOE ou do PP. Cando nos reunimos, todos chegamos a unhas conclusións e ninguén di, ‘isto é máis de dereitas ou de esquerdas’.

 

Houbo contactos do PP ou de VEDM para unha posible integración a estas eleccións?

Non. Non sei se habería posibilidades, pero nós transmitimos de xeito claro a quen quixera escoitar que, no caso de concurrir, fariámolo como MI.

 

Se logo das eleccións non hai unha maioría absoluta, con quen si e con quen non pactarían?

Evidentemente, con VEDM non podemos falar. Porque se quen levou a xestión ata agora non o facía desde o Concello, senón desde un bar, cun teléfono; se os resultados foron estes, se as prioridades para eles foron botar piche sobre piche... evidentemente non. Pero nós, se non somos a forza máis votada, dariamos o noso apoio a calquera que asuma parte do noso programa e que busque de verdade cambiar e facer unha política diferente de Meaño. E se nós somos, deses catro partidos, o máis votado, pediremos o apoio de quen sexa, levando a cabo o noso programa e integrando unha parte asumible do seu.

 

Que quedou por facer nestes anos? Que propostas principais levan no seu programa?

Houbo unha falta total de achegamento aos veciños. Só ‘postureo’, provocando incluso celebracións sen ningunha tradición en Meaño. Unha política de hai máis de corenta anos. Fronte a iso, as nosas prioridades son: Asentar a economía do Concello, xa que se está a dilapidar o remanente que sempre houbo; catro ou cinco infraestruturas básicas que precisaremos si ou si, como son o auditorio, o centro de maiores novo, unha gran praza en Dena onde era a antiga farmacia, para desfrute das familias; e beirarrúas en Xil. E, logo, asuntos sociais: Nenos, maiores e vivenda. Porque a poboación marcha, non hai atractivos para vir vivir aquí. 

 

 

Basilio Álvarez, a loita contra o caciquismo

O candidato elixe a Basilio Álvarez: Avogado, deputado republicano, líder do agrarismo e sacerdote, morto no exilio. Del destaca especialmente a súa “loita contra o caciquismo”, nun momento histórico de “saída de Galicia da época escura”. “Un cura que estaba en contra dos foros”, que defendeu que “a propiedade pasara aos agricultures”. Unha vida e un compromiso de “loita clara contra o caciquismo”, un problema co que Aspérez ve claramente “un paralelo, hoxe en día, no Concello de Meaño”. 

 

[... e mañá en O Salnés, entrevista a Suso Sueiro, candidato do PP en Meaño]

José Aspérez | “Boa parte da política de Meaño diríxese desde fóra do Concello”

Te puede interesar