Luís Pérez Barral: "O BNG está preparado para gobernar en Ribeira. Temos un equipo extraordinario capaz de aproveitar as fortalezas desta vila"

Luís Pérez Barral: "O BNG está preparado para gobernar en Ribeira. Temos un equipo extraordinario capaz de aproveitar as fortalezas desta vila"
Luís Pérez co primeiro tramo do equipo que presenta o BNG para gobernar | Cedida

Luís Pérez Barral, de 33 anos, é o candidato á Alcaldía de Ribeira polo Bloque Nacionalista Galego. Graduado en Lingua e Literatura Galegas con mínor de Lingüística Xeral pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa actualmente como técnico na Administración Local. Forma parte do BNG dende fai máis de unha década e ten experiencia institucional como concelleiro dende 2012. No seu tempo libre gústalle pasar tempo coa súa familia pero tamén escoitar a Coldplay e pescar.

 

Como están afrontando esta campaña?
Estamos recibindo moi boas valoracións da xente e nótase que hai ganas dun cambio en Ribeira e viuse no acto público que fixemos en Ribeira no que a carpa municipal quedou pequena para acoller tanta xente. 
 

Teño a certeza de que se poden facer as cousas doutro xeito e a xente é consciente diso. Fronte un goberno local obsesionado co cemento e coas grandes obras que logo disparan o seu prezo ou non se dan rematado como é o centro social de Carreira ou a estación de autobuses, nós queremos atender as prioridades e desenvolver as potencialidades de Ribeira, devolvéndolle á xente ese orgullo de ser ribeirense.
 

Cal é a prioridade de Ribeira?
En primeiro lugar, precisamos un goberno con sentido común. Explícome, o que nunca debería ter feito un goberno é perder máis de 30 anos sen crear chan industrial. É paradigmático que mentres se constrúe un novo auditorio que multiplica por dous o seu prezo inicial, empresas como Cerqueira marchan de Ribeira por non termos espazo dispoñible. 
 

Ribeira non pode permitirse máis anos perdendo postos de traballo. Eu, como alcalde, terei como prioridade o uso racional dos cartos e que Ribeira medre.
 

Está o BNG preparado para gobernar?
Sen dúbida. Temos un proxecto claro e un equipo extraordinario de persoas capaz de aproveitar as fortalezas desta vila. As propostas do BNG son tan solventes que moitas delas son apoiadas por maioría, aínda que o goberno as incumpra. Por exemplo, a proposta de municipalizar o aparcadoiro do Centenario con tarifas reducidas, a creación dos estacionamentos disuasorios, a proposta alternativa da circunvalación para aliviar o tráfico urbano sen prexudicar á veciñanza, os bonos comercio, a nova biblioteca, a residencia das Saíñas, etc.
 

Cales son as liñas mestras do seu programa electoral?
Poñer ás persoas no centro. Presentámonos a estas eleccións coñecendo con profundidade as necesidades que ten cada lugar, cada recuncho do noso concello. Por iso centraremos a nosa actuación na mellora do mantemento das infraestruturas, equipamentos e espazos públicos. Así mesmo, poremos fin á situación de abandono das parroquias. 
 

Faremos unha Ribeira máis verde, que evite seguir poñendo cemento, palmeiras e herba de plástico por todas partes. Construiremos unha Ribeira fermosa, máis habitable e humana, cun urbanismo de calidade e garantindo a accesibilidade, como xa fixemos en Pontevedra, Carballo ou Allariz.
 

E, por suposto, darémoslle vida ás nosas rúas, cun amplo programa de actividades deportivas, culturais e de lecer. E poño un exemplo: fronte ás rúas baleiras do último entroido, nós faremos desta festividade un referente galego. 
 

Por que a xente debería apostar polo BNG?
A garantía da nosa palabra. Nós, nunca lle fallamos á veciñanza e así o demostramos ao longo do tempo en moitas causas. Outros, defenden as siglas por riba de todo, aínda que iso prexudicara a Ribeira ou implicara recortes na Sanidade e na Educación.
 

Ese mesmo compromiso que temos cos e coas ribeirenses, asumirémolo tamén coa posta en marcha dos primeiros orzamentos participativos, nos que a cidadanía escollerá o destino dos fondos públicos da súa parroquia. En definitiva, a relación entre goberno e veciñanza será de igual a igual, sen paternalismos.

Luís Pérez Barral: "O BNG está preparado para gobernar en Ribeira. Temos un equipo extraordinario capaz de aproveitar as fortalezas desta vila"

Te puede interesar