Manuel Fariña ten claro o seu proxecto ideal para Caldas, un municipio que aspira gobernar a partir do vindeiro 28 de maio convencido de que na vila termal os veciños optarán polo cambio e que haberá un goberno liderado polo BNG.
Que balance fai do traballo realizado estes últimos catro anos?
Foi un mandato moi intenso, de moito traballo e multitude de propostas sempre co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños. Estivemos co goberno nos peores momentos e facendo propostas.
Valora o mesmo do goberno de Rey?
O seu foi un goberno pobre de ideas e así está o pobo como está. Nós asinaramos un acordo para executar saneamento e está o 90 % sen executar. O mesmo co centro de saúde. Tanto PSOE como PP levan anos enzarzados nese tema e sen buscar solucións.
O BNG segue a apostar pola parcela de Santa María para ese futuro centro de saúde?
Por suposto. A parcela é viable en todos os sentidos e cumpre todos os requisitos que pide Sanidade.O que hai é que desbloquear ese asunto.
Cal é o modelo de vila que ten o BNG para o próximo mandato?
Nós queremos facer de Caldas un lugar no que se poida traballar e no que dea gusto vivir. Comprometémonos a abrir as pozas da Tafona nos 100 primeiros días de mandato. Temos outro proxecto ambicioso para recuperar a Fábrica da Luz e converter o entorno nun lugar de encontro zon zonas de escalada, piscinas naturais... Queremos crear espazos deportivos no centro e un pump track na Tafona e no rural seguir impulsando a rede de saneamento sen titubeos.
Abrir as pozas en 100 días. Parece moi ambicioso tras anos pechadas...
É unha proposta totalmente realista. Levamos anos con elas pechadas cando a obra está rematada. Pensamos que os veciños deben aproveitar ese recurso termal de xeito gratuito e despois xa iremos traballando nun sistema de xestión que sería, en todo caso, público.
Poñámonos no escenario do 28 de maio sen unha maioría para o PSOE. Pode contar Rey co apoio do BNG para a investidura?
Nós estamos convencidos de que imos liderar o vindeiro goberno. Estamos en crcemento e o PSOE está escribindo o seu propio final. Haberá un alcalde do BNG.