Manuel Suárez ten 52 anos. É veciño de “Jamaica”, di entre risos ao referirse así, “co nome de gherra”, a O Portiño-Pedraserrada. É licenciado en Dereito, traballa como funcionario, estivo na comisión en favor da Segregación de A Illa e, desde que a localidade logrou ser municipio, foi sempre nas listas do BNG, aínda que non arriba, ao ter que marchar a Tenerife por cuestións laborais, onde fixo vida durante preto de dúas décadas. Regresou en 2021 e convértese entón en responsable local do Bloque.
E agora, candidato. Que o motiva a dar este novo paso?
A nosa intención era darlle continuidade ao proxecto de David (Mochales, anterior alcaldable). O candidato ía ser el, pero está sometido á situación da súa idade: A precariedade laboral, a dificultade de acceso á vivenda... Acaba de rematar os estudos e ten que solucionar cuestións persoais. E, entón, comezaron a sinalarme a min.
Que valoración fai deste mandato e das obras como as do Regueiro e a Avenida Castelao?
Si, son inversións importantes e moi necesarias. Pero executáronse uns proxectos que estaban pouco madurados e non responden ás necesidades. É que incluso, nalgún caso, crearon problemas novos. Moitas veces, é máis a axenda electoral a que condiciona as obras que resolver os problemas dun xeito sólido. O Regueiro levaba en estado de abandono décadas. Hoxe temos un espazo novo, arranxado, pero ten moitas carencias. Non ten nada que o identifique coa Arousa, ten pouca sombra, pouco espazo de deporte... Xustificouse en base á necesidade de que aí entrase a Panorama. En fin.
E na Avenida Castelao, vostedes propoñen un cambio de sentido.
Si, de entrada. Así o transmitiron veciños e comerciantes. O mal está feito, pero cremos que, dese xeito, podería mellorar. Esta Avenida, que non forma parte do trazado orixinal da Arousa, ten que ser de evacuación de tráfico, para liberar as fachadas marítimas.
Á Arousa non se poden trasladar proxectos que se puxeron en marcha noutros sitios, porque non é a mesma realidade. Castelao ten que ter tráfico, para liberar o litoral
Sen embargo, o BNG adoita apostar por este tipo de peatonalizacións ou semipeatonalizacións no centro das vilas.
E aquí, tamén. Pero á Arousa non se poden trasladar proxectos que se puxeron en marcha noutros sitios, porque non é a mesma realidade. Non van funcionar. A Arousa é unha illa. Se peatonalizas Castelao, botas a perder as fachadas marítimas. É ao revés: Hai que liberar estas de tráfico e Castelao ten que telo. Porque, se non, cal é a solución? Recheos na fachada marítima?
Hai outros grandes problemas de espazo en A Illa: A falta de vivenda, o turismo e os atascos de verán. Que se pode facer?
A vivenda está configurada como un ben de consumo, de libre acceso a través do mercado: Quen ten diñeiro pode mercala e quen non, non. Hai que promover vivienda pública para o alugueiro, fundamentalmente para a mocidade. Houbo algunha proposta de construír vivenda social por onda o Con do Sol, pero entrou en vigor o POL (Plan de Ordenación do Litoral) e imposibilitou calquera tipo de desenvolvemento. Hai varias administracións que lle teñen que explicar aos veciños por que, podendo executar obras como ‘Villa PSOE’ ou as naves do recheo do Aguiúncho, non se pode desenvolver chan para dotar aos veciños de servizos e de vivenda. En canto ao turismo, nós temos problemas específicos, un deles, os semáforos da Pantrigueira, están mal regulados e xeran atasco. Logo, hai que plantexar alternativas a vir en coche á praia, por exemplo, unha liña de autobús desde a estación de tren de Vilagarcía. Hai que empezar tamén a poñer límites, acotando o acceso ás zonas produtivas para o marisqueo, que hai puntos que están rebentados.
O PP dá por feito que BNG e PSOE pactarán de ser necesario. É unha carta en branco?
Estamos convencidos de que podemos ser a lista máis votada. Nas últimas eleccións, nas autonómicas, podemos falar practicamente dun empate técnico. Estamos en disposición de gañalas.
E se iso non fose posible, nin tampouco unha maioría absoluta?
Despois do día 28, cos datos na man, temos que falar. O resto é especular e nós non estamos aquí para iso.
Xa saíron varias ideas do seu programa. Pódenos resumir algunha outra liña principal?
Defender os nosos sectores produtivos, poñer en valor as fachadas marítimas para que sexan xeradoras de emprego e riqueza, reverter a situación de perda de poboación, dar solución para que os veciños non teñan que ir vivir fóra e, logo, non se explica o escaso comercio que hai aquí: Son auténticos supervivintes. Se temos un paseo do Cantiño no estado no que se atopa, ata pechan os bares. Ten que reformarse absolutamente.
A favor ou en contra do parking subterráneo?
Iso non se vai facer. Está por debaixo do nivel do mar e unha inversión dese calado... Iso acaba de facerse en Santa Cruz de Tenerife, pero claro, a súa área metropolitana é de medio millón de habitantes. Aquí somos cinco mil. Non hai nada que xustifique unha inversión dese calibre. O que si ten que haber son parkings disuasorios, pero na periferia. Porque os parkings son xeradores de tráfico e o que queremos é, xustamente, afastalo da fachada marítima.
O nacionalista varre para a casa e elixe como referente para esta entrevista a Ana Pontón, líder do BNG. Elíxea “porque é unha muller, galega, que simboliza a ilusión, o cambio necesario neste país”. “Estamos convencidos de que vai ser a nova presidenta da Xunta” e que “ese cambio vaise ver nestas municipais”. “Estamos convencidos de que a Arousa vai ser unha nova Alcaldía BNG”. O que máis admira dela é “a súa fortaleza, valentía, intelixencia, capacidade de traballo e de conectar coa xente” que, está convencido, marcará a diferenza.
[... e mañá, nestas páxinas electorais, entrevistas aos candidatos de A Pobra do Caramiñal]