Marta Giráldez | “O centro de saúde foi a alegría e a maior pena, a única vez que chorei na Alcaldía”

Marta Giráldez | “O centro de saúde foi a alegría e a maior pena, a única vez que chorei na Alcaldía”
Giráldez elixe a Concepción Arenal nesta serie de entrevistas aos candidatos de Arousa | Mónica Ferreirós

Marta Giráldez conseguiu a Alcaldía de Meis no seu cuarto intento, en 2019 e, de paso, a disputada presidencia da Mancomunidade do Salnés. Volve presentarse baixo as siglas do PSOE para tentar revalidar o bastón de mando. Con 46 anos, veciña de Paradela, segue a compaxinar o seu labor no Concello coa súa profesión de avogada. Recoñece que foron “catro anos de loucura”, pero levados “con moita ilusión”. “Sempre quixen ser alcaldesa, pero nunca imaxinei que nos tocaría xestionar o que nos tocou,  unha pandemia”. Por aí comezamos.

 

A pandemia afectou aos proxectos pensados para o mandato?

O que fixemos foi poñer todo a un lado e centrarnos nas persoas. Nun Concello como este, con tan poucos recursos, tocounos a nós, aos concelleiros e traballadores municipais, percorrer casa por casa, xa que tiñamos moita xente maior que estaba soa. Así que aquela situación igual ralentizou (os proxectos do mandato). Aínda así, conseguimos sacar adiante máis do oitenta por cento do programa.

 

En 2019 accedeu á Alcaldía dun Concello que levaba décadas baixo unha mesma cor política. Atopou algunha sorpresa?

Ao comezo todo son sorpresas. Atopamos demandas por cousas que non estaban pagadas, porque se firmaran contratos en folios en branco, non en papeis co membrete do Concello. Do tipo “se ti me das, eu asfáltoche ata a porta da casa” e cousas así. Negámonos a pagar neses casos, fomos a pleitos e gañamos. Houbo situacións desagradables, empresas que quedaron sen cobrar, xente que tiña a promesa dun muro e lle quedou a parcela a medio pechar. Creo que nalgún momento utilizouse á xente. Un último sprint de ‘a ver se conseguimos non perder a Alcaldía’.

 

Co parque acuático pasou algo similar? Está agora nun punto morto?

Sempre estivemos de acordo con que se fixese, pero parecíanos estraño que unha empresa cun capital social de tres mil euros e a quen lle preguntamos quen está detrás da mercantil e non o di... As cousas facíanse a correr sempre antes das eleccións. A min doeume moito a foto alí hai catro anos, en campaña, cando non se poden facer actos políticos, a mobilización da xente maior, a suposta recollida de currículums...

 

E, ao final, do que máis se falou neste mandato foi do centro de saúde.

Si, ao comezo, o conselleiro mandara un correo e pedía lealdade. Contesteille que a ía ter e que eu pedía que fora recíproca. O do centro de saúde foi a alegría pero tamén a pena máis grande para min na Alcaldía. De verdade, sentada nunha cadeira do despacho no Concello, creo que foi a única vez que chorei, pero desesperadamente, e estiven a piques de dicir ‘aí tedes as chaves e aí quedades’. Foi aquela mañá que saiu o titular de “a Consellería rompe o protocolo e tacha á alcaldesa de desleal”. Iso doéume moitísimo, porque eu dixen: ‘Non vin á política para isto’. En ningún momento nós fomos desleais.

 

O contrato do lixo semella un revés para a súa xestión. É certo que a sentenza que anula a adhesión de Meis ao contrato comarcal non é firme, pero se o recurso non prospera, pode haber un problema.

É certo que (esa adhesión) ocorréuseme a min, como saída a toda a situación na que se atopaba a recollida do lixo, que era un desastre. Pedimos informe á secretaria e foi favorable, votouse no Pleno de Meis e aprobouse, foi á Mancomunidade e na comisión executiva de alcaldes, aprobouse por todos os alcaldes, de toda cor política. Tivemos que defendernos de demandas do PP, de Luis Aragunde. Mira que houbo demandas e gañáronse todas. E  é verdade que foi un desgusto perder este último procedemento. Pero eu creo que esa sentenza ten moitísimos defectos. Confiamos en que os recursos prosperen. Detrás da empresa hai un claro interese político: Esa demanda que había dun político de Cambados coa da empresa estaban perfectamente concertadas.

 

Está cómoda na Mancomunidade? Se as contas dan, volvería presidila?

A Mancomunidade é moi levadeira. Hai moi bos profesionais. O feito de ser eu presidenta debeuse á xenerosidade dos meus compañeiros de partido, que foron os que propuxeron que fora eu. Se conseguimos que o meu partido a siga gobernando, espero que si, non teño por que ser eu.

 

Pero a nivel persoal, está cómoda?

Si, perfectamente cómoda e arroupada, tanto polos traballadores, como polos técnicos e demais alcaldes...

 

... aínda que con alguna polémica, co PP de Vilanova.

Vaia por diante que é unha polémica política, en ningún caso persoal. Pero creo que non é momento de caprichos: A xente está para que lle solucionemos os problemas. É unha mágoa que Vilanova non tivese participado na Mancomunidade. E, para min, a mágoa máis grande é que Vilanova saíse do Xeodestino Salnés. Podo entender que o alcalde de Vilanova estea enfadado cun excompañeiro do seu partido, porque eu seguramente tamén o estaría. Pero unha vez que a Xustiza di que o meu nomeamento como presidenta é legal, o que ten que facer é arrimar o ombro. Marchar a outro xeodestino, facendo unha fenda no medio da comarca? Iso tamén está recorrido: Que a Xunta sexa cómplice dese capricho, aínda me parece máis grave.  

 

Pode resumirnos as liñas principais do seu programa?

A eiva máis grande de Meis é o saneamento. Tamén hai carencia de vivenda social. É preciso un centro de día e creo que poderemos atopar un terreo para poñer a disposición da Xunta. Logo, o punto limpo témolo onde a Feira do Gando e non é a ubicación idónea. E temos moitísimas ideas: Se o novo centro de saúde sae adiante, o actual revertería en favor do Concello e a nosa intención é levar alí todos os servizos sociais municipais, incluíndo o CIM e o roupeiro solidario. Temos tamén un proxecto moi importante de rehabilitación do campo de fútbol de O Mosteiro, da zona das bancadas, para adaptalo ao entorno turístico de Parga e da ruta do río Cañón. 

 

 

Un trío que decanta Concepción Arenal

Á candidata cústalle elixir unha soa personaxe. Dubida entre Luz Casal, “unha das mellores artistas” que “leva por bandeira que é unha muller de aldea”; Carme Chacón, un “referente político” da que recorda o pasar revista ás tropas “embarazadísima” e coa que se vinculou emocionalmente sen querer: Faleceu o mesmo día no que Giráldez tivo coñecemento de que un familiar directo seu tiña un cancro “e que ía morrer”.  E Concepción Arenal, por quen se decanta, unha “muller moi adiantada á súa época que ademais estudou Dereito, coma min”, aínda que entón disfrazada de home, para poder ir ás clases. “Defendeu xa daquela os dereitos das mulleres” e “da sanidade”, criticando o “mal estado” das infraestruturas. “Moi acaído para Meis”. 

Marta Giráldez | “O centro de saúde foi a alegría e a maior pena, a única vez que chorei na Alcaldía”

Te puede interesar