Pablo Portas ten 29 anos, é natural de Simes, aínda que o seu traballo —sector dos seguros no eido das cooperativas agrícolas e explotacións gandeiras— lévao a facer vida en Santiago. Releva a Ana Belén García á fronte do proxecto electoral dun PSOE que en 2019 foi chave de goberno, executivo que rematou inclinándose cara o PP, abrindo a caixa de pandora: Voto secreto en urna onde as matemáticas apuntan a votos do PP para o PSOE de cara á Mancomunidade, expulsión do alcalde do seu partido e abstencións socialistas que foron claves para proxectos do goberno conservador. Portas é alleo a todo iso, non estaba entón no equipo socialista. “Os meus primeiros pasos en política están sendo agora” e ten claro que quere abrir un tempo novo, “sen relacións viciadas”.
Por que decide dar o paso e entrar en política?
Porque sempre me sentín parte da vida do meu pobo. Comecei na escola de música con sete anos, fun aos campamentos de verán, aos torneos interparroquiais de fúbol, xoguei no Dena de fútbol, no Asmúbal de balonmán, estou na comisión de festas de Simes e levaba na banda de música sobre 17 anos, seis na súa directiva.
Coñece, pois, ao candidato do BNG, que tamén toca na banda.
Coñezo, si. Somos moi bos amigos, de sempre. Ademais, en Simes vivimos un fronte ao outro.
O mandato en Meaño foi convulso: Expulsión do PP do alcalde, o problema da Mancomunidade, a aparición doutro grupo de independentes. Que lectura fai?
Non sei se ten que ver cos proxectos políticos ou cos persoais, pero sempre hai algo que produce que a dereita concurra máis dividida. Coido que tanto o noso grupo como o candidato do Bloque compartimos o obxectivo, non só de expoñer en positivo os nosos proxectos, senón tamén de normalizar a situación, de chegar con aire fresco, sen relacións viciadas e con capacidade de diálogo.
En 2019 vostede non estaba no equipo do PSOE. Sorprendeulle o apoio socialista ao alcaldable popular? O vivido neste eido, pode restarlle votos ao PSOE?
Non foi un apoio ao PP, nin tampouco unha abstención. Pola rúa circula esa sensación, que o PSOE tivo unha especie de pacto daquela co PP para que gobernara, pero realmente o PSOE o único que fixo foi votar en contra das dúas candidaturas (PP e MI) para a Alcaldía. Naquel momento cónstame que o PSOE si tivo conversas con MI, para valorar as posibilidades de alcanzar un acordo e dar un cambio. Pero nesas conversas non viron nin compatibilidade de equipos, nin de proxectos. Iso foi hai catro anos, eu non estaba alí e creo que todas as partes, logo de ver a nefasta xestión do goberno actual, levaremos certa autocrítica e terémolo en conta nesta campaña.
Sen embargo, na votación en urna para elixir representantes para a Mancomunidade, as matemáticas din que alguén do PP tivo que votar por alguén do PSOE.
No grupo socialista de Meaño esas conversas co PP non se deron e ese acordo non existiu.
De estar nunha situación similar, sen maioría absoluta en Meaño, que faría o PSOE?
É moi probable que non a haxa. Eu non contemplo un resultado distinto a ver un PSOE forte, que poida chegar a ser protagonista dese cambio que ten que darse en Meaño e poder postularme como candidato á investidura. En canto a pactos, todo o mundo sabe cal é o socio natural do PSOE en Galicia, que é o BNG.
E se fose precisa outra variable na ecuación. Falarían cos independentes de MI?
Falar, con todo o mundo. No meu caso particular, chego sen ningún tipo de relación viciada, con moi boa relación con todos os candidatos e con moita amplitude de miras. E co candidato de MI gardo moi boa relación porque, ademais, compartín momentos coa súa filla na banda, que tocou alí moitos anos. É de Simes tamén e coñecémonos de hai moitos anos. Por suposto que falariamos con eles.
Que foi o que fixo peor este goberno e que acertos tivo?
Creo que o mandato pódese definir máis polo que non se fixo que polo feito. Foron catro anos perdidos, nos que se taparon buracos, pero nos que non houbo un proxecto ambicioso e de futuro.
Como músico tamén, como ve a reforma do palco e o sempre comprometido auditorio?
Estamos nunha fase moi inicial dese proxecto, que pode acabar transformándose nunha casa das artes, como o vemos nós, ou nun auditorio, como o plantexaron eles de inicio. Si valoro positivamente que se fixera o peche do palco, unha demanda histórica da banda, o principal obxectivo da directiva na que estiven. Foron seis anos coa porta pechada no Concello. De feito, o arquitecto municipal non vía ningunha opción de poder facer nada e fomos nós, con informes de técnicos externos, os que fixemos que visen ese encaixe.
Pódenos resumir os principais puntos do seu programa?
A modificación do plan urbanístico é toda unha demanda, porque o PXOM quedou moi desfasado. Esa reforma debera aportar seguridade xurídica a particulares e empresas e, a longo prazo, que se poida ampliar o parque de vivenda para evitar que os mozos sigan a marchar a outros concellos. Logo, propoñemos outras medidas en vivenda, como incentivos para alugar as casas baleiras en Meaño, que hai moitas; facer un estudo das casas que, polo seu estado, poidan ser de baixo coste, para adquirilas, reformalas e, a medio prazo, que o Concello dispoña así dun parque municipal de vivenda; achegar actividades de ocio a todas as parroquias, mellorar os coidados aos maiores e acompañar e potenciar as excelentes asociacións culturais e deportivas que hai.
Audrey Hepburn, unha icona no cinema e na vida |
O candidato elixe á actriz Audrey Hepburn. Unha icona que coñeceu en “Breakfast at Tiffany’s”, “unha das miñas películas preferidas”, na que interpreta “a unha persoa que adica moitos anos a buscar unha vida de riqueza e ostentación e acaba dándose de conta que onde mellor está é no seu pequeno piso, co seu gato e coa xente que a fai feliz”. Ao impacto de toparse co mito seguiu o de coñecer á persoa. Primeiro, polas coincidencias, “morreu un ano antes de que eu nacese”. Pero sobre todo, polo exemplo: “Na II Guerra Mundial tivo un papel de axuda á resistencia neerlandesa”. Toda a súa vida estaría ademais fondamente implicada coa causa de Unicef. |
[... e mañá en O Salnés, entrevista a José Aspérez, candidato de Meaño Independiente (MI)]