Suso Sueiro ten 46 anos, é axente inmobiliario e vive a cabalo entre Sanxenxo e Dena. Foi concelleiro naquel municipio veciño con SAL, chegando a exercer funcións de goberno en Turismo, Deportes e Festas na coalición cos populares de Telmo Martín. Tras a sacudida do PP en Meaño —coa expulsión do partido do alcalde, Carlos Viéitez—, asumiu a presidencia da xestora que debera recompoñer o equipo popular na vila. Unha tarefa difícil logo de que a saída de Viéitez arrastrase a todos os concelleiros ata deixar ao PP fóra da Corporación. Agora dá un paso máis e preséntase como candidato.
Non foi un mandato sinxelo para o PP de Meaño.
O partido empezou estando na Corporación e despois, para min de forma desacertada polas decisións de quen representaba entón ao PP, o partido perdeu a súa representación.
O suposto achegamento do entón alcalde do PP co PSOE, que se envidenciou coa votación para a Mancomunidade, colleu ao partido de sorpresa? Cre que se podería ter manexado doutro xeito aquela situación?
Eu nese momento non estaba á fronte do partido en Meaño. Ese pacto, se existiu ou non, eu descoñézoo. Pero, efectivamente, naquel famoso Pleno de constitución en Meaño o PSOE abstívose, permitindo que el fora elixido alcalde en minoría. E, no seguinte Pleno, no de organización, por primeira vez na historia de Meaño, e coido que da Mancomunidade, votouse a sobre pechado. E dunha forma sorprendente, aínda que xa se esperaba, o PSOE acadou un representante na Mancomunidade. Parece ser, segundo me comentan do partido a nivel provincial, que se lle avisou (a Carlos Viéitez) que non fixera iso, que xa se vería, que non era a única opción, que podería chegar a ser alcalde noutras circunstancias. E desobedeceron ao partido. Co cal, se un mes antes estás facendo campaña coas siglas do PP e en cousa de quince días desobedeces á formación, para iso é mellor ir como independente. Os veciños son o primeiro, pero hai que ter un respecto polo partido e, nese caso, non o houbo. Quizais isto non se escenificou todo o ben que se debera, porque despois estivo isto moito tempo parado, tratando de calmarse as augas, porque moitísima xente entendeu que a expulsión fora esaxerada. Eu aí non vou entrar.
Moitísima xente entendeu que a expulsión do Partido Popular de Carlos Viéitez fora esaxerada. Eu aí non vou entra
Carlos Viéitez foi expulsado, pero despois arrastrou con el ao resto de edís do PP. Houbo contactos, entón ou agora, para tentar reunificar o partido?
Pola miña parte si. Cando eu cheguei, reuninme non con todos os concelleiros, pero si co alcalde e con persoas que estaban no partido entón, para tratar de chegar a entendementos. Naquel momento era todo tan convulso e todos estaban tan desesperados, enfadados co mundo, que a decisión que se tomou foi a de facer unha xestora e ir nunha liña moi tranquila. Logo veu a pandemia, e máis calma aínda. A partir de aí, volta a recuperar a actividade. Se me preguntas se volveu haber contactos, pola miña parte non, pero si algún a nivel provincial.
Tentouse falar tamén con MI, para unha integración?
Eu lévome ben con todos os grupos, sempre se fala. Faláronse moitísimas cousas, moitas posibilidades, pero serio, serio, tampouco nada.
Se non hai maioría clara, se o PP volve á Corporación, teñen veto a algún grupo? Con quen falarían?
Non hai veto a ninguén. E tampouco hai intención de negociar. Sei que é moi difícil que o PP teña unha maioría absoluta, pero nós imos ir a por ela. Por iso non nos plantexamos ningún tipo de pacto. Tamén digo unha cousa: Si teño a garantía firme do partido de que imos ter autonomía para decidir o que temos que facer pasado o día das eleccións.
Como valora o feito neste mandato en Meaño?
Estiveron vendendo obras que xa viñan proxectadas ou presupostadas do goberno anterior. O traballo fíxose sen unha liña, sen proxecto en conxunto ou a longo prazo. Un asfaltado aquí, outro alá...
Pode facernos un resumo das ideas principais do seu programa?
Modernizar os servizos internos e administrativos do Concello. Hai certas taxas e impostos que hai que retomar e modernizar, porque existen e non se están a empregar. Feito iso, o noso proxecto pasa por tres liñas xerais. A primeira: Temas sociais, terceira idade e nenos. Pódense facer moitas máis actividades e ludotecas, e tamén ampliar horarios e prazas do centro rural de maiores, mellorar o plan madruga e o comedores. Temos tamén unha posibilidade de compra dun inmoble en Simes, feito con licencia de xeriátrico, que está pola Sareb. Se nós gobernamos, adquiririámolo para facer un centro de maiores ou de día. A segunda liña sería economía e turismo. A nosa teima sería abrir a vila ao mar. Temos moi pouquiña ría, pero é marabillosa, aínda que o seu estado é lamentable. Queremos a súa posta en valor e limpeza. E logo, a longo prazo, a mellora da depuradora, incluso coa súa retirada desta zona. En paralelo, vertebrar con sendas peonís este entorno de Dena con outras parroquias. E, en terceiro lugar, que Meaño volva ser atractivo, de cara a asentar poboación. A través de rebaixas fiscais, incentivos para emprendedores ou un cheque bebé de 2.000 euros por nacemento a familias que leven empadroadas en Meaño máis de tres anos.
O avó Joaquín, emigrante e un referente |
O candidato elixe ao seu avó, Joaquín Méndez. Para el é un “referente”. “Nos anos 50 marchou a Venezuela”. Foron “dous anos” pero, claro, dos daquela, “cartas moi de vez en cando, practicamente non se soubo del nese tempo”. “Traballou, trouxo 58.000 pesetas”, tamén daquela. E con esa cantidade “abriu o seu primeiro negocio, aquí en Dena”. Logo viría un segundo, onde o neto ten hoxe unha oficina inmobiliaria. “Unha persoa que tivo que poñer as pilas para mellorar a súa familia”, e que, ao tempo e grazas a iso, “tamén un pouco á zona”, coa “creación de postos de traballo” e negocios que, dun xeito ou doutro, aínda perduran. |
[... e mañá en O Salnés, entrevista a Carlos Viéitez, candidato á reelección por Veciños de Meaño]