O profesor universitario Tino Cordal Rodríguez concorre ás eleccións por terceira vez e sen rival nas primarias do seu partido. Dende que naceu no 2015, Somos Cambados non deixou de crecer e estivo nos sucesivos gobernos; neste mandato con tres concelleiros e nun bipartito en minoría co PSOE, pero a pesar diso e a inédita pandemia, na que ao principio estiveron “24 horas en alerta”, e moitas críticas, o seu alcaldable defende a xestión e espera que se valore nas urnas.
Que perspectivas teñen?
Somos optimistas. Aumentamos en apoios e incluso quedou xente fóra da candidatura.
Deixan a débeda a cero. Que outras promesas cumpriron?
É importante porque son 400.000 euros liberados para outras cousas e todo o que prometemos no resto cumpriuse con creces. En materia económica conseguimos pasar dun polígono case baleiro a que se asentaran empresas creando 400 postos de traballo. Estivemos ao pé do cañón na defensa dunha sanidade pública digna e de calidade e estamos moi satisfeitos co traballo feito na pandemia. Conseguimos protexer Cambados dunha situación que podía ser moito máis grave a pesar de non ter competencias en sanidade e educación.
Ao principio do mandato falaron de desenvolver ás áreas urbanizables, pero nada máis se soubo.
Quedou parado pola pandemia, pero o retomaremos dende xa. Fai falta vivenda nova, pero reclamaremos como vivendas sociais e un piso tutelado as que están en mans da Sareb sen rematar.
Houbo moitas críticas ás concellerías de Urbanismo e Servizos Sociais. Son infundadas ou fan autocrítica?
No 2019 houbo unha coincidecia de baixas en Servizos Sociais pero convocamos oposicións libres, as únicas dende había moitos anos, duplicamos o persoal, case triplicamos o orzamento, o centro de día vai incorporar dez plazas máis e creamos novos servizos. Por iso hai moita demanda e ás veces pode haber unha certa dilación, aínda que a maioría veñen por competencias da Xunta, como o SAF, así que faremos unha especie de SAF municipal para dar servizo nesa espera. Non temos nada que ocultar, fixemos un gran traballo.
E en urbanismo, coa pandemia aumentou o número de licenzas e esa carga viu acompañada de baixas e xubilacións, e as contratacións na pública levan uns prazos. Ademais, a afectación por Patrimonio, Costas e Portos conleva uns trámites. Non é tan doado como algúns cren e aínda así, tramítase con máis axilidade que antes do covid. E o noso modelo de urbanismo é claro: un Cambados saudable, sostible e completamente accesible, coas persoas por diante dos coches, así que seguiremos humanizando e non temos medo a dicilo. O PP non aclara se volverá a abrir Fefiñáns ao tráfico. Sería incomprensible.
A relación co PSOE foi boa ou non é ouro todo o que reloce?
Non houbo ningún conflito, foi un goberno estable e comprometido que a pesar de estar na situación máis difícil nunca vivida –a pandemia– estivo á altura. Non houbo a inestabilidade do mandato anteior, houbo respecto e iso é positivo para Cambados. Penso que non haberá maiorías e as forzas coincidentes en ideas debemos ter vontade para seguir traballando xuntas.
Entón volverían pactar co PSOE?
Si e incluso co BNG.
As relacións levan un tempo tensas, con acusacións veladas de que Somos non quería que entrara cando se intentou o tripartito.
É rotundamente falso. Non entrou por estratexia, o tiña decidido, quizáis crendo que na oposición recuperaría apoios. Non dixeriu ben o resultado das eleccións.
Non tería moito sentido que se “autoboicotearan”.
Por Somos houbo absoluta vontade. No lugar de estar tirándonos os trastos temos que prepararnos, somos aliados naturais e está moi claro: hai tres forzas por un lado e tres polo outro.
Non deixaron de recordar o duro que era estar sen salarios. De repetirse a situación, aguantarían ou renunciarían?
Hai que ter moita cara dura para dicir que non estamos tempo no Concello, eles cobraban cando gobernaban. Foi unha estratexia para asfixiar ao goberno e bloquear a xestión, pero non o conseguiron porque o noso compromiso con Cambados é tan forte que sacamos tempo de onde fora. Pero fan falta liberacións, aínda que sexan parciais. É un esforzo enorme e a única maneira é deixar a túa profesión. Se son alcalde, pedirei a excedencia na universidade.
Houbo moitas críticas porque na Festa do Albariño de 2022 gastouse o triple do habitual. Está xustificado?
Iso é trampear. Foi o ano que menos se gastou porque os dous anteriores non houbo, non se gastou nada e ademais era o 70 aniversario, a edición poscovid, a xente tiña ganas de festa... Se alguén non quere recoñecer o éxito que foi, vive nunha realidade allea á da maioría. Estamos moi orgullosos de todos os festexos: no Nadal somos un referente, o Entroido, Cambados Histórica... Conseguiron dinamizar a economía local, moi necesitada trala pandemia.
Como é posible que non houbera cartos para pagar as horas extras?
Si había. Nunca dixen que non se podía pagar.
Entón quen? Á Policía se lle propuxo unha quita?
Eu non fun, nin foi un erro meu. Ao mellor outra persoa non foi tan prudente coma min.
Como é o seu programa en liñas xerais?
Recollimos propostas dos veciños, pero un eixo fundamental é prepararnos para os retos do cambio climático é seguir mellorando a nosa vila. Seguiremos a mesma liña en atención aos que teñen máis necesidade, sanidade, materia fiscal, fibra óptica, apoiando ao sectores económicos, facilitando a instalación de novas empresas e tamén en Tragove –presionaremos a Portos para que o dote de servizos–. As persoas maiores terán un novo local e queremos novas instalacións deportivas, tamén nas parroquias, dúas pistas na Seca, renovar todos os parques e o da vivenda é fundamental.
Están tranquilos coas palabras do seu socio de que non haberá problemas con Costas?
Completamente tranquilos, non, damos unha marxe de confinaza e estaremos vixiantes. Veñen eleccións xerais e ao mellor hai cambios, pero dende logo parece que Madrid descoñece a nosa realidade e o non podemos permitir que un sector respectuoso como o do mar perda expectativas.
Máis ca un pai, un referente vital |
Cordal perdeu nestes anos a catro seres queridos, incluído un irmán e o seu pai. A este, do que leva o seu nome e que faleceu de maneira repentina no 2019 nada máis xubilarse, elixe como referente: “O teño presente todos os días, era unha persoa exemplar, traballadora, honesta, cambadés de pro; inculcoume os valores do esforzo, do traballo, da boa educación, de ter á familia sempre presente e de amar a nosa terra e ao seu idioma, sempre me falou en galego. Non atopo a ninguén que me fale mal del. Non sería a persoa que son se non fora polo meu pai”. |
[... e mañá en O Salnés, Samuel Lago, candidato do PSOE en Cambados]