Vanessa Fariña é veciña de Lois, ten 41 anos, é diplomada en Estatística, técnico superior en Administración e Finanzas e traballa no departamento de exportación nunha adega. No 2015 xa fora a candidata do BNG en Ribadumia, dando paso a David Pereira en 2019. Nestas eleccións volve encabezar un novo intento do Bloque para regresar á Corporación.
No 2015 foi candidata, pero no 2019 pechaba a lista. Como decide volver agora a ser a candidata?
Deixei a primeira liña por situacións persoais, que hoxe son outras. Teño dispoñibilidade de novo. Creo que cando fas unha cousa hai que implicarse un douscentos por cento. Sobre todo con algo tan importante como darlle a Ribadumia o valor que merece. Os meus compañeiros están de acordo en que volva ser eu e coincidimos en que Ribadumia merece moito máis e hai que darlle un cambio xa.
Que é o primeiro a cambiar?
Xa é hora de que os problemas persoais se deixen na casa e que os gobernantes se dediquen a gobernar e a mirar polo mellor para todos os veciños.
Cre que os movementos que houbo, de IR cara o PP e do PP cara Xuntos, veñen motivados por asuntos persoais?
É que xa a separación hai vinte anos foi por motivos persoais. En ningún momento se foron do PP por causas políticas. Porque a maneira de facer política e os ideais son exactamente os mesmos. E, agora, volvéronse integrar. Ben, integrar, entre aspas. É algo que aos veciños, realmente, non lles beneficia en nada.
O mandato tamén foi tenso entre IR e Somos. Como definiría o clima político en xeral na vila?
Ribadumia converteuse nun patio de colexio, parecen meniños a pelexar no recreo. Parece que deixaron de lado problemas importantes que afectan aos cidadáns. O noso programa electoral de hai oito anos e o de agora son moi similares, porque os problemas importantes seguen sendo os mesmos. Non fixeron nada para mellorar a vida dos veciños. Creo que a xente está cansa de tanta pelexa e quere que veña alguén que faga as cousas pensando neles.
Ambas forzas, Xuntos e PP, son dereita e nós temos claro que non a apoiariamos nunca no goberno. Temos uns ideais e uns valores que van en contra do que pensan eles
Pero o BNG leva dende 2015 sen representación na Corporación. Pode dar a volta a esta situación?
Cremos que desta vez si podemos volver. Estamos demostrando con traballo que traemos propostas.
Cales serían as liñas principais do seu programa?
Queremos traer vivenda pública, como xa fixemos no 2001, sabemos como facelo. Tamén temos un proxecto para solucionar dunha vez por todas o problema que hai no centro urbano, de atascos, de falta de aparcamento. Algo que todos din que van facer, pero que só parchean. O noso plan pasa por falar con todos os implicados, incluidos os comerciantes, para dar unha solución dunha vez por todas.
Cal é a valoración do BNG sobre o que se fixo estes anos?
Para facer algo mal, hai que facer cousas. Se non fas nada, realmente non podes facer nada mal. E é o que nós vemos que aconteceu. Había un proxecto para o colexio, e segue igual; había outro para o centro urbano, e tamén segue nas mesmas; no eido cultural, houbo un retroceso: Temos un auditorio, que si, está alí, pero apenas ten uso. En vivenda, a mocidade, fales con quen fales, quere independizarse, pero non teñen alugueiros para irse.
É posible loitar contra o problema da vivenda dende un concello?
Tanto a Xunta como o Goberno central anuncian que van impulsar vivienda social e nós ímolo solicitar. Nós non imos perder subvencións, nin esquecernos de pedilas. Ademais, en Barrantes hai un edificio da Sareb e nós comprometemos falar con esa sociedade e co Instituto Galego da Vivenda e Solo para ver se se chega a un convenio co que poder converter ese inmoble en vivenda pública. Tamén queremos crear unha ventá aberta no Concello para que os ribadumienses poidan ir asesorarse, por exemplo, sobre solicitudes de axudas ou, sobre todo, que pasos poden dar as familias que sofren na casa problemas de adiccións.
Se se rompe a maioría absoluta en Ribadumia e o BNG ten representación, con quen falarían de pactos e con quen non?
Haberá que ver o que pasa o día 28. Pero nós temos claro que o BNG nunca vai apoiar a dereita no goberno.
Que entra dentro desa ‘dereita’ en Ribadumia? Inclúen nese veto a Xuntos?
Home! De onde vén Xuntos? Vén do PP. Ambos os dous son dereita e nós non imos poñela no goberno, porque temos uns ideais e uns valores que van en contra do que pensan eles. Seriamos uns hipócritas.
Para esta entrevista elixiu como persoeiro a Virginia Woolf. Agora que fala de liñas vermellas, que pensa dos partidos que restan importancia ao feminismo?
Están desubicados completamente. É unha loita necesaria e, se alguén non o cre así, pode coller un día o xornal e ver como ás mulleres nos seguen matando.
Virginia Woolf, o feminismo e a saúde mental |
A candidata elixe para esta entrevista á escritora británica Virginia Woolf e faino como “referente do feminismo” e como “exemplo” da importancia da “saúde mental”. “A súa foi fráxil”, con circunstancias vitais moi difíciles “e a súa morte, tráxica, co suicidio”. “A pesar de nacer a finais do século XIX, xa falaba de cousas que, por desgraza, hoxe seguen vixentes”. “Falaba do maltrato, do abuso”, “ela mesma sufriu abusos sexuais dos seus medio irmáns”. Á alcaldable gústalle especialmente a obra ‘Unha habitación propia’, “onde xa naquela época, a autora facía fincapé na importancia que pode ter a muller se lle dan o espazo e a oportunidade de desenvolverse. Un cuarto propio, un soldo propio... salientaba a diferenza salarial entre homes e mulleres”. É evidente que “segue sendo actual”. |
[... e mañá, entrevista a Enrique Oubiña, candidato de Somos Ribadumia]