Xabier Rodríguez | “O modelo de cidade do BNG pensa nas persoas e non se basea no proba-erro”

Xabier Rodríguez | “O modelo de cidade do BNG pensa nas persoas e non se basea no proba-erro”
Xabier Rodríguez

Naceu en Vigo, pero leva dende os 25 anos vivindo en Vilagarcía, cidade da que se sente parte activa. Xabier Rodríguez é a primeira vez que encabeza unha candidatura, aínda que conta con experiencia sindical. Profesor de Historia no instituto Cotarelo busca reforzar a posición do BNG na Corporación e recuperar a confianza tras a marcha de Lucía César Veloso.

 

Debuta na primeira liña política. Que o levou a dar o paso?

Eu levaba tempo formando parte da candidatura en postos moi baixos. Agora dou o paso pola miña madurez persoal e política. Penso que hai que mudar cousas e o primeiro sempre é facelo no lugar máis próximo, na cidade na que vives.

 

O BNG estivo desaparecido en practicamente todos os plenos deste mandato que remata por cuestións persoais de Lucía César e porque non se optou por un recambio de forma rápida. Pensa que lle vai pasar factura esta ausencia?

Nos encontros que levamos tendo coa veciñanza foi algo que se nos reprochou, que estivesemos desaparecidos, pero era un reproche xeralizado e referente ao conxunto da oposición, como que daba a impresión que llo puxeramos demasiado fácil a Varela. En que nos afectou o de Lucía? A ela cambioulle a vida e estar fóra era incompatible con ter presenza aquí e estar ao corrente do que acontecía. Foi cando se deu o paso e se puxo ao número 2, que nunca o esperaba. Todos intentamos darlle o noso apoio. Recoñecemos que foi un mandato complicado e que ao mellor nos puido sacar enteiros, por iso agora se trata dunha remontada.

 

Unha remontada cun candidato totalmente novo...

Si, partimos dun descoñecemento absoluto do candidato porque non estou vencellado a ningún movemento social máis aló do sindical. Hai que loitar contra ese hándicap e niso estamos.

 

O modelo do BNG sempre foi o das peonalizacións, como pode comprobarse en cidades nas que goberna como Pontevedra. Varela presume moito dese estilo. É o mesmo o que ten o BNG na mente que o que se aplica aquí?

Eles presumen e non sei moi ben por que. Os modelos non son de “corta e pega”. Hai un modelo BNG que dá resultado en diversas cidades, pero que non é extrapolable ao 100 % a Vilagarcía. O modelo BNG pensa nas persoas, no sostible e en ir gañando espazos para a cidadanía. Non se trata de expulsar definitivamente aos coches, senón que ten que haber unha transición. Non se pode facer todo á vez como fai o PSOE e baixo a premisa de proba-erro.

 

Cando se fala de humanizar fálase de tráfico e o novo centro de saúde vai estar en pleno centro. Vai influír?

A posteriori as cousas poden verse diferentes. Agora cando vemos esa parcela sen o edificio vemos un espazo diáfano precioso. Volver poñer barreiras pode chegar a ser un erro. As forzas políticas aprobámolo no pleno, pero igual pode chegar a ser un erro político que non se debe obviar.  Agora xa está decidido e hai que buscar fórmulas para que sexa accesible para todo o mundo.

 

Cales son as principais liñas do programa do BNG para a cidade?

O noso eslogan é “Vilagarcía merece máis” e meréceo en moitos aspectos. Primeiro o da participación cidadá. Apostamos por achegar o Concello aos veciños cunha oficina móbil con portelo único. Nestes anos percibimos que houbo certo desleixo pola poboación do rural. Antes que grandes obras hai que pensar en servizos básicos e en descentralizar a vida social e cultural, levala ás parroquias. Tamén cremos que Vilagarcía merece máis verde e apostamos por crear un cinto forestal de parques en colaboración coas comunidades de montes. Outro aspecto básico é a mocidade. É a gran abandonada e merece espazos e actividades. Ademais hai que ter en conta as capacidades que ten Vilagarcía para xerar emprego.

 

Cando se fala de emprego nesta zona parece que só se pensa no ámbito do turismo.

Non, tamén temos o comercio de proximidade. Cremos que debe haber máis axudas municipais porque sobrevivir hoxe cos prezos dos alugueres e coa competencia do online é complicado. Hai que axudar a que o comercio tradicional se repense, se reconstrúa e que supere a fenda dixital para competir en igualdade de condicións. Cremos na economía circular porque se un negocio funciona repercute directamente noutros da cidade.

 

Comercio local e tamén mercadiño tradicional?

Por suposto, comercio e mercadiño deben xogar sempre da man. O que non se pode é enfrontar a colectivos. O mercado trae a un tipo de cliente que non marcha para a casa, senón que queda e consume en negocios. O Concello o que non pode é estar facendo cambios e trasladando con esa teima do proba-erro.

 

Nun escenario no que o PSOE non teña maioría, que van facer?

Hai quen xa anticipou que o BNG está atado de pés e mans por algún tipo de pacto. Nós o que non imos permitir é un goberno de dereitas. Demostramos que cando foi necesario gobernamos e que a sensación que quedou foi boa.  Cousas como o VaiBike introducímolas nós. En todo caso é algo a falar despois do 28.

 

Hai oito anos o BNG facilitaba o goberno do PSOE. Quedou con bo sabor de boca tras aquela experiencia?

Cando non estás dentro hai cousas pactadas que quedan en papel mollado. Temos suspicacias polo acontecido e incluso se nos tildou de brandos. Imos falar tendo en conta tamén o pasado. 

 

Ana Pontón, a “ave fénix”

Xabier Rodríguez elixe como referente á voceira nacional do BNG, Ana Pontón. Entende o nacionalista que Pontón representa ao “ave fénix, que cando ao BNG se lle daba por morto, rexurdiu con forza”. Recoñece que a líder do Bloque a nivel Galicia “é a que dalgunha maneira nos move a tirar para diante e aproveitar esta corrente de simpatía que xera”. Insisten en que foi un “ave fénix” que “nos daba por perdidos” e que “agora demostra que estamos ao pé do canón”.

 

[... e mañá entrevista a Ana Granja candidata do Partido Popular en Vilagarcía ]

Xabier Rodríguez | “O modelo de cidade do BNG pensa nas persoas e non se basea no proba-erro”

Te puede interesar