Xoan Manuel Vázquez preséntase por segunda vez como candidato do BNG en Meis. Mestre de Filosofía, de 52 años e veciño de San Salvador, o seu voto na investidura hai catro anos foi clave para decantar o goberno cara o PSOE tras perder o PP a maioría absoluta. Elixe como persoeiro destacado para esta entrevista a Alexandre Bóveda, o que nos vale para comezar a falar de historia.
O asunto da memoria histórica segue no centro do debate, pero vostede ten clara a súa posición.
É que un pobo sen memoria é un pobo que non existe. Xa dicían os latinos que a historia é a mestra da vida. Se non coñecemos a nosa historia, estamos condenados a repetila. Non podemos ter a xente fusilada nas cunetas. A paz non se pode producir mediante unha lei de amnistía onde os asasinos que se aproveitaron de todo seguen a estar aí.
Consideran que a lei de amnistía envelleceu mal? É hoxe máis un atranco que algo positivo, como se entendeu entón?
Exactamente. Foi o que nós consideramos o gran timo da Transición. Hai un bando excesivamente gañador, que se levantou contra unha república leal, un poder democrático, e un golpe de estado, bestial, fascista, apoiado por Hitler e Mussolini... Parece incrible que tentemos negar aos nosos heroes. Aquí tivemos un alcalde nacionalista no 1936 que foi represaliado (José Manuel Arribas, tivo que fuxir, foi detido e condenado a prisión). Pois seguimos pedindo que se lle poña o nome dunha rúa.
Nos últimos plenos houbo votos coincidentes entre BNG e PP. Podemos falar de pinza?
Nos casos en que consideramos que algo está mal feito, nós votamos en consonancia. Pero durante todo o mandato coincidiron máis o PP e o PSOE que nós co propio PSOE. E é curioso: Cando se fala de pinza, normalmente son mocións do BNG aprobadas, sen tocar, polo PP; ou mocións do PP cambiadas absolutamente polo BNG. Así que non existe tal pinza.
En pandemia demos o noso total apoio á alcaldesa e á saída da situación de urxencia, o PSOE creu que tiña unha maioría absoluta
Se se repite esa situación en Meis, un PSOE en minoría que necesita o apoio do BNG, que pasaría?
Hai catro anos fun moi claro. É moi difícil atopar unha xenerosidade como a que tivo entón o BNG: Dixemos “hai goberno” antes de negociar. Agora temos claro que o BNG, co resultado que saque —que esperamos que sexa espectacular— vaise presentar, si ou si, á Alcaldía. Despois, evidentemente, hai uns pactos que poden ser a niveis superiores. Pero aquí, en Meis, a primeira parte é presentarse si ou si á investidura. Agora mesmo non podemos ir máis alá.
Pregunto doutro xeito: Neste mandato o BNG deu o voto para a investidura, pero quedou fóra do goberno. Vese dentro do vindeiro executivo?
Somos moi claros. Se o pobo nos da unha votación suficiente para entrar no goberno, entraremos. Dependerá do resultado: Cun concelleiro, consideramos que o pobo nos di que non quere o noso programa e prefire outro. Se subimos en votos, cremos que si. Pero habería que reunirse.
Que fixo ben este novo goberno e que fixo mal nestes catro anos?
Comezou bastante ben. Ao principio a comunicación co BNG era perfecta. Pero recoñezo que o mandato foi moi estraño, cunha pandemia polo medio. Aí, o BNG sacou un comunicado e dixemos que a nosa alcaldesa era sagrada, o que dixera, iámola apoiar. Non estamos para facer política nunha pandemia. Coido que a partir de aí, o PSOE creu que tiña unha maioría absoluta e que podía facer o que quixera. Ao saír da pandemia, comezaron os problemas: Antes levabamos propostas que se atendían e despois esas propostas foron recibidas con insultos.
O BNG tivese preferido o centro de saúde na Rochela?
Non. Ao BNG dáballe absolutamente o mesmo, a Rochela que Casa Parga. Incluso propuxemos un referendo, que nos negaron. Toda a polémica se xerou porque nós non imos nin por WhatsApps, nin por chamadas de teléfono, senón por escritos, rexistrados, na Xunta e no Parlamento. Actuamos como se debe actuar. E o conselleiro respondeu e díxolle á alcaldesa que mentira. E tamén digo, o centro de saúde é moi bonito e todo queda moi ben, pero o que nós queremos é persoal sanitario e médicos.
Que facer co parque acuático?
Hai cinco anos o BNG dixo moi claro: “É unha estafa”. Nós sempre quedamos como os malos da película. Pero é que eu nunca minto. Reunirámonos coas empresas e só pediamos ver o plan de viabilidade e os inversores. Non había nin unha cousa, nin a outra. Nós iamos cos papeis, ensinamos que era unha estafa, que era unha empresa con 5.000 euros! Como sempre, o tempo... Non vai haber parque acuático a non ser que sexa outra empresa nova. O problema é: E o destrozo do monte?
Un rápido resumo das principais propostas no seu programa.
Ten dúas bases. A primeira: Aquí por desgraza seguimos no século XX. Hai que mellorar en mobilidade e crear un autobús interparroquial. Tamén un taxi a demanda, a un 10 % da tarifa. E unir, mediante rutas non para turistas, senón para os veciños, dende o monte da Croa ata Outeiro do Cribo. E segunda, servizos básicos: Internet, parcelaria, traída de auga e este ten que ser o mandato do saneamento. Xa falei coas alcaldías de O Porriño, Mondariz e Ponteareas. Imos contratar unha cisterna para que todos aqueles lugares onde non teñen saneamento, ata que poidamos levalo, encargariámonos nós do baleirado dos pozos negros.
Alexandre Bóveda, unha figura “impresionante” |
O candidato elixe como persoeiro destacable a Alexandre Bóveda, mito do galeguismo do que destaca “foi un neno prodixio”, cunha “vida que me impresionou”. “Con vinte anos preséntase a unha das dez prazas en Facenda en Madrid e saca o número un”. “Na ditadura de Primo de Rivera, Calvo Sotelo (ministro de Facenda) quere fichalo e el, polo seu galeguismo, di que non. Con vinte anos”, destaca. El é “o gran xenio detrás das cámaras” no nacemento do Partido Galeguista. Tras o golpe do 36, será fusilado. “Négase a fuxir”, “só pide ser enterrado coa bandeira galega”. |