A Xunta rexeita prohibir a xefes de servizo exercer na sanidade privada

Gómez Caamaño ve contraproducente a idea e critica a García por “abrir melóns e non pechalos”
A Xunta rexeita prohibir a xefes de servizo exercer na sanidade privada
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, preside a constitución, onte, do Comité Molecular de Tumores na sede do seu departamento | Xurxo Martínez (Efe)

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, rexeitou este mércores a proposta do Ministerio de Sanidade de prohibir que os xefes de servizo da sanidade pública poidan tamén exercer na privada: “Penso que as persoas son libres, no seu tempo libre, de facer o que queiran”, sinalou o conselleiro.


En declaracións á prensa na sede do seu departamento en Santiago de Compostela, antes de presidir a constitución do Comité Molecular de Tumores, Gómez Caamaño quixo recalcar que “non” comparte a postura do Goberno central e criticou á ministra de Sanidade, Mónica García, pola súa “inaudita” capacidade “para abrir melóns e non pechalos”.


A proposta do Executivo central sobre a exclusividade dos xefes de servizo produciuse no marco da negociación para renovar o estatuto marco para o persoal sanitario. Varios colexios médicos, incluído o de Galicia, xa mostraron o seu rexeitamento.

 

Efecto contrario


O conselleiro de Sanidade, que ata o seu nomeamento en abril de 2024 era xefe do servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, coincidiu cos colexios en que podería ter un efecto contrario ao desexado.

 

 “O que estás a facer é, realmente, favorecer que os profesionais de prestixio, profesionais que lideran moitos servizos, acaben optando por desprazarse á medicina privada”, asegurou Gómez Caamaño. 

 

Ademais, o máximo responsable da sanidade en Galicia preguntouse “como se vai a pagar o traballo a maiores” dos xefes de servizo, se se considera que só se pode dedicar á pública baixo a idea de que o seu posto é “tan importante que non pode cumprilo no seu horario habitual, de 08.00 horas a 15.00 horas”.


Cabe lembrar que, hai dous anos, o Servizo Galego de Saúde  emitiu unha instrución para flexibilizar o réxime de incompatibilidades e que o persoal que o integra puidese exercer tamén en clínicas e hospitais privadas que tivesen servizos concertados. 

A Xunta rexeita prohibir a xefes de servizo exercer na sanidade privada

Te puede interesar