Hai algún plan para potenciar e axudar aos deportistas de aquí e darlles máis importancia?
Está claro que en Cambados hai moita calidade deportiva e os resultados están aí. Por iso, cómpre recoñecer e apoiar aos deportistas de Cambados que acadan metas relevantes a nivel nacional e internacional. Ademais de agasallalos e premialos, debemos crear axudas económicas que lles permitan afrontar os numerosos gastos que implica a súa participación en competicións de alto nivel.
Cando se van limpar as pintadas do Muíño da Seca?
Xa está contratado o servizo, financiado pola Deputación de Pontevedra. Agora estamos á espera da dispoñibilidade do limpador láser para poder eliminar esas horribles pintadas. Contamos con poder facelo nas vindeiras semanas.
Que é do que máis orgullosos vos sentides do que fixestes durante o mandato?
Por unha banda, o gran traballo realizado nas áreas de Cultura e Patrimonio, con actuacións que quedarán para sempre na historia de Cambados, como a inauguración do Museo Ramón Cabanillas e a recuperación da escalinata da Igrexa de San Bieito na Praza de Fefiñáns.
Pola outra, a promoción económica e a conseguinte creación de emprego. Cando chegamos ao goberno había 1.400 persoas en situación de desemprego en Cambados e reduciuse ese número á metade. Iso foi posible, entre outras cousas, grazas aos investimentos conseguidos doutras administracións para o Polígono Industrial de Sete Pías, onde só neste mandato se crearon máis de 400 empregos netos.
Finalmente, tamén debemos destacar o saneamento económico do Concello. Cando chegamos nós ao goberno municipal debíanse 3 millóns 700 mil de euros e só había 400 mil euros no banco, e agora non temos ningunha débeda e hai 2 millóns 400 mil euros no banco.
Se volvedes a ser reelexidos, xa tedes plans a executar a curto prazo?
Hai que renovar e construír instalacións deportivas. As existentes non chegan para satisfacer a gran demanda que temos en Cambados. Isto é unha prioridade para o seguinte mandato.
En materia de mobilidade e humanización de espazos públicos está por desenvolver unha boa parte do PMUS, con actuacións por todo o municipio.
Débese completar tamén a rede de saneamento e abastecemento de auga nas parroquias, e facer posible que a fibra óptica chegue á totalidade das vivendas.
Como ides xestionar o tema de que o Muíño da Seca non sexa BIC?
No mesmo día que soubemos que non estaba tramitada a declaración BIC enviamos a solicitude con toda a documentación necesaria á Xunta de Galicia. Esperamos ter axiña unha resposta favorable.
Que opinas da situación da sanidade pública?
Non vou descubrir nada novo se digo que é lamentable. Estivemos oito anos loitando para evitar que se pecharan consultas e servizos no centro de saúde. E foi o Concello quen tivo que iniciar unha reforma das instalacións que debería realizar na súa totalidade a Xunta. As presións e mobilizacións que fixemos durante estes anos serviron para evitar o desmantelamento do noso ambulatorio. Pero, tamén sabemos que este problema non o temos só na nosa vila ou na nosa comarca, senón en toda Galicia.
Que grupos musicais actuarán no albariño 2023?
Haberá variedade para tratar de satisfacer todos os gustos e a todas as idades. Temos pensado comezar o martes cos concertos, aínda que a inauguración oficial sexa o mércores a mediodía.
Vaise manter o horario de ampliación da biblioteca Luís Rei?
Si, cando menos ata o final do curso académico. Sempre que existan peticións ao respecto atenderanse. Son moitos os estudantes e opositores que utilizan as instalacións da biblioteca en épocas de exames e de oposicións, e debemos colaborar para que poidan estudar o tempo que precisen e nas mellores condicións posibles.
Vanse arranxar as instalacións do Pombal?
Ademais dos pequenos arranxos que se están a acometer agora, pediuse financiamento a través dos Fondos Next Generation para renovar a cuberta e reformar todo o pavillón e dotar dun novo céspede ao campo de fútbol. Son un total de un millón e medio de euros en obras no Pombal.
Está na previsión do Concello poñer bancos na Praza de Fefiñáns?
Si, vanse instalar bancos na zona próxima ás árbores. É unha instalación necesaria que vai dotar de máis vida á praza. Ata o de agora a única posibilidade de sentarse na praza era facéndoo nunha terraza dun establecemento hostaleiro.
Vaise peonalizar a praza do Concello?
Estamos elaborando un proxecto con fondos do Plan Ágora para acometer esa reforma ao inicio do vindeiro mandato.
Que medidas se van tomar para crear traballo en Cambados?
Seguiremos apostando pola promoción económica e a creación de emprego. No Polígono xa hai instaladas 56 empresas e o ano pasado pediron licencia para construír cinco novas naves outras tantas empresas.
Cambados é un referente de dinamización do comercio local, vanse manter as actividades?
Por suposto, o concello debe ir sempre da man do comercio e da hostalería local.
Vanse arranxar as beirarrúas de San Tomé?
Está realizado e aprobado o proxecto para facelo ao inicio do vindeiro mandato. Estamos a falar das beirarrúas dende Catro Camiños ata o Brexo. Chegamos a un acordo con Augas de Galicia para que eles fagan unha parte e nós a outra. Ademais das novas beirrarúas tamén se vai acometer unha nova canalización de augas pluviais e residuais.
Cando se vai facer a escalinata de Fefiñáns?
Presentáronse 3 empresas ao concurso para acometer as obras. Esperamos que se poidan iniciar no mes de abril.
Que actividades se están facendo nas casas de cultura das parroquias?
Dende que rematou a pandemia veñen desenvolvéndose numerosas actividades en todas as casas de cultura: axilidade mental, informática, manexo de teléfonos móbiles, cursos de idiomas, ximnasia, etc.