Carlos Chaves | “Temos que falar coa xente nova e saber que queren que lles ofertemos”

Con 46 anos de vida, Dorna é practicamente unha institución na Illa de Arousa. Nacida nos anos da Transición, frutificou tan rápido que hoxe conta con numerosas seccións que funcionan non só a nivel individual, senón como unha perfecta engranaxe

Carlos Chaves leva un ano á fronte de Dorna e recoñece que a experiencia está sendo algo complicada, por non dispoñer de todo o tempo que o cargo requeriría adicarlle. Amósase “contento” co funcionamento do colectivo, do que hoxe valora con nós o seu pasado, presente e futuro.

 

Leva vostede un ano como presidente pero o seu vencellamento vén de moito antes...
Si. Primeiro como socio, vencellado sempre ó xadrez, dende mediados dos 80. Nunha época houbo un parón importante no xadrez, pero dende 2013 entre Alberto Otero e eu estamos intentando recuperar todo. E despois con Salvador Allo, ante a falta de relevo nas directivas, as propias seccións fomos aportando material humano.

 

Falando do xadrez, que cre que aporta? Como o promocionaría?
Primeiro, non toda a xente ten a posibilidade ou as ganas de practicar actividades físicas. Entón, o xadrez é unha actividade lúdica pero diferente. Despois, dache moitísimas posibilidades, tanto a nivel individual como social. É unha ferramenta socializadora potentísima. Gústame máis o ambiente do xadrez que propiamente o xadrez en si.

 

Pode ser que haxa o prexuízo de que é moi difícil?
Depende, como todo, de ata que punto te metas. Tocar un instrumento é moi difícil, pero aprender non é tan difícil. O xadrez é o mesmo. Obviamente, se queres chegar a un nivel moi alto, é complicado, pero canto máis aprendes, máis descobres e máis interesante se fai. A xente que se involucra, involúcrase moito, e temos vicio (ri).

 

Tras un ano como presidente, é como esperaba? Mellor? Peor?
É bastante peor, pero a nivel individual, porque non teño a capacidade de darlle todo o tempo que o posto requiriría, pero as circunstancias persoais son as que son. Ó final, tes un montón de ideas pero poñelas en práctica é bastante complicado. Ás veces algún enfádase porque non lle adicas todo o tempo que precisa. Enfadouse unha persoa comigo porque me plantexou un problema e cando falei con ela xa pasara tempo, pero que lle vas facer. Aínda así, a nivel de funcionamento estou contento porque a dinámica das distintas seccións funciona.

 

Integrantes da Asociación Cultural e Deportiva Dorna de A Illa de Arousa  Mónica Ferreirós
Integrantes da Asociación Cultural e Deportiva Dorna de A Illa de Arousa  | Mónica Ferreirós

 

Falou de ideas... Que proxectos hai agora sobre a mesa?
Por exemplo o de tentar recuperar toda a memoria da asociación. Sería moi bonito, falar con toda a xente que estivo aí antes ca ti e xuntar iso nun traballo, pero require moito tempo. Agora tamén nos propuxeron a edición dun par de libros. Un non se concretou e o outro concretouse solicitar a axuda á Deputación para poder facer unha historia da industria na Arousa.

 

Dorna naceu no ano 78. De onde cre que vén esa tradición asociativa na Illa?
Pregunteillo a algunha persoa que estivo nesa primeira directiva e parece que foi algo derivado da Transición. Eran iniciativas que partían da política e tentaban fomentar o asociacionismo. O traballo desa xente frutificou moi rápido e pronto se fixeron un montón de cousas, a comezos dos 80.

 

Portos parece que está intentando facer furos nos barcos para que vaian ó fondo. Poñen paus nas rodas continuamente

 

Sería capaz de nomear todas as seccións que ten Dorna?
Máis ou menos si. A nivel deportivo, nun momento houbo fútbol gaélico, que agora está en pausa; o xadrez leva dende o 86, dende que hai ponte; o baloncesto igual;  o piragüismo, que agora está por fóra, chegou a estar dentro de Dorna, despois segregouse igual que fixemos nós de Vilanova (ri); dentro da parte cultural-deportiva está o tema de dornas a vela, que é unha sección bastante potente e cun patrimonio importante. E a nivel cultural hai música e baile tradicional. Hai tamén colectivos de mulleres e outras actividades puntuais.

 

Na escola de navegación tradicional teñen o problema de non contar cun porto onde gardar as súas embarcacións. Como está agora mesmo esta situación?
En breve teremos que mirar de reu­nirnos coas distintas administracións e facer unha proposta de axuda de conservación do patrimonio. Iso conleva tanto que se involucren como que non haxa tantas trabas. O de Portos é o caso máis claro porque parece que están intentando facer furos nos barcos para que vaian ó fondo, metaforicamente. Pero é que están poñendo paus nas rodas continuamente. É necesario que a administración se dea de conta de que isto facémolo para enriquecer á sociedade, e que se perda ese patrimonio sería moi triste. As embarcacións pequenas pódelas gardar, pero un galeón é complicado e a Arousa non é precisamente un sitio cómodo no inverno. De feito, este inverno o galeón estivo a piques de ir ó fondo por unha vía de auga. Collérono por pouco no Cabodeiro.

 

Que lle gustaría facer en Dorna que deixara pegada?
Pegada persoal sería moi presuntuoso. A teima máis grande que hai que ter é que os colectivos funcionen independentemente de quen estea dentro e xuntar todos os esforzos de cada sección para que o proxecto funcione. Despois está o tema de captar xente nova.  Temos pendente falar con eles e saber se serían capaces de pedirnos as cousas que queren que lles ofertemos, porque chegar á xente nova custa traballo. 

Carlos Chaves | “Temos que falar coa xente nova e saber que queren que lles ofertemos”

Te puede interesar