Carlos Iglesias | “A decisión é completamente miña. Sempre tiven claro que o paso pola política ten que ser algo temporal”

Carlos Iglesias | “A decisión é completamente miña. Sempre tiven claro que o paso pola política ten que ser algo temporal”
O rexedor, onte, durante esta entrevista, no despacho que abandonará en maio | mónica ferreirós

Carlos Iglesias anunciou oficialmente esta semana que en maio deixará de ser alcalde de A Illa. Non se presentará ás eleccións, logo de dous mandatos como rexedor socialista. Licenciado en Dereito, a súa andadura na política local comezara en 2011 con 30 anos, como home forte do entón alcalde, Manuel Vázquez. Hoxe a historia repítese e dalle o relevo a outro mozo, Luis Arosa, co que leva traballado estes dous últimos mandatos.

 

Imos comezar polo final. Por que decide deixar a Alcaldía?

Sempre tiven a idea de que o paso pola política ten que ser temporal. Tiven claro o tema dos dous mandatos como alcalde, desde o principio. Logo, Luis (Arosa) é unha persoa que leva oito anos de concelleiro comigo. Ten moita experiencia na xestión de servizos municipais. El estaba disposto. Hai tempo que o falaramos, primeiro entre nós e logo tamén no partido. Así que, habendo relevo e sendo bo, hai que aproveitalo.

 

Di que hai tempo que o falaron. De cando é a decisión?

A nivel persoal, eu xa sabía que no 2023 non ía continuar. Por iso vas traballando tamén, para que no 2023 poida haber relevo, como neste caso houbo.

 

Non houbo presións do PSOE para deixar o cargo?

Non. Foi unha decisión completamente miña.

 

Pero isto sorprende, por infrecuente, non? Unha persoa nova, oito anos de alcalde, que ten unha maioría absoluta...

Ao mellor é unha cousa que non é moi normal ou cotiá, si. Pero que mellor que iso?

 

Deixalo arriba, como un bo mito do rock.

(Ri). Non agardar a que a cousa estea mal para logo facer unha transición “marrullera” e andar a trancas e barrancas.

 

 

As relacións co resto de administracións sempre foron boas. Despois, hai momentos de pura política, pero a min gústame máis a xestión que a liorta e o ataque

 

Ao partido, cando llo comunicou?

Durante o 2022. Primeiro, nunha das reunións periódicas na executiva local. Despois, a finais de ano, comunicouse á asamblea. E a comezos de anos propúxose a candidatura de cabeza de cartel con Luis (Arosa), a asamblea acoulleu­na de marabilla, foi nomeado por aclamación, non houbo máis candidatos.

 

Chegouse a valorar algún outro nome aparte do de Luis Arosa?

A vida política aquí, no PSOE, é moi viva. Sempre se van barallando nomes. Non xa para cabeza de cartel, tamén para ir nas listas, para incorporala ao partido, para sumalo aos proxectos. De aí poden saír moitísimas cousas.

 

Unha vez que se soubo que vostede non continuaría. A xente, os militantes, que lle din pola rúa?

Buah (ri). Recibín apoio de todo o mundo, veciños e militantes. Da xente máis próxima, pois oes “e logo por que non segues? Que estamos de marabilla, que eres forte, que che coñece todo mundo, que ti coñeces a todo o mundo?” Pois iso ao mellor tamén é un problema (ri).

 

E despois de maio, que?

Eu son licenciado en Dereito. Estou colexiado no Colexio de Avogados de Pontevedra, agora como non exercente, porque teño unha adicación exclusiva (á Alcaldía). O que si, farei unha breve etapa de descanso.

 

De desconexión total?

Si (rotundo). Ademais, coincidirá co verán, que está moi ben. Descansarei un breve tempo, para desconectar un pouco de todo. Date de conta que, en doce anos, saín en 2018 catro días a Alemaña; no 2022, catro días a Alemaña e no verán de 2021 collín unha semana, pero estaba aquí. Ese foi o descanso que tiven estes anos.

 

Vou tomarme o verán de descanso. Apenas parei nestes once anos na política local. Á volta, a miña primera opción é a iniciativa privada, pero quen sabe o que virá

 

 

Iso é o peor dun cargo así?

Absorbe moito tempo. A ver, tamén gusta. Isto ten que gustar, como non teñas vocación de servizo público e che guste... Se a xente non ten iso, non o vai pasar ben nun cargo así. Non es capaz. Hai días mellores, días peores... A administración pública complícase cada día máis. A relación entre administracións é terrorífica. No sentido de que todo leva moito tempo.

 

Iso semella dende fóra.

É que a administración latina é moi lenta. E digo latina, xa non só española. Isto deriva do Dereito Romano, levamos así 2.500 anos (ri). Hai cousas que, sorprendentemente, como a implantación da administración electrónica, son boas para certos asuntos, pero hai aspectos nos que os concellos pequenos aínda lles custa. E logo, todas as bases de réxime local hai que darlle unha volta. A financiación, a organización... a todo. É un sistema moi antigo.

 

Que é o peor, os problemas de financiación ou as mareas de permisos sectoriais, por exemplo, para desenvolver unha actuación?

Ben, aos permisos sectoriais, acostúmaste. Nós aquí, pese a ser un concello insular, só temos vinculación con Costas del Estado, polo tema do dominio público e con Urbanismo da Xunta polo tema da servidume de protección. É algo que, como é de toda a vida, témolo controladísimo. Ademais, a relación coas outras administracións é boa. Sempre o foi. Cando estás na labor pura de xestión, é xestión. Despois, hai momentos de pura política, si, tamén os hai.

 

Gústalle máis a xestión ou a política entendida nesta acepción que di vostede?

A xestión. Eu a nivel político, son bastante tranquilo, non son “follonero”. Non me gusta, por exemplo, o que está ocorrendo na política nacional. Paréceme que se baixou de nivel nos últimos vinte anos unha cousa esaxerada. Ao mellor son eu o raro (ri). Hai que facer política, é bo facer política, pero a min non me gusta o enfrontamento, o insulto... Paréceme unha perda de tempo.

 

Falaba dun verán de descanso. E despois? Descarta volver á política nalgunha outra posición, ou traballar para a administración?

A nivel político, como cargo público, de momento si o descarto. Pero un non sabe o que lle deparará o futuro. Hai xente que se tomou unha pausa de anos e despois regresou... non sei.

 

Pero terá unha idea do que fará en setembro.

Si. A ver, basicamente, a miña primeira opción é a iniciativa privada.

 

O peor momento foi na pandemia. Os concellos tivemos que prestar servizos que non faciamos e ao comezo houbo certa desorganización e falta de materiais

 

 

Chega a cansar a política?

Como dicimos aquí na Arousa, ten días.

 

E cales foron os peores?

Aos concellos pequenos tocounos xestionar a pandemia con moi poucos recursos. E non axudou nada logo ver as labazadas que había a nivel nacional co asunto da xestión, que, na miña opinión, a nivel do Estado foi moi boa, aínda que a oposición non axudou nada. Foron tempos moi duros. A nivel de concellos tivemos que prestar servizos que non faciamos e inventar cousas que non estaban inventadas. Houbo un primeiro momento de desorganización. Recordo que tiñamos que ir buscar o material ao edificio da Xunta a Pontevedra. Dicíanche “trae un furgón”, ías buscalo, chegabas alí e comprobabas que o que che daban, cabíache no maleteiro do coche perfectamente (ri).

 

Foi o máis complicado?

En canto ao periodo, si. Se falamos da materia, o urbanismo. É un concello con moita servidume de protección e moito dominio público, con trinta e sete quilómetros de costa.

 

Se falamos dos asuntos máis duros, entran nesa listaxe esta recente agresión denunciada por vostede ou aquela denuncia que lle puxeran acusándoo de acoso por teléfono, que ao fin, rematara arquivada. Todo iso desgastou?

Non. Eu son bastante simplón ou forte nese sentido. A ver, son momentos difíciles porque sabes que están indo contra ti polo cargo que ocupas. Entón, non é de agrado. Pero poden máis as ganas de facer cousas que eses episodios. Que son anecdóticos completamente. O que hai é que estar en actividade e sacar sempre o lado bo das cousas.

 

Pois cóntenos, alguén que nestes anos lle sorprendera para ben.

A sorpresa destes anos foi o número de persoas que coñeces. E tamén me sorprendeu moito para ben a veciñanza, que vai ao Concello non só para facer algunha xestión ou cousas da vida administrativa, senón que ás veces a xente acude a ti para que a aconselles xa en temas da vida persoal. Sorpréndeme iso, o que se abre a xente a un alcalde. En liñas xerais hai un respecto grande por esa figura, sobre todo das xeracións maiores. O que peor levaba eu cando entrei aquí con trinta anos era que me falaran de vostede persoas de sesenta e setenta. Custoume aclimatarme.

 

Porque anécdotas ten que ter unhas cantas. Algunha que se poida contar?

Mira. Era verán, había incendios aquí por Galicia e na noite dun  domingo a un luns, ás catro da mañá, chamoume o 112... porque había un gato nunha árbore. Desas, moitísimas. Outra vez, un turista, do interior de España, mandoume un correo electrónico, que imprimín e todo, escribíndome “señor alcalde, en su pueblo sube mucho la marea”: Deixara o coche na praia da Canteira, en zona inundable, debidamente sinalizada, o señor meteu o coche alí e, coa pleamar, aboiáralle.  

 

“Anécdotas hai moitas: Unha noite, ás catro da mañá, chamoume o 112 porque había un gato nunha árbore”

 

 

Que é do que máis orgulloso queda do feito nestes anos?

De todo. Foi un ciclo intenso. As casas modernistas, o náutico, o ximnasio... son proxectos grandes que a un pobo pequeniño cústalle moito xestionalos. O que máis me gusta é que a xente os use, non me gusta facer cousas que non se usen.

 

Logo, ao paso duns anos coa etapa de alcalde xa lonxe, cando pase por diante da reforma das casas modernistas, pensará o típico: “Iso fíxeno eu”?

(Ri). Eu para iso non son moi mitómano, eh? Eu o de descubrir placas co meu nome non me gusta moito. Hai a quen si, pero a min dame un pouco de pao.

 

Que quedou por facer?

Conseguir os terrenos na zona dotacional-deportiva para un pavillón en condicións. O que temos (no colexio Torre) é compartido con Educación. No verán, cando non hai clases, hai máis posibilidade de uso, pero... Hai que conseguir unha área deportiva á altura do deporte que se practica aquí, que é moito. Aínda non descarto que antes de acabar o mandato se poida conseguir algo.

 

Cal é o gran consello que lle daría ao seguinte candidato ao PSOE, se este logra ser alcalde?

Que nada lle cambie a personalidade. Hai que seguir, na medida do posible, coa mesma vida que levabas antes. Loxicamente, o posto quita moitísimo tempo, pero hai que sacar tempo para un. Manter a humildade e traballar pola sociedade en xeral. Con iso, o resultado será bo. 

Carlos Iglesias | “A decisión é completamente miña. Sempre tiven claro que o paso pola política ten que ser algo temporal”

Te puede interesar