Ramón Caride | “Nunca terei os lectores de Vargas Llosa, pero vivo o meu soño: dedicarme a escribir”

Un dos autores galegos máis produtivos regresa á poesía co libro bilingüe “Indehiscencia” e ten novas obras no forno
Ramón Caride | “Nunca terei os lectores de Vargas Llosa, pero vivo o meu soño: dedicarme a escribir”
O escritor Ramón Caride en Cambados | MÓNICA FERREIRÓS

O escritor Ramón Caride vén de publicar un novo poemario, unha escolma bilingüe de antigas creacións e outras máis recentes produto do regreso das musas do xénero á pluma dun dos autores galegos máis prolixos. O seu nome é “Indehiscencia” e chega nun momento da vida deste cambadés de adopción –por circunstancias e sobre todo por agarimo– con tempo libre dabondo para deleitarse nos momentos e oportunidades que lle ofrecen os actos de presentación, coa xente, coa literatura. “É como un soño cumprido”, afirma. 


O título xa é unha advertencia. É un termo empregado en botánica para referirse ao froito que non solta as sementes de maneira espontánea e Caride recoñece que o libro veu ao mundo non sen dificultades: “Ten un significado especial porque os dous primeiros son poemas feitos para un proxecto artístico experimental con Francisco Pazos e logo non fixen moito máis,  pero volvín a facer poesía e para min foi unha sorpresa e había que celebralo”. 


Resulta curioso que, quen se iniciou no mundo editorial cun poemario prologado polo gran Manuel María, perdese o pulso poético. “Máis ben, a poesía deixábame a min porque non é unha cousa que fago como dedicación habitual. Son máis narrador, coa prosa teño un método, pero a poesía asáltame, é algo que non podo forzar e pode pasarme cada dez anos”, explica.


O autor amósase satisfeito co resultado: “É un libro bastante representativo”, di. E destaca a portada creada por Guillermo Pedrosa e tamén que unha editorial de fóra de Galicia, Juglar, se interesase por unha obra poética bilingüe, aínda que Caride amosa tremendo agradecemento por todos os que se vai atopando no seu camiño. “Nunca se fala dos editores, pero atopar uns que non se movan unicamente polo criterio comercial, é impagable hoxe en día. A literatura é algo vocacional, pero a edición tamén”, destaca. E no caso de “Indehiscencia”, case máis, pois non parece o mellor tempo para o xénero, tendo en conta que, por vendas, non é o preferido polos lectores. Non obstante, Caride cre que as novas formas de edición lle favorecen. “Pasa algo curioso, abaratouse moito e isto permite facer tiradas moi limitadas e incluso a medida que vas facendo presentacións. Isto permite que máis poetas saian á luz, autoedicións, máis editoriais, máis actos poéticos e vexo que a resposta é boa”, explica.


Estalle pasando nas que leva organizadas e incluso lle sorprende a asistencia, pero pensa que “despois da pandemia hai fame de comunicación, á xente gústalle ir a actos nos que participe e nós ofreciamos a posibilidade de ler algúns poemas e moitos animáronse. A presentación acaba sendo un punto de encontro e o libro non é unha cousa tan masiva como o fútbol, pero ten esa cousa moi bonita, non económica, e creo que a poesía é o máis artístico da literatura porque a realidade é que non ten tradución económica”.

 

A nova novela, “bastante dura”

O ano pasado tamén viu a luz o seu libro “Nada doutro mundo”, unha antoloxía de 15 relatos que abarca un lapso temporal de 30 anos. Del conta que “é bastante experimental, algo totalmente diferente porque ao mesmo tempo é unha novela paralela no que a personaxe é como unha especie de alter ego meu e fai unha parodia, unha interpretación da miña vida. É moi bonito”. E pronto haberá máis novidades. Acaba de rematar unha novela en galego da que só desvela que “será realista e bastante dura”, por iso “da superstición dos artistas”, sorrí. Tamén está a piques de sacar unha nova edición ilustrada da versión en castelán da novela de literatura xuvenil “O frío azul” –a cal acaba de traducirse ao bable– e a que será a segunda parte de “As músicas viaxeiras”, produto dunha residencia artística organizada pola Xunta na Illa de San Simón.


Calquera diría que ten ás musas encerradas na súa casa? “Teño moita vocación e, non está ben que o diga un, pero tamén moita capacidade de traballo. Levántome as oito da mañá aínda que estea xubilado, e o día cunde. Podía ter máis lectores, si, nunca vou ter tantos como Vargas Llosa, pero  é o de menos. Estou nun momento da miña vida no que podo dedicarme ao que sempre quixen, gozo escribindo e falando coa xente, é como unha especie de soño cumprido”. 


Por isto tamén lle fai especial ilusión a nova edición de “O frío azul”, porque o ávido escritor tamén é un ávido compartidor de vida. “Permitirame darme a coñecer un pouco fóra de Galicia, pero non porque pense que as vendas van ser masivas, se non porque é moi interesante coñecer xente, como son outros autores e públicos e estouno facendo bastante agora que a xubilación mo permite”. 


E falando doutros escritores, como ve a situación da literatura galega? “Ben, no sentido de que están aparecendo novos escritores, sobre todo mulleres, que se lanzan a escribir en galego, xente que, ás veces, nin os pais lle falaban galego. Repítese un pouco o caso de Rosalía; non é unha lingua moi valorada polos seus falantes, pero non obstante, os descendentes desa xente póñense a escribir en galego e teñen mellor formación da que tiñamos nós”, responde. Ademais manexan as redes sociais e estas ferramentas que axudan a divulgar”. De feito, o tamén querido profesor cambadés considera que, neste caso, o fenónemo da globalización, que non sempre goza da mellor prensa, resulta positivo. 


O caso do idioma xa é tema aparte. “Á sociedade fáltanos darnos conta de que ter unha cultura propia e un elemento de identidade ten un valor”, di. Non obstante, tampouco “son pesimista, estamos no camiño, sobre todo se pensas en como estaba o galego hai cen anos, a situación era moito peor”. Ademais, Caride é a da opinión de que os cambios tecnolóxicos como a tradución simultánea e esa conexión máis global que nunca “van favorecer as linguas minoritarias” porque “imos cara un mundo onde ninguén vai ter unha única lingua”. 

 

 

 

Ramón Caride | “Nunca terei os lectores de Vargas Llosa, pero vivo o meu soño: dedicarme a escribir”

Te puede interesar