‘O Xardín da Memoria’, un proxecto interxeracional sobre a musicoterapia e o alzhéimer

Un podcast dedicado ás personas maiores elaborado por alumnos de 1º e 4º da ESO do IES Ramón Cabanillas está entre os finalistas dos premios José Hermida de radio escolar
‘O Xardín da Memoria’, un proxecto interxeracional sobre a musicoterapia e o alzhéimer
Un momento da gravación do episodio coa colaboración de Afasal | IES Ramón Cabanillas

O poder da música e a memoria. Esa é a premisa do podcast elaborado por alumnado do IES Ramón Cabanillas que é xa finalista dos premios José Hermida de radio escolar da Cadena Ser. Un episodio do proxecto “O Xardín da Memoria” na que os escolares de 1º e 4º da ESO empapáronse dos recordos de toda unha vida de Eva, María, Evaristo, José, Peregrina, Maruja e Inocencia, usuarios do centro de día Lembranzas, e puideron asesorarse sobre os efectos do alzheimer e outras demencias da man de Alba Basallo, traballadora social de Afasal (Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias do Salnés).


A gravación arranca de man de Fatma, unha das alumnas que participa no proxecto e que interpreta unha canción que lle cantaba a súa avoa en Senegal. Un inicio que evoca dúas das máximas do podcast: a música e os recordos. Precisamente o valor terapéutico da música para activar recordos a través das emocións é unha das actividades máis extendidas para o tratamento das persoas con enfermidades neurodexenerativas. Así llo explica  no podcast aos escolares Alba Basallo, traballadora social. Pero os seus efectos van máis alá, xa que tamén reducen a ansiedade e melloran o seu estado de ánimo, así como os problemas de conducta que se presentan nas persoas con demencia. A música, a fin de contas, é algo que nos acompaña durante toda a vida: “Ás veces poden recordar “de pe a pa” a letra dunha canción”. Unha circunstancia que os propios alumnos puideron comprobar na súa visita ao centro de día, onde Eva, unha das usuarias, lles cantou o himno galego e ‘Eva María de fue’ de Fórmula V.


Alén da música, porén, Basallo expuxo outro tipo de ferramentas útiles para o coidado de persoas maiores con algún tipo de demencia, como pode ser establecer unha rutina coas mesmas pautas diarias e o afecto: “Os sentimentos van a estar sempre aí”. Así mesmo, explicou o traballo que realiza Afasal na comarca de O Salnés, que acompaña ás familias desde o diagnóstico ata todo o proceso de enfermidades neurodexenerativas, como pode ser o caso do alzhéimer.


Manter vivos os recordos

Ademais da visita de Basallo, o alumnado visitou tamén no amrco deste proxecto o centro de día, onde os seus usuarios compartiron con eles os seus recordos de xuventude: ir a lavar ao río en plena posguerra, unha sociedade máis patriarcal, o servizo militar, os xogos que facían de pequenos a ausencia de escola.
En definitiva, un proxecto interxenaracional co que o instituto mantén viva a memoria dos máis maiores e que incentiva que os pequenos pasen máis tempo cos seus avós e, a poder ser, con moita música. A entrega dos premios José Hermida será o 9 de maio no Salón de Actos da UNED Pontevedra e o podcast está dispoñible para o público a través da canle de Youtube do instituto cambadés. 

‘O Xardín da Memoria’, un proxecto interxeracional sobre a musicoterapia e o alzhéimer

Te puede interesar