Quen o sabe?

Non sei por que ni a santo de que vén á cabeza deste escribidor o caso insólito de Manoliño das Filgueiras. Ocorreu nos primeiros anos da década do sesenta do século pasado e deixou sen fala aos seus familiares, aos mestres que tiña, aos fregueses da parroquia, aos máis vellos e á mocidade toda. Era dunha familia distinguida, de casa con nome e con historia nas enciclopedias que había. Os seus irmáns eran cregos ben formados e as súas irmás tamén sabían latín, aprenderano no convento, xa de pequeniñas.


El non, Manoliño, o máis novo, non quixo seguir naquel colexio dos xesuítas e levárono a unha escola de alto grao de esixencia. Alí, naquela vila engurrada pola miseria, un dos seu irmáns era o cura da parroquia principal, don Herminio, un home preparado, ben estudado, atento e cumpridor sempre, na misa diaria, nos enterros, nos cabodanos e no catecismo daquelas tardes soleadas ou de inverno, se tocaba. Á hora do catecismo, Manoliño xogaba ás escondidas coa rapazada no adro da igrexa.  


Ao pouco tempo, aquel neno, listo como un allo, intelixente, tan valente e moito máis corpulento que os da súa idade, quería cambiar outra vez de escola, quería ir para unha escola mixta, onde estaban os fillos e as fillas dos labregos pobres, daqueles tempos difíciles. O irmán non quería cambialo e el foise da casa, marchou co posto e deixou na mesa de comer unha nota longa e ben escrita, aclarando os seus desexos non comprendidos polo crego que, inmediatamente, emprendeu a tarefa de atopar e recuperar ao irmán pequeno.


Don Herminio cruzaba as mans, aloumiñaba a súas propias meixelas, choraba e rezaba para que volvera Manoliño. Sentábase na mesa e rezaba o rosario, ía para igrexa rezando e rezaba diante de cada un dos altares, antes da porta de entrada e despois dela. Pedíalle a Deus axuda para atopar vivo e salvo ao seu irmán, para que volvera e para que seguira tan campante e cambialo de escola, como quería.  


Necesítote, Manoliño! Volve e pídeme o que queiras! Unha tarde noite, o crego axeónllase ao lado daquela mesa cuberta cun hule de cadros e cando ía na cuarta ou quinta pregaria descobre que baixo da mesa estaba agachado Manoliño. -Non teño que volver, irmán. Estou aquí e quero cambiar de escola. Efectivamente. A Tía Manuela, pensa que “puido ser unha treta do pequeno”. Quen o sabe?


O rapaz, sen sabelo, parecía unha persoa versada en estratexia, un lanzado e espabilado capaz de conseguir o que anhelaba, o que quería  e aquilo que entendía que favorecía aos seus intereses de neno malcriado. Cambiou de escola, pero os resultados académicos non melloraron. Pola contra, empeorou en todo, tamén na convivencia ao lado do crego, cada día máis tensa e máis difícil. Pasado algún tempo, marcho da casa. As augas desbordaron a canle  e don Herminio, avergoñado,  deixou os hábitos, probablemente para sempre, aínda que segue a vestir de negro.

Quen o sabe?

Te puede interesar