En 2014, con motivo do seu nomeamento como militante de honra do PSdeG-PSOE de Vilagarcía de Arousa, a José Recuna preguntáronlle como se podía combater a crecente desafección dos cidadáns respecto da cousa política. E el, que aos seus 87 anos vira de case todo, incluída a represión persoal, moral e económica que sufrira boa parte da súa familia -e polo tanto el mesmo- trala guerra civil, non tivo dúbida: “Recuperando valores básicos de la ciudadanía... honradez, lealtad, solidaridad, comprensión y convivencia”. Por entón, a min nin se me pasara pola cabeza que algún día eu sería candidato á alcaldía, pero pareceume toda unha lección de vida. Non foi a única que me deu. Ao longo destes anos, tiven a oportunidade de compartir con José Recuna distintos actos aos que se convidaba a todos os que foran alcaldes, e alí estaba el sempre, para recordarnos a todos eses valores que tan ben representaba.
Para moitos, especialmente para as xeracións máis mozas, José Recuna era ese señor maior que ía en bicicleta dun lado a outro deixando tras de si un halo de optimismo e vitalidade. Todos daríamos algo por chegar á súa idade no seu estado e sobre todo actitude. Outra lección. Pero José foi moito máis que iso. A perspectiva do tempo, estou seguro, fará máis grande aínda a súa figura. Porque el foi o primeiro alcalde da democracia, iso que adoitamos esquecer que non sempre estivo aí, que houbo que pelexar por ela, como José. E nun momento moi complicado no político, no social e no económico, foi quen, xunto co seu equipo (Santiago Ferreira, Adolfo Pedrido, José Figueiras, Vicente Renda, Faustino Laya, Nicolás Barcala, Juan A. Dios...), de sentar as bases de moito do que sería Vilagarcía despois: o Plan Xeral de Ordenación Urbana, a depuradora de augas, o pavillón de deportes xerme do actual complexo polideportivo de Fontecarmoa, o inicial paseo marítimo, o asilo, a compra do vello Mercantil para convertelo na casa da cultura, a rede de bibliotecas, a recuperación da banda de música, as obras no rural...
O triunfo en 1979 dese señor que agora, maior e feliz, paseaba en bici tivo moito de simbólico. O primeiro alcalde da República fora o seu tío Elpidio Villaverde, que, como a meirande parte dos seus irmáns e irmás, ao igual que o propio pai de José, sufriron as consecuencias da persecución política na guerra e na posguerra. Tempos difíciles e feridas incurables que, lonxe de crear rancor, forxaron nel un carácter conciliador e afable recoñecido e recoñecible. O feito de que fora elixido, e el aceptara, ser xuíz substituto nos anos finais do Franquismo non deixa de ser outra lección.
Nunha moito máis recente entrevista, probablemente a última que lle fixeron, na serie de “O pasado por vir” da Deputación de Pontevedra, logo de repasar as súas peripecias vitais, intimamente ligadas ás da súa familia, algunhas moi duras, José Recuna deixou unha reflexión que nos tempos que corren debería de ser de obrigado estudo, cando non de imperativa inserción na apertura dos telexornais: “El diálogo ante todo resuelve las papeletas. La brutalidad de las armas no conduce a nada”.
Grazas, José, por ser como fuches. Grazas, en fin, por recordarnos, co teu exemplo e o teu sorriso, como debemos ser.