O municipio de Vilanova de Arousa é un territorio de 36 kilómetros cadrados, moi fecundo á hora de enxendrar escritores, poetas e xornalistas. E non me refiro exclusivamente a Valle Inclán e ós irmás Camba. Refírome tamén ós Amigos de Valle Inclán, a Gonzalo Allegue, a Francisco Charlín, Vila Fariña, Carmen Villanueva, José María Leal, Alicia Padín, Miguelanxo Martínez, Jesús Blanco, Juan Viñas Mariño, Carmiña Pomares, a saga dos Trigo de Caleiro… Por non citar a Xosé María Álvarez Blázquez, que pasou parte da infancia e xuventude en Baión, ou Soledad Puértolas, a escritora numeraria da Real Academia Española, que non naceu aquí, pero escolleu esta vila como remanso de paz e creatividade para desfrutar longas temporadas.
Outras vilas e cidades contan no seu censo con pintores e escultores, pero cando se achegan á arte da escrita precisan contratar autores que vaian impartir leccións de literatura. En Vilanova estúdase e publícase sobre mundos oníricos de creación propia. Blasonamos de escritores que crean universos inspiradores e logo exportan a súa obra lírica ou dramática. Artistas doutros lares orbitan arredor do noso planeta das letras, atraídos pola gravidade do valleinclanismo universal ou da arousanía cambiana.
A Vila Nosa é un prodixio en canto a producción literaria, un escenario sen decorados de cartón pedra, onde se reproducen fragmentos de novelas e relatos. Por exemplo, Vilanova é a Villaclara de Paco Camba na novela El Amigo Chirel. É a paraxe natural que o seu irmán Julio valora como “uno de los paisajes más hermosos del mundo”. É a Flavia Longa en cuxa praia das Sinas Valle Inclán fai encallar a barca de Abelardo. Como territorio valleinclaniano, Don Ramón sitúa aquí escenas das Sonatas, Romance de Lobos ou de La lámpara maravillosa. No Priorato residía aquel prior Gregorio de Balboa quen, segundo o profesor Baudilio Barreiro, facía contrabando de tabaco con Bilbao no século XVII. Tamén é a vila que emprega Carlos Valle Inclán como punto de partida para plasmar as súas costumistas Escenas gallegas. O noso porto e as rúas da vila son os escenarios que Soledad Puértolas elixe para ambientar episodios do libro de relatos Chicos y chicas, rememorando veraneos xuvenís. Na zona de O Cabo sitúase o bar no que o grande actor Rafael Álvarez El Brujo presume de ter degustado os “mellores mexillóns do mundo” co alcalde e os Amigos de Valle Inclán.
Vilanova é o núcleo marítimo, histórico e literario que deu nome á Ría de Arousa, esa grande bahía tantas veces cantada en poemas e coplas: “Crucei a ría de Arousa nunha barquiña de vela, non vin cousa tan fermosa nin penso volver a vela”.
Hoxe en día, dende a estación Mar de Santiago embarcan os pelegríns tras percorrer a variante espiritual do padre Sarmiento. Paran a descansar e cruzan o último tramo da ruta marítimo fluvial Arousa-Ulla ata Pontecesures. O mesmo traxecto que seguiron os discípulos do Apóstolo ata desembarcar en Padrón e rematar o Camiño en Compostela. Xa que logo, en Vilanova seguiremos a escribir relatos da nosa historia secular que conectan cos doutras vilas literarias onde viviron Rosalía, Cela, Cabanillas, Borobó, Castelao...