O Servizo Público de Emprego de Galicia avanza na súa consolidación como referente no campo da innovación, con medidas de carácter pioneiro implantadas nas súas 54 oficinas, á cabeza de España e Europa en beneficio tanto das persoas que demandan activamente emprego como das empresas que están a buscar talento. Un exemplo desa innovación é a ferramenta de intelixencia artificial EMi.
A iniciativa englóbase no proceso de modernización deste Servizo que impulsa a Xunta co afán de incrementar a súa eficacia e convertelo no gran nodo de empregabilidade da Comunidade, dando así resposta a retos globais como a cobertura de vacantes.
Neste contexto, prevense incorporacións como os novos caixeiros que se irán instalando nas oficinas -entre outras funcionalidades técnicas- para a renovación das demandas de emprego, petición de cita previa ou outras xestións, co obxectivo de axilizar trámites e incrementar a eficiencia do Servizo. Unhas melloras que van en paralelo ao continuo reforzo do persoal de orientación e prospección laboral e aos 1,6 millóns de euros que se destinarán en 2025 a obras nas oficinas de emprego.
O software EMi, despregado no Servizo Público de Emprego de Galicia, vén de recibir o premio que outorga Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da Comisión Europea. Trátase dunha ferramenta pioneira desenvolvida en Galicia e baseada na intelixencia artificial que facilita a conexión entre a oferta e a demanda do mercado laboral. Con ese fin, permitirá realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas ata setembro de 2025, facilitando así aos orientadores a toma de decisións.
Ademais, entre as vantaxes que ofrece está a de relacionar todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral, detectar sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións e detecta carencias competenciais en cada localidade. Tamén pode prever o comportamento laboral de cada comarca e de cada ocupación referida aos seis próximos meses, o que permite adiantarse ás necesidades das empresas.
De cara ao ano que vén e con 1 millón de euros de orzamento, desenvolverase EMi con novas accións como unha aplicación móbil que permitirá á cidadanía realizar autoperfilados para beneficiarse das recomendacións na busca de emprego baseadas en datos do mercado laboral. Unha aplicación que porá o foco especialmente en colectivos como a xente nova.
En paralelo, a Xunta tamén traballa no reforzo do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego para garantir que nas listas figuren exclusivamente as persoas que queren traballar. Un programa que leva atendido preto de 50.000 persoas desde o verán de 2023 e que incorpora de xeito pioneiro un acordo de actividade explícito —recollido pola normativa estatal— para inscribirse ou permanecer como demandante de emprego, con ou sen dereito á prestación. Isto posibilitará mellorar a eficiencia dos procesos de selección e favorecer a empregabilidade, tamén a través dun novo mecanismo de antigüidade que primará os que asinen e cumpran este compromiso explícito.
Nesa liña, búscase impulsar un uso óptimo e axeitado dos recursos, avanzando tamén na flexibilización da formación e na reciclaxe profesional para a retención de talento e facilitar a entrada no mercado de colectivos infrarrepresentados. Así, destacan a aposta pola formación á carta das empresas, polas microformacións e microcredenciais para potenciar as oportunidades laborais de persoas que xa están traballando (en colaboración cos clústeres ou empresas) ou das persoas desempregadas que queren facelo.
A través destas medidas, a Xunta responde –a través das políticas activas de emprego sobre as que ten competencia– como recomenda Bruxelas para favorecer a empregabilidade tanto por conta propia como allea, atendendo tanto á forza de traballo interna como externa, priorizando neste caso o retorno á terra.