O Concello de Catoira xa o ten todo listo para a conmemoración do Día de Rosalía. Farao cun programa cargado de actividades coa intención de poñer en valor a grande relación da escritora coas cantareiras, ás que este ano se lle dedican as Letras Galegas.
A programación arranca ás doce do mediodía na Biblioteco obradoiro-concerto titulado “Rosalía cantareira” a cargo de Jara Ortiz. É unha proposta que pretende achegar á rapazada a parte musical de Rosalía a través dun concerto didáctico. Nel podrán descubrir as súas composicións, normalmente inspiradas na música popular e tradicional, e tamén cantar algúns dos seus poemas máis recoñecidos, así como saber da procedencia dos diferentes ritmos da música tradicional galega a través da pandeireta.
Xa pola tarde, ás 19 horas, no Auditorio terá lugar o espectáculo “A nosa Rosalía” no que participarán a Escola Municipal de Teatro de Catoira e a Asociación Cultural Nós de Sobradelo. Ambas entidades traballan para representar ante o público diferentes actuacións nas que a poesía, a música e o baile serán os eixos principais. As dúas actividades son de balde e abertas ao público ata completar o aforo.
O edil de Cultura da localidade vikinga, Raúl González, sinala que Catoira quixo esforzarse este ano na celebración do Día de Rosalía porque “conmemorar a Rosalía é conmemorar a Galicia”. Resalta que é ela a autora “non só máis universal, senón tamén un símbolo do país. Unha autora mítica, un referente” ademais de “valente, moderna e rebelde”.