A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou o IES Plurilingüe de Valga para comprobar as infraestruturas coas que conta e avaliar a necesidade de melloras e novas dotacións de cara a posta en marcha, o vindeiro curso, de tres novos ciclos de FP. Os novos ciclos que empezarán a impartirse no curso 2024/2025 son os medios de Mantemento electromecánico e de Xardinaría e floraría, e o superior de Mecatrónica industrial. Serán os tres en modalidade dual, de forma que o alumnado recibirá formación tanto no IES coma en empresas da contorna, recibindo unha remuneración económica.
Pérez indicou que “este centro vai ter un gran impulso o vindeiro curso, con novos proxectos de formación dual, especialmente relacionados coa fabricación mecánica, un ámbito empresarial moi potente en Valga e arredores”. Neste senso, o director do instituto valgués explicou durante a visita que actualmente o centro conta con oferta en dúas familias profesionais: a de fabricación mecánica (cos ciclos básico de Fabricación e montaxe, medio de Soldadura e caldeiraría e superior de Construcións metálicas) e a familia agraria, co ciclo básico de Agroxardinaría e composicións florais.