A tradutora galega María Alonso Seisdedos recibiu hoxe o vixésimo premio Plácido Castro pola traducción da obra “Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila”, de Irene Solà, publicada por Kalandraka, do catalán ao galego. A entrega do galardón celebrouse na Casa Consistorial de Ravella polo Día Internacional da Tradución, á que acudiron o alcalde, Alberto Varela, o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, a presidenta da fundación, Susi Castro, e membros do xurado.
A viguesa agradeceu a creatividade da autora catalana, porque “por boa que sexa unha tradución”, necesita o soporte dunha gran obra para recibir esta clase de premios. Asimesmo, fixo énfase no seu “amor cego pola tradución de pezas alleas”. Ademais fixo unha aproximación a súa carreira, unha profesión que, segundo a premiada, “foi un labor anónimo durante moitos anos”. Porén, aínda que esta característica foi unha das que a impulsou o seu labor, cos anos, asegura darse conta de que a “visibilidade é o que nos dignifica”, “obrigándose” a comparecen en actos públicos que dan dignidade á lingua.
Por outra parte, o rexidor, Alberto Varela, agradeceu á fundación o seu traballo honrando á figura de Plácido Castro e a posta en valor da tradución e da lingua con este premio, referente no sistema literario galego. Da mesma forma, alabou a figura de Castro, que segundo indicou Varela, “deixou unha onda pegada na nosa cidade e na sociedade galega”.
O galardón está dotado cun diploma, unha peza escultórica denominada Babelio, deseñada por Xaquín Chaves, e unha dotación económica de 2.000 euros.
Por outra banda, representantes do xurado destacaron que escoller un gañador entre as oito obras preseleccionadas “non foi sinxelo”, máis a riqueza léxica e sintática, unida ao ritmo impregnado na tradución de Alonso Seisdedos, que “recorda a un conto popular”, fíxoa gañadora do prestixioso recoñecemento.
Na súa traxectoria, María Alonso Seisdedos traduceu do inglés, frances, portugués, italiano, alemán, castelán e catalán, destacando, ademais deste galardón, o Premio Nacional á mellor tradución de 2014 e o Premio Xela Arias. Un labor que define utilizando unha cita de Tavares: "Un tradutor habita nun país intermedio, que non existe nos mapas, un país que é feito da invención vocal de dous amantes aparentemente incompatibles, se existisen máis tradutores o número de guerras diminuiría".