Annika Álvarez forma parte de Limparousa pero subliña que o seu labor non é só limpar, senón sobre todo concienciar. É por isto que cando reciben fotos de xente seguindo o seu exemplo, “é a mellor recompensa”. Hoxe cóntanos como están as nosas praias.
Como de limpa está Arousa?
(Ri). Por desgraza, a Ría de Arousa é unha zona marabillosa, pero está moi moi moi sucia, en comparación con outras rías. Porque hai moitísima actividade, humana, turística, pesqueira, industrial... e hai moitísimo residuo.
Que é o que máis atopan?
De todo. Hai varias vertentes. Temos os residuos domésticos, que é todo aquilo que tiramos polo váter, como bastonciños dos oídos. Unha vez chegamos a contar 600 nun cachiño moi pequerrecho. Tamén aplicadores de tampóns...
Supoño que cabichas tamén, non?
Moitísimas. Por desgraza a xente está afeita a tiralas no chan e é un problema moi gordo porque son moi contaminantes e aparecen por milleiros.
Trouxo unha pequena mostra do lixo que retiran das praias. Cóntenos que hai aí.
Hai tapóns, cabichas, bastonciños dos oídos, paos de chupa-chups e biosportes. Os biosoportes xa non son domésticos, senón industriais. Nós colaboramos con organizacións como Surfrider, que está facendo estudos sobre os biosoportes. Estas peciñas son un problemón na Ría de Arousa e cada vez están aparecendo máis. Por milleiros.
E sábese de onde veñen?
Proveñen de diferentes sitios. Depuradoras de auga, piscifactorías... Por que saen fóra? Ese é o tema. Ou porque están mal almacenados ou porque hai un problema na xestión deses circuitos onde se empregan. Se saen fóra é porque eses circuitos están vertendo augas contaminadas, tamén con eses biosoportes, ó mar.
Notan que haxa praias que están peor que outras en Arousa?
Si. Hai puntos conflitivos. Por exemplo, a zona de Vilaxoán. A de Vilanova tamén, está moi mal. En Cambados temos algún punto na zona de Castrelo... En Catoira estivemos limpando nunha xornada con Adega e aquilo era un auténtico vertedoiro. En O Grove tamén hai puntos conflitivos... Depende tamén das mareas, das correntes e de onde estean os sumidoiros.
"A Sara Carbonero pedímoslle unha foto e ela gravou unha
entrevista e deunos a coñecer. Estamos moi agradecidas"
Que fan cos residuos que recollen?
Estamos facendo unha boa colección! (ri). O que procuramos é separar todo, clasificalo, levar un reconto de todo o que aparece en cada sitio para ter datos cos que poder traballar e buscar solucións. Todo o que sexa reciclable vai ou ó contedor amarelo, ou residuos de pesca van ó punto de recollida de residuos de pesca... E tamén colaboramos con pequenas asociacións que reciclan eses materiais para buscarlles outra vida.
Cantas persoas son no colectivo e cada canto organizan a limpezas?
Somos tres mulleres. Eu de Cambados e as miñas compañeiras de Vilagarcía e de Caldas. E limpar, limpamos sempre. É inevitable. Cada vez que imos dar un paseo... (ri)
Non pode pasear sen recoller, non?
Non. Xa vas pola rúa mirando e xa che vai o ollo, por deformación profesional. Pero temos un grupiño de WhatsApp con todos os voluntarios e cada vez que imos facer unha limpeza, avisamos. Procuramos facer mínimo unha limpeza grande ó mes.
Colaborou con vostedes tamén Sara Carbonero. Como foi iso?
Hai xente que nos di “ai, as de Sara Carbonero”. Pois foi algo aleatorio, nunha das nosas primeiras accións como colectivo. Estabamos participando no Colillatón, organizado por Surfrider, nunha praia en Carril, que estaba limpa aparentemente. Cando estabamos rematando dixemos: Está aí Sara Carbonero. Pedímoslle unha foto e ela, con toda a súa xenerosidade, dixo: Foto non, imos gravar unha entrevista. Deunos a coñecer e estamos eternamente agradecidas.
Que opinan do novo Real Decreto que fará que as em
presas t
abaqueiras teñan que asumir o coste ambiental do abandono de cabichas?
Non estou moi ó tanto pero alégrome. Espero que non sexa só unha acción de “greenwashing”.
Hai moito diso, de lavado de cara das empresas?
Si. Hai moitas que están contaminando todo o verán e de repente contratan unha empresa para que limpe unha praia media hora e con iso xa solucionaron. E non é así. O primeiro neste tema sería que a xente se conciencie e deixe de tirar as cabichas ó chan. Non costa nada levar un cabicheiro no bolso. Eu sempre levo dous.
E cal é a próxima limpeza?
Estivemos a semana pasada en Vilaxoán limpando un espigón. Son máis complicados que as praias, porque teñen acumulados residuos de hai 30 anos. Estamos atopando cousas... arqueoloxía total (ri). Son pedras con moitos recovecos. Xa fixemos dúas xornadas e seguiremos insistindo para deixalo algo decente.
O ideal sería que Limparousa non tivese que existir, non si?
Exactamente. O principal sería que estivese todo limpo e oxalá chegue ese día, pero mentres tanto, hai que seguir. Hai xente que limpa pola súa conta e nos manda fotos dicindo: mira, hoxe limpamos aquí... E nós orgullosísimas. Iso é o mellor regalo, a mellor recompensa. A xente que vén ás limpezas con nós non vai tirar residuos ó chan, porque sabe o que custa recollelos. E iso transmítese ó resto da familia.