Anabel Rocha buscaba facer realidade o soño de calquera nena lectora cando, en novembro de 2023, abriu as portas de “Hojas de Lorien”, nun baixo de Edelmiro Trillo polo que xa pasaron varios negocios. O plan era abrir antes do Nadal, para aproveitar as festas. “Non fixo falta moita reforma, decoración simplemente”, apunta. Precisamente nos detalles está o éxito.
No ano e medio de vida do local, son moitos os lectores que pasaron polo ‘templo de Anabel’, pero especialmente lectoras. “O 70 por cento, polo menos, son mulleres”. Nos clubes de lectura, “o noso punto forte”, aínda sobe a porcentaxe. “O noventa por cento”. E os homes que van, son mozos. E precisamente unha das chaves dunha actividade que comezou como unha proba e que xa ten un cento de participante, setenta deles fixos, e catro categorías. Dúasson do xénero fantástico, que da nome á librería. Outra, dirixida por Lau by the Sea, orientada á narrativa contemporánea. Por último, a primeira, a que deu a orixe e na que caben todo tipo de categorías. Como a triloxía rural do autor máis icónico de Granada. “Escribiume unha clienta para dicirme que non sabía que Lorca era tan feminista”, apunta Rocha. Descubrementos que, en ‘Hojas de Lorien’, ocorren a un e a outro lado do escaparate. E sobre todo, arredor dunha taza de té ou de café, nese espazo de encontro que a libreira preparou ao máis estilo Buckingham, e onde se levan a cabo as reflexións sobre a obra escollida para a ocasión. “Ás veces parece que leron distintos libros”, explica Rocha.
Non é tanto cuestión de xeración como da propia persoa, pero ás veces a idade tamén inflúe, como no caso de ‘Jane Eyre’. “As mozas non entenden que a protagonista marche cun señor maior. Para nós, é máis sinxelo de asumir”, explica. Desde os 12 aos 94 anos é o amplo abano de idades que se reúnen na parte superior da librería ‘Hojas de Lorien’.
É alí, precisamente, onde a partir de mañá, poderán verse ilustracións de doce autores, entre elas a propia Rocha, que tamén decora marcapáxinas. Tamén participan Augusto Metzli, Marthazul, Nuria Díaz, Chus Rojo, Sylvia Farbe, Lola Zavala, Saila Chao, Aida Alonso, Komorevi e Eva Casanova. As obras estarán á venta.