As travesías en Galeón poderán reservarse a partir do xoves

As travesías en Galeón poderán reservarse a partir do xoves
O galeón Illa de Cortegada

O Concello de Vilagarcía abre ás 9 da mañá do xoves, 27 de xullo, a reserva de prazas para participar nas travesías gratuítas en galeón a realizar no mes de agosto. Pechada a quenda de xullo, nas rutas previstas para o seguinte mes celebraranse nas fins de semana do 11 e 12 e do 18 e 19 de agosto (venres e sábado nos dos casos). As persoas interesadas en participar neste exitoso programa turístico e de divulgación etnográfica e medioambiental deben inscribirse a través da web www.ataquilla.com.
 

En cada unha das xornadas realizaranse dúas travesías, unha con saída ás 16 horas e outra ás 18. O número máximo de prazas que se poden reservar nunha mesma solicitude é de 4.

Dado que o aforo do galeón é limitado (só poden viaxar 9 pasaxeiros en cada viaxe), para facilitar a asistencia do maior número de persoas e de que non queden vacantes, unha vez cubertas as prazas en cada saída, este ano dáse a opción de anotarse na lista de agarda, trámite que tamén se poderá realizar a través de ataquilla.com. Co mesmo obxectivo, prégase ás persoas que obtiveran praza e que finalmente non poidan acudir á cita, que tramiten a anulación a través da propia web, de xeito que poidan entrar persoas da lista de agarda. A cancelación da reserva pode realizarse ata 48 horas antes da saída. No caso de producirse baixas, a propia web remitirá un aviso á persoa que corresponda segundo a orde na lista de agarda.

O programa das travesías en galeón, promovido polo Concello, busca ofrecer unha alternativa turística e de ocio que permita aos participantes gozar da experiencia de navegar a vela nunha embarcación tradicional galega pola Ría de Arousa, así como coñecer a riqueza natural e patrimonial da illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. Tamén é un medio para divulgar a riqueza etnográfica dos pobos mariñeiros e das embarcacións tradicionais como as que hai décadas sucaban as augas da Ría.

As travesías en Galeón poderán reservarse a partir do xoves

Te puede interesar