Coa intención de que a cultura estea na rúa e que as presentacións de libros non sexan un formato pechado e aburrido nace “Conversas arredor”. É este un proxecto ideado pola poeta carrilexa Andrea Fernández Maneiro e que arranca este venres coa presentación do seu libro “Voto de silencio”, ás oito e media da tarde no vestíbulo do Auditorio, con Patricia Torrado como presentadora e acompañada coa música de Manuel Dopico e Xosé Lois Lucio. Será no interior pola meteoroloxía, pero a intención é que se celebrase na Praza da Independencia. Un enclave escollido pola propia autora polo “que iso significa. O libro versa sobre a miña experiencia de nena nun colexio de monxas, que está alí preto, e o que implicou saír por esa porta, que implicaba a independencia en todos os sentidos”.
Fernández Maneiro recoñece que “incluso a min, que me gusta a poesía, na meirande parte das presentacións de libro me aburro moitísimo e penso que iso ten que mudar”. Daí que entenda este formato como un “artefacto” poético-musical na rúa “para que a xente se achegue, se quede ou teña a liberdade de irse”.
A edila de Cultura, Sonia Outón, manifestou que a intención deste formato que arranca co “Voto de silencio” de Andrea Fernández Maneiro é de que teña continuidade no tempo. De feito xa está apalabrado un segundo asalto co poeta noiés Manuel López Rodríguez.
A proposta parte sen preocupacións arredor do número de asistentes. “Ímonos preocupar nós de números cando somos de letras?”, manifestou Fernández Maneiro. “A poesía está nas rúas e nos bares moito”, sinalou Fernández Maneiro.