Dani Barreiro: “Recitamos e musicamos a Rosalía dun xeito didáctico e informal”

Dani Barreiro: “Recitamos e musicamos a Rosalía dun xeito didáctico e informal”
Dani Barreiro acompañado de Borja García estiveron onte no instituto de Carril e hoxe estarán no Bouza-Brey | gonzalo salgado

Ninguén mellor que un carrilexo para dar voz e música ás letras de Rosalía de Castro. A escritora do Rexurdimento pasou longas tempadas nesta localidade mirando a Cortegada e agora, anos despois do seu nacemento, é Dani Barreiro o que lle dá vida a través do proxecto “Rosalía en 4 poemas e 4 cancións”, que estes días percorre as aulas dos institutos da cidade. “Foi un proxecto que naceu hai uns anos, pero que se freou por completo coa pandemia”, explica Barreiro. O artista sinala que “é unha figura que dá para moitísimo tanto no artístico como no persoal”. Froito das súas investigacións xorde unha iniciativa que comparte con Borja García ao contrabaixo e que ten unha duración de 40 minutos. “Son oito poemas escollidos -a maioría de Cantares Gallegos-; catro son recitados e os outros catro cantados”, matiza o carrilexo. Recoñece que “é un modo informal, pero ao mesmo tempo tamén atractivo para achegarlle a figura de Rosalía e a súa obra ao alumnado. Aínda que é un proxecto moi condensado ten unha parte moi didáctica”. De feito Barreiro indica que “hai que ter en conta que era filla dun crego e iso xa de primeiras pois xa impacta e pode servir para que os rapaces se enganchen á súa figura, para moitos igual bastante descoñecida”.


A Biblioteca Municipal acolle dende hoxe e ata o vindeiro 23 de marzo unha mostra sobre a figura da escritora do Rexurdimento con trípticos e paneis informativos 



Dani Barreiro bota man precisamente de anécdotas e curiosidades para fiar un relato que reivindica unha Rosalía moi distinta á que durante anos se vendeu dende a cultura galega. “A verdade que está sendo unha experiencia moi gratificante e moi bonita. Por exemplo en Carril houbo un momento no que estaba recitando e Borja estaba ao contrabaixo no que lles saiu aos propios alumnos dar palmas, polo que xa vías que estaban dentro da historia, do proxecto que lles estabamos contando”, manifesta o carrilexo.


Dani Barreiro ten claro que “Rosalía en 4 poemas e en 4 cancións” ten o obxectivo divulgativo de dar a coñecer aos máis novos a figura dunha muller fundamental na historia da literatura galega, pero tamén “de tentar que a xente lea poesía e que coñezan á nosa Rosalía como muller e a localicen na época na que viviu. Abriu paso a outros escritores e iso é importante divulgalo”.



A volta á normalidade


Dani Barreiro recoñece que volver poder facer proxectos deste tipo despois dos duros anos de pandemia é “todo un respiro”. “Pilloume o encerro na isla de El Hierro, e xa para volver á casa me costou bastante”. Iso si, unha vez en Vilagarcía recoñece que “estiven moi activo”. O carrilexo deu ata nove concertos a través da súa terraza amenizando as longas semanas de encerro daqueles que vivían en vivendas próximas. “Facía tamén cousas en streaming e a verdade é que se levou bastante ben”, recoñece. Cando se empezou a reactivar moi timidamente a actividade cultural “fun facendo pequenas”. O peor chegaría meses despois cando “de outubro a maio estaba a cousa totalmente pechada e un é autónomo e esas cousas e todo era incertidume”. Agora sinala que hai “cousiñas sobre as que xa estamos traballando a curto prazo e esperamos que non teñamos que vivir algo como aquilo”.


Ademais do proxecto de Rosalía protagonizado por Dani Barreiro a biblioteca de Vilagarcía acolle hoxe a inauguración dunha exposición sobre a autora que se prolongará ata o 23 de marzo, Día da Poesía.

Dani Barreiro: “Recitamos e musicamos a Rosalía dun xeito didáctico e informal”

Te puede interesar