Contar o que pasou e tamén a lóxica do que pasou. Ese é o obxectivo das xornadas da historia e da memoria democrática que se celebrarán en Vilagarcía durante os vindeiros días 7, 8 e 9. Investigadores e historiadores reuniranse nunha cita que se celebrará na sala de conferencias do Auditorio con entrada libre e gratuíta. A inauguración será o xoves ás sete e media da tarde a cargo da edila de Cultura, Sonia Outón. Será ela a que lle dará paso á primeira das palestras - “Catas na Lei da memoria”- a cargo do historiador e escritor Carlos Méixome, autor do libro “O terror nas tebras e outras catas na memoria”. Xusto a continuación a historiadora e escritora Aurora Marco falará de “Irmandiñas, as mulleres no galeguismo republicano”. O acto será presentado pola técnica de cultura, Cruz López.
O venres a programación centrarse na represión durante os anos da guerra civil e a ditadura na comarca do Salnés. Será á mesma hora, a partir das sete e media, e a primeira palestra será a cargo do profesor e investigador, Xosé Álvarez, autor de “Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936.1951)”. Despois o investigador e historiador Dionisio Pereira (autor do libro “Loita de clase e represión franquista no mar”) flará da resistencia armada na contorna de Vilagarcía entre o ano 1936 e 1940.
A última cita coa memoria está fixada para o sábado 9 a partir das doce e media da mañá. Será a quenda do historiador e escritor Marcelino Abuín Duro que falará sobre a Vilagarcía do 1936. O acto de clausura correrá a cargo do alcalde, Alberto Varela.
Sonia Outón resaltou que Vilagarcía foi o centro neurálxico da represión e que é preciso falar da memoria para recuperala.