A orquestra de Vilagarcía La Fórmula releva hoxe á París de Noia no escenario da Avenida da Mariña. Farao a partir das dez da noite –por ser véspera de festivo local– e como un dos pratos fortes da programación festiva de Santa Rita. Así pois La Fórmula quentará os motores para o día grande –que se celebra mañá– e o resto de actividades centralizaranse no entorno de Vista Alegre.
Así pois no día de hoxe seguirá funcionando a Feira Celta no parque da Xunqueira a partir das once da mañá e ata as tres da tarde. Despois os postos volven estar operativos ás seis ata as once e media da noite. Nese entorno abriranse os xogos infantís tradicionais de 12 a 15 horas e haberá a partir da unha un pasarrúas musical polo mercado. Esta ambientación volverá pola tarde en tres tandas, ás seis e media, ás oito e ás dez.
A maiores as principais rúas do centro urbano tamén estarán debidamente ambientadas da man da Asociación Cultural Lumarada de Cornazo, que fará o tradicional pasarrúas a partir das oito.