A Fundación Galega Contra o Narcotráfico naceu nos anos 90, no contexto da Operación Nécora baixo a forma, daquela, de Plataforma, e gracias ó compromiso de xente de diversos credos e ideoloxías contra esta lacra social. Hoxe falamos co seu actual presidente, Manuel Couceiro, do pasado e o presente do narcotráfico en Arousa.
Ó mellor hai xente que non recorda o que foi esa época, os anos 90, en Arousa, no tocante ás drogas. Como llo contaría?
Que sorte, porque iso quere dicir que son xente nova. Foron anos moi complexos, de moita preocupación e moita morte... Arousa era un lugar moi tensionado naqueles momentos. Algo parecido ó que pasa hoxe en día en Andalucía ou Cataluña. Eran épocas moi convulsas e de moita dor, sobre todo. A Fundación sempre mira á persoa que sufre e á familia.
Como ve a situación hoxe en día?
O narcotráfico, como moitas outras cousas da vida, vai estar sempre aí, porque onde hai carto fácil, praceres incontrolables e éxito rápido, pois a xente xa sabemos como é. Pero si que se pode ir acotando e gañando pequenas batallas. Pero é verdade que a sociedade cambiou moito aquí. É moi difícil que a xente aplauda ou lles ría as gracias a estes sinvergonzas ou apedree á Garda Civil como pasa noutros sitios. Gañouse moito en sensibilidade. E a Fundación, nese sentido, fixo un gran labor.
"As fianzas que se lles poñen son irrisorias e os reincidentes non deberían ter tantos beneficios penitenciarios"
É do que están máis orgullosos? De conseguir esa sensibilización?
Si. Sobre todo aquela famosa manifestación dos paraugas nos 90, con miles de persoas, foi a máis populosa e popular contra a droga e marcou un antes e un despois. Foi un logro de todos, pero sempre ten que haber unha Celestina que concite unidade e a Fundación foi quen de facer todo iso. Oxalá non tivesemos que existir pero creo que temos aínda un longo camiño.
E que actividades concretas fan?
A Fundación fai un traballo bonito todo o ano, de loita, de prevención e sensibilización. Comezamos sempre o curso en setembro tocando o tema da saúde e do deporte cos rapaces dos institutos de Arousa norte e sur, dentro do proxecto, Eu Saúde, Eu Camiño, no que facemos un tramo do Camiño de Santiago. Está máis que probado que a xente que fai deporte é máis difícil que caian no mundo das drogas. Tamén facemos a exposición Saudarte, aquí en Vilagarcía e en Cambados en torno ó Nadal. Ademais facemos torneos deportivos... Todo para que os nenos teñan resortes para dicir “non” ás drogas. E todo eclosiona en marzo coa gala (Nécoras de Ouro), onde premiamos ás persoas que fixeron un traballo importante neste sentido.
Que pedirían dos lexisladores para continuar nesta loita contra o narcotráfico?
A primeira premisa sería cumprir coas leis que hai. E despois hai delitos novos que hai regular, por exemplo os petanqueiros, que son os que levan combustible nas lanchas. Nós levamos moito tempo loitado co tema das fianzas irrisorias. Para min ó mellor unha fianza de 35.000 euros é insoportable pero eles téñena en 24 horas. E despois, o tema da reincidencia. Unha persoa que reincide non debería ter tantos beneficios penitenciarios. O día 26 de xuño presentamos no Congreso a PP e PSOE vinte propostas, e moitas delas requiren cambios lexislativos e no código penal, pero se fixeron posible a lei da amnistía, isto é chupado.
Os narcos adoitan dicir que non obrigan a ninguén a consumir e que eles só transportan o material...
Si, eu teño moitos alumnos que tamén me din “se eu non o fago fano outros” e eu dígolles: si, pero ti non o fagas. O que é malo en si, é malo para todos. Ti intenta ser eticamente responsable. É verdade que son transportistas, pero son transportistas de velenos. E ademais no pecado levan a penitencia. É unha demagoxia dicir iso hoxe en día pero eles teñen que xustificarse e os cartos lavan conciencias. Pero como lles digo eu ós rapaces: válevos a pena estar media vida no cárcere?
As series que están tan de moda supoño que inflúen neles...
Si. Pero debían facer máis series e películas onde se vexa a saúde das víctimas das drogas, as consecuencias das familias rotas. Non é ético que se poña ó narco como unha icona. Debería incidirse na maldade e na fealdade do narco. Non é un sedutor. Quen tivo un fillo toxicómano entende a nosa rabia contra este tema.
E os que din que se legalizasen as drogas remataría o narcotráfico?
Eu asinaría. Oxalá. Pero non creo. Xa se veu o que pasou co tabaco. Sempre ante algo legal, sae outra empresa ilegal para abaratar o prezo. Ademais de que o que é malo en si, non se pode legalizar. Outra cousa son os usos terapéuticos. En todo caso, esa legalización debería ser algo global. De que vale que España se apunte a iso se Europa di que non ou ó revés?
Algunha mensaxe que queira lanzar á sociedade?
Nós sabemos que non imos cambiar o mundo, pero si podemos cambiar pequenas cousas. O narcotráfico, o branqueo de capitais, pódense combater. E nós temos que ser como ese psicólogo que poña o acento nos valores que nos unen. Á xente moza, dicirlle que use o deporte, saian de noite, bailen, canten, pero de maneira saudable. Vivirán máis tempo, desfrutarán máis da vida. Que Arousa e Galicia sexan coñecidas por todo o bo que teñen e non che digan “eres de Arousa, mucho narco”.