Reportaxe | Unha zarzuela galega 65 anos despois con estrea de luxo en Vilagarcía

A zarzuela galega “Miñatos de vrán” pode verse no Auditorio de Vilagarcía o vindeiro venres 19 a partir das 20:30 horas. As entradas poden adquirirse no taquilleiro o xoves de 10 a 13 e de 17 a 21 horas e o venres 19 no mesmo horario ata o inicio da función
Reportaxe | Unha zarzuela galega 65 anos despois con estrea de luxo en Vilagarcía
A produción é da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago en colaboración coa Banda de Santiago e o Coro Liceo | g.s.

Os vilagarciáns poderán gozar o vindeiro venres día 19 dunha zarzuela galega de primeiro nivel. A capital arousana é o escenario elixido para a reestrea de “Miñatos de vrán”, unha peza que se interpretou por primeira vez no ano 1928 no Teatro Nacional da Habana (en Cuba) e en Ourense no 1959. “Despois diso, nunca máis a veu ninguén”, explicou dende o Coro Liceo, Pepe Álvarez. Esta entidade vilagarciana é unha das que conforman unha produción moi ambiciosa na que participan a Banda Municipal de Música de Santiago e a Asociación de Amigos da Ópera da capital galega. Así pois, 65 anos despois esta oportunidade única pode volver a vivirse. O elenco é dos máis ambiciosos dos que pisaron o Auditorio dende a súa creación. “Somos un total de 145 persoas as que participamos”, sinalou Álvarez. El mesmo recoñeceu que a obra ten unha “música preciosa”, pero que ten unha execución complexa e ambiciosa. De feito consta de tres actos e é preciso levar a cabo dous intermedios de quince minutos para poder cambiar a escenografía. “É posiblemente o espectáculo máis arriscado do Coro Liceo en 43 anos”, recoñeceu o vilagarcián.


A historia –explican dende a produción da zarzuela– é digna de ser contada. A acción desenvólvese nunha aldea galega de pescadores e labregos á que, no verán, acoden de turismo os señoritos madrileños, coñecidos na vila como “miñatos”. Varias personaxes interpretan unha peza de amor, desamor e traizón que é, sobre todo, “moi divertida”.


“Miñatos de vran” poderá vivirse neste mes de xaneiro grazas á liña estratéxica de Amigos da Ópera de Santiago coa que pretenden recuperar pezas galegas. O estudoso e investigador desta zarzuela, Javier Jurado, aclarou que a orixinal de 1928 que se interpretou na Habana era moito máis sinxela. “Adaptada aos medios que tiñan”. Esa peza primixenia –con música de José Fernández Vide– perdeuse, pero foi o propio Vide o que –anos despois e no seu regreso ao seu Ourense natal– lle pediu a Otero Pedraio que se encargase de escribila coas indicacións que el lembraba da orixinal. “Esta é moito máis complexa, ten tres sopranos, tres barítonos e tres tenores, por exemplo”, explica Jurado. A zarzuela é interesante non só a nivel musical, senón tamén lingüístico, dado que recolle fenómenos como a diglosia –”os da aldea falan en galego e os de clases máis elevadas en castelán”– ou variantes dialectais.


As entradas para asistir ao espectáculo poderán adquirirse na taquilla do Auditorio o xoves 18 de 10 a 13 e de 17 a 21 horas e o venres ás mesmas horas e ata o inicio da función. O prezo é de 12 euros nas zonas A e B e de 10 na zona C. O 21 a peza viaxará ata o Auditorio de Galicia en Santiago. “Son momentos únicos para poder vela”, advirte Álvarez. 

Reportaxe | Unha zarzuela galega 65 anos despois con estrea de luxo en Vilagarcía

Te puede interesar