Falar do que conta o documental de Antonio Caeiro “Eu tamén necesito amar” é falar da historia de décadas contada por mulleres e de pequenas cuestións da vida cotiá que son un reflexo do que sentían e experimentaban. “O xerme desta peza audiovisual empezou en San Sadurniño, en Ferrol, cando nos convidaron a unha chanfaina. Alí comezamos a gravar a homes e mulleres que falaban, entre outras cousas, da importancia das salas de festas nos anos 30, 40 e 50. Foi aí cando nos decatamos que as que realmente tiñan cousas interesantes que contar eran elas. E aí empezamos a tirar do fío”, recorda.
O documental de Caeiro xira en torno á súa propia nai, Pura, á que quería establecer como centro “de todo ese círculo que estabamos creando”. No medio da gravación a súa nai faleceu, pero Antonio Caeiro conta igualmente a súa historia como homenaxe á muller que lle dou a vida. Para configurar a peza audiovisual entrevista a un total de 23 mulleres “de diferentes clases sociais e diversas sensibilidades”, pero que curiosamente tiñan en común o ter vivido cuestións coma “a nenez, a menstruación, os mozos, o sexo ou o matrimonio dunha forma moi semellante”.
Así pois en “Eu tamén necesito amar” aparecen temas que eran tabúes na época e dos que ata non hai moito as mulleres non falaban abertamente. “É curioso por exemplo en temas como o sexo só tres das 23 mulleres que entrevistamos chegaron virxes ao matrimonio. Moi curioso tendo en conta os medios que había naquela época e tamén o medo a que te deixaran se quedabas embarazada antes de casar”, sinala o autor. Tamén aparecen outros como a regla “das que algunhas, cando lles veu, nin sequera oíran falar e a levaban en segredo”. Temáticas secretas que aparecen tamén como o aborto en décadas nas que a súa legalización aínda estaba moi lonxe e “que se practicaban cun xeito que só escoitando é terrible o que se facía”.
As diferencias entre aquelas entrevistadas que tiñan un maior poder adquisitivo e as que non “só se perciben, por exemplo, en que algunhas tiveron que deixar a escola antes e outras tiveron máis opcións. Nas cuestións básicas e nos tabús as súas declaracións son exactamente iguais”.
“Eu tamén necesito amar” é unha peza documental que foi galardoada como mellor na súa categoría no festival de Curtas, pero é a primeira vez que se proxecta en solitario en Vilagarcía dado que a pandemia truncou calquera posibilidade meses antes. Estivo en circuitos de festivais, pero a idea de Antonio Caeiro é que, despois de Vilagarcía, poida verse tamén noutros concellos. A entrada ao pase de hoxe -ás 20:30 horas- é gratuíta.