Superheroes con ADN cuntiense

“Había unha vez un planeta nunha lonxana galaxia no que vivían uns seres (...) que posuían habilidades extraordinarias. Tras moitos anos permitindo que se incendiansen os montes e construíndo encoros (...) aquel lonxano planeta chegou ao seu límite e estoupou. Dous dos seus habitantes escaparon xusto a tempo nunha nave espacial que se estrelou contra a Terra. Eles son os Supergalácticos. Viven entre nós e usan os seus superpoderes cómicos para axudarnos”. Estes peculiares superheroes teñen ADN cuntiense. Son Saleta Fernández e Alberto Torres, que buscan con este proxecto consolidarse no circuito profesional de teatro logo da súa primeira experiencia en “Ladrón e familia”, da man da compañía Teatro do Astracán e baixo a dirección de Evaristo Calvo.
Con case unha década de traxectoria na agrupación de teatro afeccionado Escola Artística de Cuntis, Saleta e Alberto completaron a súa formación participando en obradoiros e cursos monográficos de clown, técnicas de improvisación, interpretación dramática ou movemento escénico baixo a tutela de Iván Prado, Antón Valén, Jesús Jara, Miriam Villalobos ou Anabel Gago, entre outros. Agora queren voar. E para iso nada mellor que botar man da capa de superheroes coa que o domingo aterrarán no Centro Sociocultural “Patelas” (19 horas, con entradas a 3 euros) para poñer en escea un divertido espectáculo dirixido principalmente ao público infantil e familiar. Durante sesenta minutos os Supergalácticos deberán sobrevivir ás situacións máis ridículas e perigosas ante un público que se verá arrastrado a unha participación activa, imprescindible para conseguir a victoria final sobre o malo malísimo: o terrorífico Dr. Neutrón. 
Trátase dunha obra de pequeno formato que se adapta a calquera espazo escénico, tanto en interior como en rúa. Mistura teatro xestual, clown e teatro infantil, deixando tamén espazo para a improvisación por parte dos dous protagonistas, que deron forma    á compañía Código Morsa para dar saída ás súas inquedanzas artísticas. Ademais de Saleta Fernández, Alberto Torres e o director Fran Rei, o equipo complétase con Sonia Díaz, responsable de comunicación e contidos.
As entradas para presenciar as aventuras dos Supergalácticos están xa á venda no bar Chistoso e no establecemento Enea-Fotógrafos. Asimesmo, pódense mercar por 8 euros os tíckets para o espectáculo que protagonizarán Mofa e Befa (Víctor Mosquera e Evaristo Calvo) tamén o domingo ás 21:30 horas no “Patelas”. n

Superheroes con ADN cuntiense

Te puede interesar