A Concellería de Cultura pechará o programa central de conmemoración das Letras Galegas o próximo día 31 co espectáculo “Un verso, un cantar” creado pola compañía do Bruxo Queiman e a cantante Andrea Pousa. Está ambientado nos anos da emigración galega e combina poesía feita canción con textos de Cabanillas, Rosalía ou Curros Enríquez. Pero, como para o departamento dirixido por Víctor Caamaño, a promoción da lingua e a cultura galegas é cousa de todo o ano, nos próximos meses haberá outras actividades como a I Feira do Libro oficial e a concesión do Premio Ramón Cabanillas, outorgado xunto cos libreiros. Este ano a entrega adíase ao 27 de xullo por motivos de axenda do homenaxeado: o profesor da universidade de Xapón Takekazu Asaka.
Embaixador galego
O docente é coñecido na vila cambadesa, que visita en canto ten oportunidade, pero Ramón Domínguez, da Libraría Cabanillas, recordou que “é un apaixonado” da cultura galega, que descubriu a través do semanario Nosa Terra e, dende entón, o vínculo é máis que emocional e el mesmo autoproclámase “embaixador de Galicia no Xapón” porque ten publicado traducións de escritores galegos á súa lingua, entre eles Rosalía ou o “poeta da raza”. De feito, o seu último traballo é co seu poemario “A rosa de cen follas” que presentará o día anterior á entrega do premio.
Antes poderase disfrutar do espectáculo de Queiman e Pousa, que onte, no Paseo da Calzada, deron un adianto, captando a atención de turistas e veciños. “Combina poesía feita cancións con textos de Rosalía, Cabanillas Curros... E cunha estética ambientada nos anos 50, onde os personaxes lle cantan a Galicia dende Bos Aires para amainar a morriña”, explicou a intérprete. Trátase tamén dunha “homenaxe a esa xente que nunca se desligou da cultura galega e que loitou por ela e estiveron e están fóra, pero ademais contén a ilusión de quen regresa tras 20 anos lonxe”, engadiu. Segundo o actor Bruxo Queiman, está personalizado para Cambados e busca destacar outra figura un tanto esquecida, na súa opinión. Trátase de Xosé Fontenla Leal, que “tivo un papel importante na traxectoria vital de Cabanillas; foi quen lle animou a escribir en galego”, explicou.
O espectáculo dura entre 75 e 80 minutos, conta con música ca en directo e terá lugar ás 20:30 horas do próximo día 31, no Auditorio da Xuventude. O prezo da entrada é de 3,5 euros a normal e de 2,5, a reducida, para xubilados, persoas en situación de desemprego e universitarios, entre outros colectivos.