Un dos eventos de maior soleira polo Día das Letras Galegas é a XVI Carreira Virxe da Guía, popularmente coñecida como “a carreira de Carreira”, de carácter solidario en favor de Cáritas Parroquial, que onte contou coa participación de 240 atletas. Os tres primeiros clasificados na categoría absoluta masculina foron José Lojo, Paulino Folgar e Cristian Penas, mentres que na modalidade feminina foron Ángeles Castro, Sabela Pensado e Elena Matalobos. Nas categorías pitufo e prebenxamín obtiveron medalla os 100 participantes, en benxamíns se impuxeron Íker Deán e Nerea Vila, en alevíns gañaron Íker Ayaso e Noa Santamaría, en infantís venceron Álex Ayaso e Sabela García, en cadetes foron Iago Pérez e Laura Cernadas, e en júnior gañou David Agrelo.
A organización desta carreira recordou que cada ano quere recoñecer os valores dos ribeirenses no atletismo, como ocurreu con Ramón Folgar, Ramón Ayaso, José Antonio Nespereira, Juan Antonio Vidal, Abraham Benítez, Carlos Pardavila, Matías Regueira, Virginia Villa y Tucho Mariño. Moncho Sampedro indicou que unha cousa que sempre pesará no seu debe é de que ata a oitava edición non figurou ningunha muller no listado de homenaxeadas, e engadiu que “o peor é recoñecer que os títulos en materia atlética foron, salvo honrosas excepcións, conseguidas polas nosas atletas. Sen ir máis lonxe, non hai máis que ver quen é a ribeirense máis laureada a nivel mundial: Ana Peleteiro. Eso si... o listón está moi alto e ata que poida traer a ensinar unha medalla olímpica a Carreira debatiremos se é a merecente desta homenaxe”, dixo entre bromas.
Nesta ocasión, rendéuselle tributo a Alicia Folgar Torres, á cal o propio Sampedro referirse como “unha das máis grandes mediofondistas españolas”. Logo glosou a súa traxectoria, con catro medallas nacionais e 14 no ámbito galego, internacional en varias ocasións e corredora en varias distancias, incluso en cross. Destacou que compaxinou estas altas metas cos seus estudos de Medicina, que fan que hoxe, tras abandonar o deporte de alto nivel, preste os seus servizos como doutora no Hospital de Lugo. E subliñou que é menbro da saga ribeirense máis atlética, pois é sobriña de Ramón Folgar, o primeiro homenaxeado neste evento carreirense; filla de Paulino Folgar sénior, segundo clasificado na primeira carreira que se fixo hai case 40 anos na parroquia; irmá de Paulino Folgar júnior, outro meritorio mediofondista de altas prestacións; curmán do multicampión galego de ciclismo Manuel Parada, e engadiu que está esperando un bebé que, a bo seguro, se sumará a ese elenco de grandes deportistas. O seu pai foi o encargado de entregarlle unha placa conmemorativa e o seu marido, Juan Pablo Feltes, fixo o propio cun trofeo. Na entrega de premios se fixo máis feliz a moitos máis participantes co sorteo de obsequios como un casco de bici, prendas e calzado deportivo, aínda que algúns deles foron a parar a máns dos que recibiron trofeos.
Case que á carreira se desenvolveu, pola cantidade de actividades programadas, a IX Romaría das Letras no Barbanza, no parque da Cachada, no que houbo 20 postos variados, coa novidade dun de pintura e gravado. Houbo xogos tradicionais e populares e as actuacións de grupos tradicionais das Pequeniñas de Xilbarbeira -e adultas-, o Grupo de Abanqueiro, Nunca é Tarde, Aínda é Sedo, Albaroque, Lumieira e Abeloura e os obradoiros de música tradicional da ANPA de Escarabote. E estiveron as palilleiras Revolteiras e a Banda de Música de Boiro. Tralo xantar houbo lectura de textos de Antón Fraguas por Airiños e presentacións literarias e musicais.
En Ribeira houbo pasarrúas co grupo Andavía, así como o Festivaliño de cine inclusivo e obradoiros e xogos populares na Praza do Concello, e no auditorio actuou Fantoches Baj con “Os romeiros do caracol”; mentres que en Aguiño non faltaron os inchables, a xornada de debuxo infantil e espectáculo familiar “As lendas de Antón Fraguas” de Pedro Brandariz. E a asociación Festival Antrospinos celebrou un ano máis a Feira de 1906, cos postos de artesanía, sesión vermú con gaiteiros e comida popular, trala que houbo un serán con varias actuacións.