O copyright das vacinas

Copyright, é ese dereito que ten un autor ou editor a explotar comercialmente unha obra literaria ou doutros produtos culturais, durante un período de tempo determinado, o que se consigna mediante un identificador co nome do posuidor dos dereitos a xeito de advertencia para quen ouse facer un uso ilícito dela, con consecuencias de alcance no ámbito xurídico da súa protección. Esta expresión, anglosaxoa, é un substantivo masculino que xa invadiu o dicionario da lingua galega, pola súa popularidade para facer eco desta forma de patrimonio que permite utilizalo mesmo para abordar o considerado dereito á propiedade privada do coñecemento científico que se amosa cruel, mesmo por riba da consideración humana de interese público nunha emerxencia sanitaria, á hora de permitir a produción, distribución e vacinación masiva e urxente da poboación mundial que se enfronta á vaga do coronavirus; único xeito efectivo de frear a situación creando unha inmunidade grupal que permita salvar vidas humanas e recuperar a normalidade sanitaria e social.


Da traxectoria seguida nisto, constátase que a comunidade científica sabe como paliar a situación e, proba diso, velaí están as varias vacinas en circulación que se deseñaron en laboratorios de aquí e de acolá do Atlántico Norte, ás que sumar a rusa e chinesa que xogan noutra división máis solidaria; amén das que están en camiño nunha situación moi avanzada para acadar a meta final. Aínda así, na investigación, desenrolo e produción das vacinas que agora comercializan con fin de lucro determinados laboratorios de capital privado, os Estados e o gasto público xogou un papel esencial coa achega de enormes cantidades de fondos do orzamento xeral, feito a modo de subsidios e anticipando do importe da compra de tales produtos, evitando total e absolutamente calquera risco económico ás produtoras dun ben que, finalmente, non é público e por esa mesma natureza agora véndese impoñendo criterios de oferta cos que deixan moi humillado o papel das autoridades que mediaron na negociación, desafiadas con incumprimentos de entrega e demoras.


Non debe haber dúbida á hora de considerar que hai bens no mundo, tal como o Sol que recibimos, o ar que respiramos e tamén o coñecemento científico que salva vidas, que non poden apropiarse por ningún interese particular. No pasado, a humanidade superou outras situacións pandémicas coa acción desinteresada. Na de agora, é necesario suspender estes dereitos de propiedade, aínda que sexa de forma temporal, para producir vacinas de xeito masivo e rápido.

O copyright das vacinas

Te puede interesar