Samuel Diz: “A da Xeración do 27 foi a época de esplendor da guitarra”

Samuel Diz: “A da Xeración do 27 foi a época de esplendor da guitarra”
Diz, coa guitarra de Lorca no museo da Huerta de San Vicente

A versión de “Memoria da melancolía” que o guitarrista Samuel Diz presenta mañá no Jofre xunto co oboísta Benxamín Otero e a escritora Yolanda Castaño repasa a traxectoria de María Teresa León –1903-1988– a través de textos e melodías que crearon os membros da Xeración do 27. Neste espectáculo aclamado polo público e a crítica, Diz empregará unha réplica da guitarra orixinal de Federico García Lorca.


Como xurdiu este proxecto?

É unha especie de viaxe pola vida e a obra de María Teresa León, centrada especialmente na súa autobiografía, publicada en 1970, como unha das testemuñas máis destacadas da Xeración do 27 e do exilio republicano. Partimos dunha selección de textos, traducidos e teatralizados por Yolanda Castaño para esta versión, que van guiando partituras orixinais da época, moitas delas relacionadas con María Teresa León, algunhas inéditas que fun atopando en diferentes arquivos e outras que escribiu Gustavo Durán ou que aparecen en novelas como as de Hemingway.


Había unha relación íntima entre a literatura e a música?

Moita da poesía do 27 está musicalizada por compositores coetáneos, como “Se equivocó la paloma”, de Rafael Alberti, que o compositor Carlos Guastavino converteu nunha das melodías emblemáticas do noso imaxinario musical. Unha das características principais desta xeración interdisciplinar do 27 foi que bebeu do popular para a súa creación. Por exemplo, nas novelas de María Teresa León recóllense melodías que se cantaban durante a Guerra Civil, na que a música foi un medio de comunicación moi importante: melodías que se foron alternando entre un bando e o outro, cambiando as letras. O propio Lorca, na súa obra e nas súas conferencias, sempre fai mención ás cancións populares. Algunhas delas podemos atopalas nos cancioneiros da época ou perduraron e son coñecidas, pero doutras fáltannos esas referencias, polo que houbo que buscalas e investigar para acabar de completar esas historias. Persoalmente, unha das cousas que me fascinan é a recreación desas pontes que no seu día existían e que me permiten estar en diálogo continuo con persoas expertas en moitas disciplinas para comprender mellor ese periodo.


No espectáculo empregará a réplica da guitarra de Lorca...

Desde que comecei a miña traxectoria profesional centreime na Xeración do 27 e hai uns anos un dos máximos expertos na vida de Lorca, Christopher Maurer, convidoume á Univesidade de Boston para dar un concerto. Foi el quen sementou a idea de facer algo coa guitarra de Lorca desde esa óptica de case arqueoloxía musical, de coñecer a música orixinal coetánea, e así foi como xurdiu o proxecto. Primeiro, para ter un contacto inicial co instrumento e saber se ía ser un moble emblemático ou ía conservar a alma interior... Foi unha sorpresa fermosísima descubrir que tiña unhas particularidades máis alá de todo simbolismo, pois ten uns sons moi interesantes, principalmente nos graves, e unha sonoridadade moi difícil de atopar noutra guitarra. Durante a miña residencia artística no museo da Huerta de San Vicente gravamos o disco, “Memoria da Melancolía”, e fixemos unha réplica da guitarra para poder mostrala ao público.


Que ten de especial para un músico a Xeración do 27?

Hai moitos elementos sociais actuais –feminismo, situación política de Cataluña, etc– que teñen un diálogo moi estreito, moi directo, con aquela etapa. No ámbito artístico foi a xeración da vangarda, unha xeración de convivencia e retroalimentación truncada pola guerra e o exilio, onde deixaron unha fonda pegada. A nivel persoal, esa época foi a do esplendor da guitarra pola demanda do ámbito pictórico –os cubistas levaron a guitarra á pintura, por exemplo–. A Xeración do 27, casi na súa integridade, ten obra para guitarra, e iso é a primeira vez que ocorre na historia do instrumento. E iso lévame sempre a pensar como sería España se toda esa xeración non acabase dispersa... 

Samuel Diz: “A da Xeración do 27 foi a época de esplendor da guitarra”

Te puede interesar