“Viva Cristo Rey”, gritou unha muller xusto despois de anunciar, voz en grito, que se dispoñía a ir a misa. A muller, que non atopou ninguén que lle fixera caso, estaba en realidade molesta por unha pancarta que rezaba, non no sentido literal, “Simboloxía fascista nunca máis”.
Colocado na fachada da igrexa parroquial, tapando parte dos nomes dos “caídos” do bando nacional baixo a cruz que encabeza Primo de Rivera, o cartaz forma parte dunha campaña do Bloque Nacionalista Galego de Vilagarcía, que saiu onte a rúa para esixir o cese das loas ao franquismo en plena vía pública.
A voceira, Lucía Veloso, incide na responsabilidade do Concello á hora de “retomar a normalidade democrática”. Recorda a edil que, xa no 2004, o Arzobispado deu permiso para a retirada da cruz, medida que foi aprobada no Pleno en varias ocasións sen que nunca se dera ningún paso. “A responsabilidade, en primeira instancia, é do goberno local”, apunta Veloso, que compareceu acompañada por outros membros do Consello Local do BNG.
A iniciativa irá de novo ao Pleno da man do grupo nacionalista que, nesta ocasión, céntrase na cruz, aínda que Veloso recordou que está pendente o proceso de revisión do rueiro. “Hai dous anos que non se reúne a comisión”, lamenta a voceira do BNG.
Os nacionalistas presentarán a moción no vindeiro Pleno pero, ao mesmo tempo, tratan de acadar o apoio da sociedade. Por elo, recollerán firmas entre cidadáns e colectivos veciñais, culturais e memorialistas.
O texto a firmar sinala que “a permanencia deste tipo de símbolos en edificios relixiosos e nun espazo pública constitúe unha anomalía democrática e supón unha grave ofensa ás vítimas do franquismo”.
Presenza no 8M
Por outra banda, o BNG do Salnés anuncia a súa presencia nas convocatorias polo Día Internacional da Muller que se celebrarán o próximo 8 de marzo na comarca. Así, os nacionalistas acudirán tanto as marchas e concentracións convocadas pola CIG en Vilagarcía, Cambados e O Grove pola mañán, como á concentración que organiza a asociación vilagarcián O Soño de Lilith na Praza de Galicia ás 20 horas.
“As mulleres están a ser especialmente castigadas durante esta crise”, sinala o BNG, que rexeita que se cuestione o dereito das feministas a reivindicarse mentras “se veñen realizando mobilizacións de todo tipo”.