Laureano Araujo, cando a patria é a cultura

Laureano Araujo, cando a patria é a cultura
O momento no que Laureano Araujo recibe o Premio Plácido Castro de Tradución nun acto celebrado en Cambados | d.a.

Esta podería ser a historia de moito fillos de inmigrantes, pero é a de Laureano Araujo; o flamante gañador do XIX Premio Plácido Castro de Tradución polo seu traballo con “Schlumpf, Erwin: Homicidio”, a primeira obra que se traduce ao galego do escritor suízo Friedrich Glauser. Hoxe é un home formado en Dereito, analista político, exfuncionario de Política Lingüística da Xunta, poeta e profesor de alemán, pero a comezos dos 80 era un rapaz que recalaba en Compostela procedente de Berna (Suiza) co propósito de descubrir a terra dos seus pais, e “saber por fin o que significaba para min o verbo volver”.


Ese impulso dos inmigrantes, dos seus pais. Eles sempre quixeron volver a Galicia aínda que a diferenza doutros compatriotas, que acumulaban cartos sen descanso para cumplir este propósito no menor tempom posible, eles “eran rariños, tamén querían gozar da vida e por iso fun un neno feliz”, contaba onte. Non obstante, el non encaixaba, “para min non había ningún sitio para volver porque non marchei de ningures”. Así que regresou sobre os pasos de Mariluz e Laureano, pero sempre sen quitarse de enriba a mesma nostalxia que a eles lles embargaba. Ironías da vida que se di. “Nunca deixei de soñar en bernés, de facer as contas en bernés, de ler e reler os libros en alemán que trouxen comigo...”.


Inicios

Un día decidiu empezar a traducir. O seu coñecemento do galego era escaso, pero tras un curso intensivo de verán, pouco a pouco foise introducindo nos fundamentos da lingua ata dominala. O xurado é moi claro: “Destaca a moi elevada calidade da súa tradución, a gran fluidez e dominio do alemán e o galego. E chama a atención a dificultade de incorporar dialectismos do cantón e as súas notas a pé de páxina, que axudan a contextualizar”.


Así o indicou un dos seus membros, Xavier Senín, da RAG, no acto de entrega celebrado onte en Cambados con representación dos membros da Fundación, da que tamén forma parte Vilagarcía. A súa presidenta, Susi Castro, entregoulle a escultura de Xaquín Chaves, o “Babelio”, e o diploma acreditativo. O premio está dotado con 2.000 euros. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tamén asistiu ao acto.


Araujo desvelou que as verbas do xurado lle emocionaron “profundamente” porque “me vexo retratado como un home que intenta entender e explicar ese planeta tan rico que gravita entre as linguas” e “sei que volver é, en última instancia, unha andaina interior cuxo punto de partida, no meu caso, está escrito nas primeiras liñas da aventura” que protagonizaron os seus pais, que recibiron cordialidade en Suiza, declarou. Pero sobre todo, porque os seus membros viron “o meu esforzo e sacrificio” no texto “e as ganas enormes de compartir” e soubo que “volver era isto, atoparme a min mesmo e atopar o mundo afable, respectuoso, xeneroso e grato co que soñaron os meus pais. Plácido Castro estaría orgullo de vós”, concluiu.


A súa obra, como outras tantas, pódese disfrutar na plataforma Bivir, nada do inxente esforzo da Asociación de Traductores Galegos e que se busca manter e incrementar porque permite gozar en galego de obras cumbres da literatura universal.

Laureano Araujo, cando a patria é a cultura

Te puede interesar