María Fontán, unha mariscadora grovense que tamén faena con redes dixitais

María Fontán, unha mariscadora grovense que tamén faena con redes dixitais
A mariscadora María Fontán no seu escenario de traballo e produción | cedida

A María Fontán non lle gusta considerarse unha “influencer”, pero esta mariscadora grovense tamén faena cada día nas redes sociais para 1.629 seguidores interesados en saber máis da súa profesión e gozar da parte boa que ten traballar no paraíso da ría de Arousa. E aínda que lle gusta compartir “as cousas bonitas”, tamén considera importante visibilizar a menos grata sobre todo a esa parte da sociedade descoñecedora da realidade do marisqueo. “Vese que hai xente que non coñece o noso día a día en profundidade, non sabe que facemos resembras, limpezas de algas, imos ao abono... Pensa que ir mariscar e baixar á praia e ale, aí estamos todas xuntiñas. Hai máis esforzo do que parece, non é pasar un rastrillo e xa está”, explica.


O próximo xaneiro cumplirá oito anos de profesión e hai uns días celebrou o segundo aniversario da súa faceta dixital: “Mariscadora 2.0”, que no Facebook e no Instagram atrae a galegos de nacemento e domicilio e incluso residentes noutros lugares que así alimentan a su morriña: “Encántalles”. Pero tamén xente doutras comunidades autónomas que, como puido comprobar, non sempre son os que amosan maior descoñecemento sobre a actividade.


Hai poucos días, unha muller galega preguntoulle se era posible ir mariscar como actividade turística e mesmo levar para casa as ameixas apañadas. Tampouco falta quen lle plantexa comprarllas directamente –frescas, frescas–, pero María é moi dilixente: “Explicas que cousas así xa existen e que non é posible porque o marisco ten un proceso de venda e trazabilidade, ten que pasar pola depuradora, etc.”.


De feito, esta faceta divulgativa é produto dun proceso. A chispa prendeu no seu perfil persoal e debido a súa paixón pola fotografía porque foi cando se decatou de que as imaxes relacionadas co seu traballo xeraban máis interese que ningunha outra cousa. A idea xa rondaba a súa cabeza, pero o empuxón definitivo veu pola insistencia dunha amiga, e “tivo moi boa acollida”, explica. Así que agora non pasa un día sen subir algo ás redes, neste caso dixitais, sobre as capturas, postas de sol, curiosidades..


“Flipando” co temporal

Ata o momento, un video en pleno inverno foi o que se levou a palma en interaccións. “Non sei cantas veces se compartiu. Era un día con moito vento e olas e a xente flipa cando nos ve no medio do mar coa auga polo peito”, relata a grovense. Porque a profesión é dura e ás veces non hai neopreno que evite o frío golpeando os ósos nin gorra que aplaque o duro sol dun asfixiante de día verán. Pero tamén pola inestabilidade: “Ás veces non apañas o tope; no Nadal suben moito os prezos si, pero tamén hai meses malos”. Pero aínda así, asegura que é un bo traballo. Tamén que lle gusta máis mostrar “o bonito, non suelo poñer cousas feas”, confesa a moza, de 30 anos e que tamén forma parte da Asociación Mulleres do Mar de Arousa.


Polo de agora, María Fontán tivo sorte porque o móbil nunca lle caeu á auga, aínda que alguna pasadiña de secador e unhas horas durmindo entre arroz tivo que pasar tras días húmidos e de choiva.

María Fontán, unha mariscadora grovense que tamén faena con redes dixitais

Te puede interesar